12 may. 2016

Ficha e Lectio - Pentecoste

 






LECTIO:

PENTECOSTE 
(Ano C: 15 maio 2016)
           
            Pentecoste é o nome de orixe grega da festividade da vinda do Espírito Santo onda nós. Fai referencia ós “cincuenta” días de despois da Resurrección do Señor. Un número de días que, tamén aquí, non se ha entender literalmente senón de maneira simbólica. É un día emocionante, grandioso, este da vinda do Espírito Santo onda nós, para se facer presente en cada un de nós: homes e mulleres do mundo enteiro de hoxe, mais tamén de tódalas épocas anteriores e das vindeiras.     
            A festa de Pentecoste está en paralelismo e, ó tempo, á maneira de contrapunto coa festa da Ascensión do Señor, que celebrabamos o domingo pasado. Aledabámonos entón e dabámoslle grazas a Deus Pai polo ascenso glorioso de Xesús ós ceos despois da súa Resurrección. Coa Ascensión de Xesús estaba simbolicamente sinalado o camiño e construída a ponte, entre terra e ceo, para acadarmos así vida e felicidade definitivas.
            Hoxe, nesta festa do Espírito Santo, o que ocorre non é unha vez máis un “ascenso”, unha “Ascensión”, senón un “descenso”, unha vinda onda nós do Espírito Santo. Por mediación de Xesús ascendido ós “ceos”, é dicir, ascendido a esa nova situación gloriosa de Xesús, anticipo do que será a nosa, baixa o “Espírito” de Deus onda nós. Un “Espírito” que fica xa para sempre onda nós. O Espírito de Deus veu onda nós, está con nós e estarao sempre mentres o mundo sexa mundo. A súa vinda non ten data de caducidade. Veu para se quedar. De modo que se é verdade que hai Ascensión de Xesús ós ceos, non a hai do Espírito Santo. El está no corazón mesmo de cada un de nós e da nosa comunidade cristiá e aquí quere permanecer como en casa propia.
            Deste xeito, o Espírito Santo vén sendo algo así como a presenza de Deus entre nós máis alá do tempo histórico ou biográfico en que Xesús, o “Deus connosco”, estivo con nós. Precisamente por iso, é dicir, grazas á vinda do Espírito Santo, enviado onda nós por Xesús e polo Pai, podía dicir Xesús, a pesar da súa marcha, a pesar da súa “Ascensión”, que el, é dicir Xesús, “estará sempre connosco ata a fin do mundo”. E se Xesús é a imaxe, o retrato vivo de Deus Pai, o Espírito Santo é pola súa parte a presenza viva e actuante de Xesús, ascendido ós ceos, en tódalas persoas do mundo enteiro deica a fin dos tempos.
            Nos Feitos dos Apóstolos, o Espírito de Deus énos presentado, na súa vinda onda nós, como o “ruído dun forte golpe de vento” que o enche todo, e como “linguas de lume” que se pousan sobre cada un dos presentes. Ocorre aquí unha transformación fonda dos apóstolos, que os fai sentirse a si mesmos como “cheos do Espírito Santo”. De tal maneira que son capaces de dárense a entender por tódolos que os escoitan. Dísenos alí que todos os comprendían perfectamente, coma se falasen na súa propia lingua, sendo así que de feito os que os escoitaban eran de moi diferentes linguas e nacións.
            Tanto nos comezos do espallamento da boa nova de Xesús coma nos tempos de hoxe e de mañá o que nos fai falla a tódolos cristiáns é ese “enchérmonos do Espírito Santo”, tal como ocorreu no primeiro Pentecoste. Ese sentirmos en nós a presenza viva do Espírito Santo, que nos dá vigor e azos para o anuncio da mensaxe de Xesús con liberdade, alegría e agradecemento. Anuncio que se realiza coas palabras, aínda que mellor cos feitos, porque, á fin de contas, as primeiras sen os feitos non son máis que verbas baleiras.
            De que falaban os apóstolos, transformados en si mesmos pola presenza neles do Espírito Santo? Dinnos os Feitos dos Apóstolos que falaban “das grandezas de Deus”. Eles sentían en si mesmos o “grande” que era ese Deus que se nos dera a si mesmo a nós no seu Fillo Xesús e que agora se facía presente coa forza e o poder transformador do Espírito Santo.
            Por iso, é hoxe sobre todo un día no que deberiamos repetir, individual e comunitariamente, aquela petición que a “Secuencia” formula deste xeito: “Vén, Espírito divino..., Vén, hóspede desexado... Entra ata o fondo da alma, divina luz, e enriquécenos... Vén, Espírito Santo, enche o corazón dos teus fieis...
            Teriamos que concienciarnos de que este Deus que se nos comunica no Espírito Santo e que está na mesma orixe da igrexa é un Deus impetuoso, forte, como é forte un vento impetuoso capaz de derrubar carballos ou castiñeiros. Un Deus libre e que ama a liberdade. Un Deus que se comunica e que se fai comprender en calquera lingua e cultura. Un Deus que non se ata a límites, prescricións ou ritos concretos. Porque a súa grandeza (esa grandeza da que falaban os apóstolos ós alí presentes) é unha grandeza divina. Por ser tal, actúa o Espírito de Deus en nós non só coma un vento forte, senón tamén como brisa ou alento suave que nos dá paz e alegría. Así o expresaba ou simbolizaba Xesús cando no evanxeo de Xoán se nos di que, despois de darlles a paz ós seus discípulos, o Xesús resucitado “alentou sobre eles”, dicíndolles: “Recibide o Espírito Santo”.
            Un “alento” que liberará ós discípulos dos seus “des-alentos” e medos para anunciaren con afouteza a boa nova da Resurrección de Xesús. Espírito, pois, forte e maino, ó que lle gusta a unidade, mais tamén a diferenza de persoas, de culturas e de linguas, e polo tanto que está lonxe de estreitos dogmatismos e uniformidades. Que quere portas abertas ó mundo, tal como nolo pide hoxe en día tamén o papa Francisco, para que xentes e pobos poidan así chegar ó coñecemento das grandezas de Deus.
            Sobre esta festa de Pentecoste lin hai pouco o seguinte: “Na Igrexa somos moi pouco devotos do Espírito Santo. Sen embargo, só no Espírito somos os cristiáns capaces das cousas que no noso falar e no noso obrar nos distinguen como cristiáns. Sen o Espírito nin seriamos adoradores do Pai, nin seguidores de Xesús, nin servidores dos pobres. Non seriamos nada”.
            Pois ben, para convertérmonos, tal como deberiamos, en fervorosos devotos deste Espírito de Deus, mergullándonos nel e concienciándonos así da súa presenza agarimosa en nós e en cantos nos arrodean, pidámoslle a el mesmo que nos mande a súa luz, utilizando as palabras do comezo da “Secuencia” deste día. TODOS: “Vén, Espírito divino, manda a túa luz do ceo”.

CREDO

ORACIÓN DOS FIEIS
A Ti, Espírito divino, que procedes do Pai e do Fillo, dirixímosche neste día de Pentecoste as nosas oracións coa emoción e a forza que Ti mesmo nos dás, dicindo: “Vén, Espírito divino”. 
TODOS: “Vén, Espírito divino”.

- Vén, Espírito divino, manda a túa luz do ceo. 
TODOS: Vén, Espírito divino”.
- Entra ata o fondo da alma, divina luz, e enriquécenos. 
TODOS: Vén, Espírito divino”.
- Vén, Espírito Santo, enche o corazón dos teus fieis. 
TODOS: Vén, Espírito divino”.

            Pedímoscho, Espírito divino do Pai e do Fillo, coa confianza e a esperanza que Ti mesmo nos dás. Amén.

                                                                                              Manuel Cabada Castro



VER MÁIS:

No hay comentarios:

Publicar un comentario