Ficha e Lectio-Domingo 16 Ordinario C




TOMADO DE : 

O evanxeo deste domingo é unha invitación a vivir dúas actitudes do discípulo: A escoita da Palabra e a acollida dos irmáns. Aínda que unha delas, en palabras de Xesús, é máis importante: "María escolleu a mellor parte" e hoxe día en que todo parece virar sobre o concepto "eficacia", mesmo dentro da propia Igrexa, corremos o perigo de "facer por facer" e esquecernos desa "parte boa" que é estar á escoita da Palabra. É imposible vivir como cristián sen escoitar, serenamente, a Deus. 

María, a muller que escoita a Palabra María está aos pés de Xesús escoitándoo. Está a facer algo case prohibido para unha muller naquelas épocas. Pero María non sente freada e está con Xesús como discípula súa. E a Xesús non lle parece mal ter a aquela muller con el: Xesús non quere discriminacións. Marta non ve ben o que está a facer María. Ela cre que é máis importante preparar a acollida material de Xesús na súa casa. Xesús con amor e tenrura déixalle as cousas claras: o que el espera non é un aluvión de obsequios, 
senón o seguimento da súa Palabra. O que el quere é que lle prestemos atención de verdade. E iso faise escoitando o seu Evanxeo e vivíndoo a fondo. «Marta, Marta: andas inquieta e nerviosa con tantas cousas. Só unha é necesaria. María escolleu a mellor parte». Son palabras de Xesús que nos deben facer pensar. Necesitamos aprender a arte de escoitar. 
Necesitamos facer silencio, curarnos de tanta présa, deternos no noso interior, sincerarnos connosco mesmos, sentir a vida ao noso ao redor, sintonizar coas persoas, escoitar a chamada silenciosa de Deus. Non se trata de buscar o silencio polo silencio, senón de reencontrarnos a nós mesmos, enraizarnos máis sinceramente no noso ser, e, sobre todo, escoitar ao que é a fonte da vida. Sería importante dedicar 
algún tempo diario a estar sinxelamente en silencio, a escoita da nosa vida e a escoita da tenrura de Deus. 
Pode ser unha gran experiencia interior. 

Marta, a muller que acolle Pero a actitude de Marta tamén é importante. A acollida está tamén na base do anuncio do Reino. As casas de Palestina, as casas da xente normal, eran construcións moi sinxelas, 
de pedras e barro, dunha soa habitación que servía para todo. Casas non demasiado confortables, e que convidaban máis a estar na rúa que no interior. Pero estas casas tan sinxelas eran tamén moi acolledoras. Era fácil ser recibido nelas. Marta ten a porta aberta, e Xesús pode entrar na súa casa. É como unha invitación feita a nós, para que teñamos tamén as portas abertas, e sexamos acolledores. A nós cústanos 
ser acolledores. Volvémonos máis individualistas, temos medo os uns dos outros, as nosas casas están pechadas con moitas fechaduras, asustámonos cando alguén nos para pola rúa. Certo que temos motivo para ser así. Pero, non nos estaremos pasando? non será que o problema de verdade é que nos volvemos moi egoístas e non queremos deixar de selo? Se quixésemos, poderiamos ser un pouco máis como Marta: máis atentos aos demais, máis dispostos a servir. 

Comentarios

Publicacións populares