Ascensión do Señor C
A ASCENSIÓN DO SEÑOR
Primeira Lectura Feit 1, 1-11
LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
Elevouse á vista deles
O primeiro libro
fíxeno, Teófilo, acerca de todo o que Xesús obrou e ensinou desde o comezo, ata
o día que foi levado ao ceo, logo de ter dado instrucións polo Espírito Santo
aos apóstolos que escollera.
Ós mesmos que tamén se
lles amosara vivo, con moitas probas despois da súa paixón, aparecéuselles
durante corenta días e faláballes das cousas referentes ao Reino de Deus.
E comendo con eles,
encomendoulles que non se retirasen de Xerusalén, senón que agardasen a promesa
do Pai que me escoitastes a min: porque Xoán bautizou con auga, mais a vós
bautizarásevos co Espírito Santo, de aquí a poucos días.
Os que estaban
reunidos preguntábanlle:
‑ Señor, é agora cando
vas restablecer o Reino de Israel?
El respondeulles:
‑ Non vos acae a vós
coñecer o tempo ou a oportunidade que o Pai fixou co seu propio poder. Pero
recibiredes a forza do Espírito Santo, que virá sobre vós e seredes as miñas
testemuñas en Xerusalén, en toda a Xudea e Samaría e ata os confíns da terra.
En dicindo isto,
elevouse á vista deles e unha nube quitóullelo da súa vista. E estando eles
fitando para o ceo mentres el marchaba, presentáronselles dous homes con vestidos
brancos, que dixeron:
‑ Galileos, que
facedes ollando para o ceo? Este Xesús que vos foi levado de entre vós ao ceo,
ha volver do mesmo xeito que o vistes ir.
Palabra
do Señor R/.
Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 46,
2-3. 6-7. 8-9
R/. (6): Deus sobe entre aclamacións, o Señor, ao son de trompetas.
Ou: Aleluia.
Aplaudide, pobos todos,
aclamade a Deus con cancións.
O Señor é excelso e terrible,
o gran rei de toda a terra.
Deus sobe entre aclamacións,
o Señor, ao son de trompetas.
Cantádelle a Deus, cantádelle,
cantádelle ao noso rei, cantádelle.
Deus é o rei de toda a terra:
cantádelle con xeito.
Deus reina sobre as nacións,
sentado no seu trono sagrado.
Segunda Lectura Ef 1, 17-23
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS EFESIOS
Sentouno á súa dereita no ceo
Irmáns:
O Deus do noso Señor
Xesús Cristo, o Pai da gloria, vos conceda espírito de sabedoría e de
revelación, para o coñecerdes ben; que manteña iluminados os ollos da vosa
alma, para que comprendades cal é a esperanza da súa chamada, cal a riqueza da
gloria da súa herdanza nos crentes, e cal o extraordinario portento do seu
poder verbo de nós, os crentes, en consonancia co vigor da súa potencia e da
súa forza, que exerceu con Cristo resucitándoo de entre os mortos e sentándoo á
súa dereita nos ceos, por riba de todo principado e potestade, de toda virtude
e dominación, e por riba de todo título de honra recoñecido neste mundo e tamén
no vindeiro.
Someteullo todo baixo
os seus pés e púxollo por riba de todo como cabeza á Igrexa, que é o seu corpo,
a plenitude daquel que o enche todo en todas as cousas.
Palabra
do Señor R/.
Grazas a Deus
ALELUIA Mt 28, 19a. 20b
Se non se canta, pódese omitir.
Aleluia, aleluia.
Ide e ensinade a todas as xentes, di o Señor:
eu estou convosco todos os días ata a fin do mundo.
Aleluia.
CICLO C Lc 24, 46-53
LECTURA DO FINAL DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Mentres os bendicía, era levado ao ceo
Naquel tempo, díxolles
Xesús aos seus discípulos:
‑ Así está escrito: o
Mesías padecerá e resucitará de entre os mortos no terceiro día, e predicarase
no seu nome a conversión e mais o perdón dos pecados a todos os pobos,
empezando por Xerusalén.
Vós seredes testemuñas
de todo isto. E eu heivos mandar o don prometido por meu Pai. Entrementres
seguide na cidade, ata que se vos revista co poder que vén de arriba.
Despois levounos para
fóra, a un lugar preto de Betania, e alí, erguendo as mans, bendiciunos.
E mentres os bendicía,
foise separando deles, e foi elevado ao ceo. Eles, despois de se prostraren
perante el, volveron para Xerusalén cheos de alegría. E seguían decote, no
templo, bendicindo a Deus.
Palabra
do Señor R/.
Loámoste, Cristo
POWER POINTS
CANTO GOZOSO
·
ENTRADA:
·
ASPERSIÓN:
A auga do Señor
·
LECTURAS:
·
OFERTORIO:
Na nosa terra
COMUÑÓN:
Comentarios
Publicar un comentario