Pedide e recibiredes - Lc 11, 1-13

Domingo 17 de Ordinario - ciclo C


NOSO PAI CASA ABERTA

Noso Pai, casa aberta aos homes, sen portas nin ventás.
Noso Pai, corazón como unha carpa de circo
que acolle en festa, en xogo de luces e cores.
Pai, que estás nos ceos derramando estrelas
e dando vida na túa vida, ó home, á creación.

Pai, santificado sexa o teu nome
e que o teu Espírito faga que o home creado viva no amor.

Noso Pai, veña a todos o teu Reino,
a túa mesma grandeza acolla o home e lle dea calor.
A túa paz, a túa misericordia, a túa tenrura e alegría
esperten na Humanidade encontro de reconciliación.

Pai, fágase a túa vontade, como se fixo ó principio.
Fágase de novo, como se fixo na Encarnación.
Fágase a túa vontade como se fixo na Cruz
e do fracaso aparente xurdiu a Resurrección.

Fágase, aquí na terra, no corazón do home,
como se fai no ceo, vivindo en comuñón.

Pai, dános hoxe e cada día o noso pan,
o pan acabado de amasar que quita a dor.
O pan compartido e feito anacos nas mans
que a penas ten migallas sen ningún sabor.

Dános o pan, como llo deu teu Fillo
aos seus amigos na cea do adeus, na cea da nova Alianza.
Dános o pan de vida, que o corazón non se sacia
con cousas que só tocan a pel e nunca o íntimo.
Pai, dános compartir a bola grande co irmán
e sentalo á mesa co mantel branco, no comedor.

Pai, perdóanos as nosas débedas,
que somos pecadores e as túas mans de Pai
saben sobre de todo a perdón.

Perdóanos Ti que es Pai e comprendes o corazón de barro.
Acóllenos, como acolliches o fillo pródigo
que fuxiu da casa e ao atoparse entre os teus brazos, atopouse.

Perdóanos, Pai, como tamén nós perdoamos,
como Xesús, teu Fillo, nos perdoou na Cruz.
Dános un corazón cheo de tenrura e misericordia.

Noso Pai, non nos deixes caer no camiño,
non nos deixes caer no momento duro da tentación.
Dános a forza do teu Espírito Santo que nos manteña firmes,
como árbores en pé, en actitude orante e sinxela.

Non nos deixes caer nas ruínas do home vello,
non nos deixes caer no cansazo, no sopor,
na indiferenza, na apatía, na desgana,
na derrota, cando só contamos coas nosas forzas.

Pai, líbranos do mal. Fainos libres coma o vento.
Libres como nos fixeches no teu amor.
Líbranos da forza do pecado que levamos acochado
na nosa pel de homes en redención.

E dános a graza que un día, na Cruz, teu Fillo nos deixou
ao facernos fillos teus na súa Salvación. 




Comentarios

Publicacións populares