Ficha e Lectio - Ascensión do Señor C
ADAPTADO DE http://elrincondelasmelli.blogspot.com.es/
LECTIO:
ASCENSIÓN DO SEÑOR
(Ano C: 8 maio 2016)
Esta grandiosa festa da Ascensión do Señor abrangue
mensaxes e ideas fondas e sublimes. Nela, neste Cristo do que se nos di que
“ascende” ó ceo, vén construírse en certo modo a ponte airosa, ben asentada e
segura, entre o ceo e a terra, entre a divindade e a humanidade, entre o noso
destino e o de Deus mesmo. Con Xesús, irmán noso e fillo de Deus que ascende ós
ceos, a humanidade acada a salvación definitiva. Nela estamos incluídos todos
nós xunto coas xeracións pasadas, presentes e vindeiras.
Naturalmente as palabras “ceo” e “terra” hai que
entendelas de maneira simbólica, non física ou astronómica. Ben sabemos que o
ceo de Deus está en tódalas partes, e de maneira especial en todas e cada unha
das persoas que o queren. Todos e cada un de nós somos así en realidade
“templos” de Deus. Dicir polo tanto, como fai Lucas, que Xesús ascendeu ós ceos
quere dicir que el, trala súa vida, morte e resurrección, acadou a plenitude da
súa unión con Deus Pai. Non debemos tomar polo tanto ó pé da letra o relato de
Lucas, como se o ceo fose un lugar que estivese un pouco máis arriba ou moito
máis arriba das nubes que nos traen a chuvia. É só unha maneira de expresar o
grandioso destino de Xesús e de todos nós se somos verdadeiros seguidores de
Xesús.
A Ascensión do Señor significa para nós que, posto que
Xesús é o Fillo de Deus encarnado ou humanizado, a terra e a humanidade toda
están e estarán sempre presentes ante o mesmo Deus para sempre, por toda unha
eternidade. Pois Xesús, o Fillo de Deus, é e será tamén para sempre un de nós.
Xesús é o “Emmanuel”, é dicir, o “Deus connosco”. Por iso, en certo modo, tamén
nós poderiamos chamarnos a nós mesmos “nós con Deus”, igual que Xesús é “Deus
connosco”. En Xesús humanidade e divindade están e estarán sempre estreitamente unidas. En
consecuencia, tanto nós estamos con el coma el connosco.
A Ascensión amósanos así cal é tamén o noso “camiño”, un
camiño “ascendente”. Xesús dixera de si mesmo que el non só é a Verdade e a
Vida, senón tamén o “Camiño”. Un camiño que todos estamos chamados e convidados
a percorrer. Nunha peregrinaxe na que non nos fallarán as forzas do seu
Espírito, do Espírito Santo que Xesús nos promete tamén hoxe: “Heivos mandar o
don prometido por meu Pai”.
Trátase dunha peregrinaxe, dunha “ascensión”, que non
realizamos en solitario. Unha peregrinaxe faise máis doada e alegre cando un
vai con outros que o acompañan, que lle dan azos e que lle fornecen canta axuda
precisa. Os que cremos en Cristo non cremos nel de maneira individual,
desligados da crenza dos demais. Formamos xuntos un pobo ou, na linguaxe de
Paulo, un corpo con diversos membros. Xesús vai sempre diante de nós,
dirixíndonos, animándonos e dándonos forzas.
Na súa carta ós Efesios fálanos efectivamente hoxe Paulo
de que Cristo resucitado e ascendido ós ceos é a “cabeza” da Igrexa. Deus Pai
−dinos Paulo− é quen someteu todo a Xesús e quen “o puxo por riba de todo como
cabeza da Igrexa, que é o seu corpo”. Nós somos, polo tanto, membros deste
corpo misterioso que ten en Xesús a súa “cabeza” que o dirixe e estimula. Xesús
coida así de tódolos membros do seu corpo místico, no que estamos incluídos
nós.
Unha cabeza sen o seu corpo non ten sentido ningún. Sería
unha cabeza morta, sen vida. O corpo, separado dela, sería tamén un corpo
morto, a punto de se corromper e desaparecer. Por iso a plenitude de Xesús como
cabeza do seu corpo só pode ser tal se como cabeza ten un corpo unido a ela e
vivificado por ela. Ascensión de Xesús significa, polo tanto, que, se el como
cabeza do seu corpo místico xa ascendeu, esa ascensión non será plena ou
perfecta mentres non realicemos tamén nós esa mesma “ascensión” de Xesús e con
el.
Estamos así todos chamados e convidados a realizar un
esforzo común, ben unidos á nosa cabeza, cara a unha meta grandiosa e fermosa,
que ninguén no fondo pode deixar de apetecer. Porque quen non quere vivir
sempre?, quen non busca a verdade total?, quen non quere acertar co camiño que
o leve a unha meta de felicidade sen termo?
Pois ben, todo isto só o podemos acadar manténdonos ben unidos á nosa
cabeza.
Estes desexos son, por outra banda, comúns a tódalas
persoas. Ninguén carece deles. Por iso, así como a cabeza ten que estar unida ó
resto do corpo para que haxa vida e se poida falar dun corpo ou dunha persoa viva,
así tamén é o corpo un conxunto unido de membros e de órganos diversos. Cada
unha das partes do corpo depende das outras. Do mesmo xeito formamos tamén
entre todos un fermoso corpo, o corpo místico de Cristo, cabeza nosa, que nos
salva e dá vida. De modo que as mans ou os pés dese corpo non se poden
considerar verdadeiramente salvados se só son eles os que se salvan. Desa
maneira o corpo deixaría de ser un verdadeiro corpo. Sería algo deforme ou
monstruoso.
Ascensión do Señor quere dicir tamén, por tanto, que só
podemos “ascender”, unidos á nosa cabeza Cristo, se nos mantemos unidos non só
coa nosa cabeza senón tamén cos demais membros deste misterioso corpo de
Cristo. E estes outros membros do corpo místico de Cristo son tódalas persoas
do mundo, de calquera cultura, relixión, lingua ou clase social que sexan.
Para
rematar. Coa Ascensión de Xesús, que vén sendo o cumio da súa Resurrección,
estamos consecuentemente chamados todos a agradecer a grandeza de Deus Pai e
dos seus proxectos sobre nós. Paulo fálanos hoxe de que deberiamos abrir os
ollos para intentar comprender “o vigor da potencia e da forza” de Deus Pai en
relación connosco.
Como
se nos amosa este “vigor”? Paulo explícanolo dicindo que Deus Pai exerceu o seu
vigor e a súa forza “resucitando a Cristo de entre os mortos e sentándoo á súa
dereita nos ceos, por riba de todo principado e potestade, de toda virtude e
dominación, e por riba de todo título de honra recoñecido neste mundo e tamén
no vindeiro”.
De modo que, se toda Eucaristía é agradecemento a Deus,
hoxe debería selo de maneira especial por ternos concedido na Ascensión de
Xesús o gratuíto don seu da nosa propia futura Ascensión onda El polos méritos
do seu fillo Xesús Cristo.
ORACIÓN DOS FIEIS
Deus, noso Pai, a Ti, que nos
mandaches o teu fillo Xesús como “o camiño, a verdade e a vida”, dirixímosche a
nosas oracións, por medio do teu Fillo Xesús e na forza do Espírito Santo,
dicindo: Escóitanos, Pai.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
- Apréndenos, Pai, a vermos en
Xesús, que ascende ós cos, o camiño que a través da nosa vida nos leva cara a
Ti.
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
- Axúdanos, Pai, a vermos a
humanidade toda como destinada a se superar cada vez máis a si mesma nun
ascenso continuo cara arriba, cara un comportamento individual e social cada
vez máis fraternal e humano.
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
- Axuda, Pai, a tódalas
persoas e países do mundo a superaren a súa situación de violencia e desamparo
en que se atopan.
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
Pedímoscho,
Pai, por Xesús Cristo, Fillo teu e irmán noso, que hoxe ascende ós ceos. TODOS:
AMÉN.
Manuel
Cabada Castro
VER MÁIS:
Comentarios
Publicar un comentario