Ficha e Lectio: Corpus Christi C
Para facer cos nenos
ADAPTADO DE http://elrincondelasmelli.blogspot.com.es/
LECTIO:
SANTÍSIMO CORPO E SANGUE DE CRISTO
(29
maio 2016: Ano C)
No
pasado domingo celebramos a festa da Santísima Trindade, na que reflexionabamos
sobre o significado desta festa como revelación de Deus a nós do que El mesmo
é: un Deus que, desde sempre, é un e trino, unido e diferente en si mesmo. Un
Deus que quere comunicarse a todos nós e facer de nós, en comuñón con El, algo
semellante ó que El mesmo é: unha soa e incomparábel familia. Unha familia, na
que esteamos todos unidos entre nós e con El polo amor, manténdonos todos e
cada un autónomos e libres, é dicir, diferentes.
Ó
celebrarmos agora a festa do Corpo e do Sangue de Cristo, non podemos esquecer
este contexto xeral grandioso do que Deus mesmo é. Como sabemos, a meirande
expresión da relación de Deus con nós é o feito de que El se fixo humano en
Xesús, o seu Fillo encarnado, cun corpo igual ó noso.
Pois
ben, con este Xesús visíbel, audíbel e tanxíbel estiveron en contacto directo
os seus apóstolos. Por iso son eles para nós as verdadeiras testemuñas de Xesús
e tamén polo tanto de como Deus é. Os que viñemos ó mundo despois deles, temos
tamén a posibilidade de relacionármonos de maneira especial con Xesús e, a través del e nel, co Pai e co Espírito
Santo. Esta é a fonda mensaxe da festa de hoxe, a do Corpo e Sangue de Cristo.
Porque
na eucaristía entramos en contacto especial con Deus. E isto ocorre de dúas
maneiras fundamentais:
A primeira é cando escoitamos comunitariamente
a palabra de Deus. Ben sabemos o agradábel que nos resulta a todos cando alguén
nos dirixe amigabelmente a palabra. E tamén como nos doe cando algún coñecido
noso pasa ó noso lado sen dicirnos ren. Medramos e fortalecémonos internamente
coa palabra e cos agarimos dos demais. Pois ben, Deus diríxenos a súa palabra
amorosa de xeitos moi diversos. A través da nosa propia conciencia, dos bos
exemplos que recibimos dos demais, a través da palabra súa que se nos fai
presente nos relatos evanxélicos. Neste senso, a palabra de Deus é para nós
verdadeira comida. Porque nos alimenta e nos dá azos, porque nos ofrece un
sentido para a vida, porque nos fai vivir con plenitude.
A
segunda maneira de entrarmos en contacto con Deus nos nosos encontros semanais
na igrexa é a comuñón eucarística. Cando facemos iso, sabemos que non
realizamos un rito baleiro. Pola palabra de Deus, na que cremos, somos
conscientes de que na comuñón do “corpo de Cristo” recibimos un incríbel
impulso vital e vitalizador. Xesús definiuse a si mesmo moitas veces como
“Vida”: “En son o camiño, a verdade e A VIDA”. “Eu son o pan VIVO”. “Se alguén come deste pan, VIVIRÁ para
sempre”. “O pan que eu darei é ... para a VIDA do mundo”. “Quen come a miña
carne e bebe o meu sangue, TEN VIDA ETERNA E EU RESUCITAREINO no derradeiro
día”. “Quen come este pan VIVIRÁ para sempre”.
Concretamente,
na segunda Lectura de hoxe lémbranos Paulo na súa carta ós Corintios os
acontecementos da derradeira Cea do Señor, cando Xesús lles di ós Apóstolos:
“Isto é o meu corpo”, “Isto é o meu sangue”. Trátase dun corpo e dun sangue
que, tal como lles di Xesús, “se entregan por vós”. Nas nosas eucaristías é iso
o que comunitariamente intentamos facer: “lembrármonos”, como nos pide o mesmo
Xesús, desta súa entrega total a nós para que pola nosa parte fagamos nós o
mesmo con todos. Esa era tamén a intención, convertida en pedra, da escultura
da “Derradeira Cea” que temos aquí diante, realizada por Xoán Piñeiro Nogueira,
nado preto de aquí, en Cangas, ó outro lado desta nosa fermosa ría de Vigo: facernos
artisticamente presente a derradeira mensaxe de Xesús.
Esta
festividade ten que ser, pois, para nós unha nova e especial ocasión de
agradecermos a Deus pola súa xenerosidade infinita. Un Deus que se entrega a
nós e se deixa comer por nós para que así poidamos participar nós da súa forza
e da súa vida.
Hoxe
en día instrúennos de cando en vez os especialistas e os medios de comunicación
sobre os alimentos que cómpre comer ou deixar de comer para mantérmonos en
forma e para alongar o máis posíbel a nosa vida ou, como se di, a nosa calidade
de vida. Todo iso está moi ben, aínda que sabemos que por moito caso que lles
fagamos a esas recomendacións, o problema principal, a posibilidade de vivirmos
sempre, non nola resolven.
En
calquera caso e en canto cristiáns temos que saber proclamar e ofrecer tamén os
nosos produtos, a nosa propia dietética. Que consiste, en definitiva, en
anunciarmos e vivirmos ó tempo en nós mesmos a Cristo como “Vida”, como dador
de vida, dunha vida sen data de caducidade, porque é eterna.
Unha
forte crenza na vida, por outra parte, que ten que se amosar no noso interese
pola vida de todos, de maneira especial pola daqueles cos que convivimos e que poden
precisar da nosa axuda. Axuda material e espiritual, proporcionando amor,
acompañamento humano e tamén os medios materiais que lles poidamos ofrecer. Por
iso, esta festa eucarística ha ser sempre unha festa non só íntima ou devota,
senón tamén e sobre todo social e comunitaria. Para que así como Deus nos
ofrece e nos dá a súa vida a cada un de nós, así tamén deamos nós algo polo
menos da nosa vida, do que somos ou temos, ós demais.
Todo
isto é o que está tamén no fondo da mensaxe da “multiplicación dos pans e dos
peixes” do evanxeo de Lucas. Tivo que se tratar dun acontecemento bastante
especial ou rechamante para que os catro evanxelistas falen del (Mateo e Marcos
falan del incluso dúas veces). Da escena da multiplicación dos pans e dos
peixes podemos deducir que Xesús quere e busca de verdade a nosa felicidade,
material e espiritual. Unha felicidade total e compartida. Non pode ser que só
uns poucos vivan felices e contentos mentres que os demais teñan que pasalo moi
mal para acadaren o que precisan tanto eles mesmos coma os que teñen ó seu
coidado.
Todo
isto temos que telo en conta cando celebramos a festa do Corpo e do Sangue de
Cristo. Porque “corpo de Cristo” son tamén, e de maneira moi especial, os
pobres e necesitados. De maneira que comulguemos así non só co corpo
eucarístico de Xesús, senón tamén cos corpos famentos e necesitados que existen
en tantas partes da terra, que nos fan neles presente a ese Xesús, fillo
benquerido de Deus, que decidiu identificarse con eles.
Por
iso a esta festividade do Corpo de Cristo está tradicionalmente asociado o Día
da caridade, que é tamén hoxe. Queiramos ós demais como o Deus de Xesús quere a
todos e de maneira especial ós seus fillos e irmáns nosos máis necesitados.
CREDO
ORACIÓN DOS FIEIS
Pidámoslle a Deus Pai por medio do seu Fillo Xesús que
escoite as nosas oracións dicindo: ESCÓITANOS, PAI.
- Pola Igrexa, para que reparta o pan e a
palabra de Cristo de xeito que chegue a todos cantos teñen fame e sede de
xustiza, de paz, de Deus.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
- Polos pobres e excluídos do mundo para
que atopen na sociedade e na Igrexa canles e recursos que alivien os seus
problemas.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
- Por todos nós, para que ó alimentarnos
do corpo e do sangue de Cristo fagamos eucarística a nosa vida no servizo ós
demais.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
PEDÍMOSCHO, PAI,
POLO TEU FILLO XESÚS CRISTO NOSO SEÑOR. AMÉN.
Manuel
Cabada Castro
Comentarios
Publicar un comentario