Lecturas Festividade Santiago Apóstolo

 




ANTIAGO, APÓSTOLO

PATRÓN DE GALICIA E DE ESPAÑA

Solemnidade

Primeira Lectura  Feit 4, 33.  5, 12. 27b-33; 12, 1b.
LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
O rei Herodes fixo decapitar a Santiago
  
            Naqueles días, os apóstolos, con gran poder, daban testemuño da resurrección do Señor Xesús, e facían moitos sinais e prodixios entre o pobo.
            Levados á presenza do Sanedrín, o xefe dos sacerdotes interrogounos:
            - Expresamente vos mandamos que non ensinásedes nese nome, e vós enchestes Xerusalén coa súa doutrina. Vós queredes botar sobre nosoutros o sangue dese home.
            E Pedro e os apóstolos responderon:
            - Cómpre obedecer a Deus antes que aos homes. O Deus de nosos pais resucitou a Xesús, a quen vós matastes colgándoo dun madeiro; pois a este enxalzouno Deus coa súa dereita, facéndoo Xefe e Salvador, a fin de lle outorgar a Israel a conversión e o perdón dos pecados. E nós somos testemuñas destas cousas e tamén o Espírito Santo, que Deus dá aos que o obedecen.
            Ó sentiren isto rabiaban de carraxe e queríanos matar, e o rei Herodes mandou decapitar a Santiago, o irmán de Xoán.

                        Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL   Sal 66, 2-3. 5. 7-8
R/.  (4): Lóente os pobos, oh Deus, lóente todos os pobos.

Deus teña piedade de nós e nos bendiga,
faga brillar o seu rostro sobre nós;
Que se coñeza na terra o teu camiño,
en todas as nacións a túa salvación.

Alégrense e canten as nacións,
porque xulgas os pobos rectamente
e na terra gobernas as nacións.

A terra deu o seu froito;
que nos bendiga Deus, o noso Deus;
que nos bendiga Deus e que o teman
os confíns todos do mundo.


Segunda Lectura        2 Cor 4, 7-15
LECTURA DA SEGUNDA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS
Sempre levamos no noso corpo a paixón de Cristo
  
            Irmáns:
            Levamos ese tesouro en vasos de barro, para que tal prodixio de forza apareza como cousa de Deus, e non nosa.
            Aflíxennos por todas partes, pero non nos abaten; andamos en apuros mais non desesperados; perseguidos pero non abandonados; derrúbannos pero non nos rematan.
            Por todas partes levamos no noso corpo a morte de Xesús, para que a vida de Xesús se manifeste tamén no noso corpo.
            Pois a nós, que estamos con vida, entrégannos decote á morte por causa de Xesús, para que tamén a vida de Xesús se manifeste na nosa carne mortal. E así a morte actúa en nós, e a vida en vós.
            Mantendo, sen embargo, o mesmo espírito de fe, segundo o que está escrito "creo e por iso falo", tamén nós cremos e por iso falamos, sabedores de que Aquel que resucitou a Xesús hanos resucitar tamén a nós con Xesús e hanos colocar convosco onda El.
            Todo isto acontece por causa vosa, de modo que, ao estenderse a graza, se multiplique o número dos que dean grazas para gloria de Deus.

                        Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus


ALELUIA 
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Astro brillante de España, Apóstolo Santiago,
o teu corpo descansa na paz;
a túa gloria pervive entre nós.
Aleluia.


Evanxeo   Mt 20, 20-28
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
O meu cáliz beberédelo
  
            Naquel tempo, a nai dos fillos do Zebedeo acercouse cos seus fillos a Xesús, e prostrouse para pedirlle algo.
            El preguntoulle:
            ‑ Que queres?
            Ela respondeulle:
            ‑ Manda que estes dous fillos meus senten un á túa dereita e outro á túa esquerda no teu Reino.
            Replicou Xesús:
            ‑ Non sabedes o que pedides. Podedes beber o cáliz que eu teño que beber?
            Respondéronlle:
            ‑ Podemos.
            Replicoulles Xesús:
            ‑ O meu cáliz beberédelo; pero o sentar á miña dereita ou á miña esquerda, iso non depende de min concedelo; é para quen o meu Pai o ten preparado.
            Os outros dez, que estaban oíndo, anoxáronse cos dous irmáns. Entón Xesús chamounos a todos onda el e díxolles:
            ‑ Sabedes que os xefes das nacións as tiranizan, e que os grandes as dominan. Non ha ser así entre vós; ao contrario, quen queira entre vós chegar a ser grande, ha de ser voso criado; e quen queira entre vós ser o primeiro, ha de ser voso servo; porque o Fillo do home non veu a que o sirvan, senón a servir e a entregar a súa vida en rescate por todos.

Palabra do Señor                                      R/. Loámoste, Cristo




PÓRTICO

Unha frase que seguro temos escoitado moito a curas, bispos e papas cando falan da necesidade que ten a Igrexa de manter sempre vivo o seu compromiso de evanxelizar é a de que temos que estar atentos aos “sinais dos tempos”, é dicir, que non podemos escapar da realidade, dar de costas ao que está pasando ao noso redor. Non, porque canto ocorre e nos ocorre, debe interesarnos e preocuparnos, pois como moi ben di o concilio Vaticano II, “nada hai verdadeiramente humano que non atope eco no seu corazón”. De aí que teñamos que prestar atención e implicarnos en todo o que se relacione coa vida e realidade das persoas. Só así, poderemos ser verdadeiros xermolos de renovada evanxelización no medio do mundo. Se nos illamos, se estamos como se as cousas non foran con nós, se non nos preocupamos do que lle pasa á xente, dificilmente podemos chamarnos, e selo, seguidores de Xesús, cristiáns.
Canto vimos dicindo axúdanos a entender por que na celebración de hoxe, Santiago Apóstolo e Día de Galicia, rezamos pola nosa terra, pola nosa xente, polos políticos, polos que traballan nos diferentes ámbitos da realidade galega: naval, automoción, cultura, construción, sanidade... porque só comprometéndonos cos problemas e realidades da nosa sociedade, poderemos responder á misión á que nos envía Xesús de ser fermento no medio da masa. Un fermento que fai que a masa creza e se expanda.
            Que mellor ca hoxe para, unha vez máis, lembralo e poñelo en practica.

O PERDÓN

ü  Por desentendermos dos problemas e dificultades que sofren as persoas da nosa contorna, SEÑOR, PERDOA A NOSO A FALTA DE COMPROMISO.

ü  Por pensar que van ser outros os que nos solucionen os problemas e dificultades, desatendendo canto pasa ao noso redor, CRISTO, PERDOA A NOSA FALTA DE COMPROMISO.

ü  Por ter actitudes pasivas e despreocupadas , como se non foran con nós, diante dos enganos e manipulacións aos que nos someten os gobernantes, os medios de comunicación e os teñen poder no noso mundo, SEÑOR, PERDOA A NOSA FALTA DE COMPROMISO.



Remuíño

*    Sen volver á época do rei Herodes, tamén nestes momentos, inda que non da maneira choqueira doutros tempos senón moito máis sibilinamente, sen facer moito estrondo e dando a impresións de que non ocorre nada, hai moitas persoas que son pasadas a coitelo. O coitelo do engano, do esquecemento, do trato ás persoas como se fosen cousas que se usan e logo se tiran. Pensemos nas preferentes, pensemos na mentiras ou medias verdades que uns e outros nos contan cando é tempo de eleccións; pensemos nos cambios de lexislación para suprimir dereitos ou quitar prestacións utilizando unha linguaxe aparentemente limpa e inmaculada –impoluta– que nos distrae, pero que o que expresa é que os que mandan impoñen, e os demais temos que calar e obedecer. Si, son moitos os coitelos cos que hoxe a tantas familias se lles acoitela facéndoas invisibles, truncándolles proxectos ou usándoas como se fosen números ou estatísticas de beneficios ou perdas. Por iso, nesta mañá, desde a palabra dos textos que temos proclamado na celebración, podemos preguntarnos que estamos facendo cada un/ha de nós para que estas situacións desaparezan, para que non nos sigan tomando o pelo, para que deixen de considerarnos cousas e non persoas; para que a xente non pase a un segundo plano diante do poder e do diñeiro.


*    Santiago non por atopar unha situación difícil se limitou a calar e deixar que as cousas pasasen sen máis. Ao contrario, sen medo e con unha profunda esperanza en canto escoitara de boca de Xesús, fai fronte a aqueles que mandaban e querían oprimir e perseguir a cantos non pensaban coma eles, coma os cristiáns da primeira fornada. Esa valentía foi a que o levou ao seu martirio. Pero non renunciou a dicir o que pensaba, e a actuar como consideraba que debía facelo. O que estaba chamado a ser medo que o paralizase, converteuse en liberdade para dicir o que pensaba, e en compromiso para defender aos máis pobres e excluídos, e como consecuencia, pola súa valentía, os poderosos fixérono desaparecer. Aquí temos nós o mellor exemplo se queremos levar con dignidade o nome de cristiáns, do que ten que facer un seguidor de Xesús: actuar sen medo, afrontar os problemas, non calar diante da inxustiza e abuso dos que teñen poder e capacidade para impoñer as súas decisións aos demais.

*    Non deixemos que os coitelos, que non producen sangue, senón tristeza, pobreza, inxustiza, esquecemento, supresión de dereitos ... corten e esnaquicen valores, proxectos e ilusións, producindo dor nas nosas vidas. Uns coitelos que ademais de ir contra as persoas; sempre se dirixen contra os máis débiles e pobres. Que os resortes que nos dá a fe para ser valentes, xustos, honestos, defensores dos débiles... os poñamos en accións para defendelas. Esa ten que ser a verdadeira preferencia. Porque somos imaxe e semellanza de Deus, e non xoguetes. E que mellor que hoxe, estando atentos aos sinais dos tempos, e desde a celebración do día de Galicia, para tomar conciencia de quen somos, onde estamos e como temos que actuar seguindo os vieiros que foi trazando Xesús co seu xeito de actuar, pensar e dicir. Claro que este cáliz é duro, pero como acabamos de escoitar no Evanxeo, xa Xesús lle preguntou aos Zebedeos se serían capaces de bebelo. Eles non se engurraron, dixeron que si, e logo mostrárono coas súas obras. Se nos preguntase a nós, e tendo en conta como vimos actuando moitas veces, deixando que as cousas ocorran sen dicir nin facer nada... responderiamos o mesmo?

Oración da comunidade

Neste día de Galicia e seguindo o testemuño vivo e auténtico de Santiago Apóstolo, presentemos a nosa oración comunitaria sabendo que para que sexa auténtica, ten que recoller os problemas e dificultades, tamén as esperanzas, que as persoas estamos a vivir neste momento. Facéndoo así, digamos xuntos:

QUE COMO SANTIAGO, TAMÉN NÓS, BEBAMOS DO TEU CÁLIZ


ö  Para que a Igrexa, toda ela, estea sempre atenta aos sinais dos tempos, e sexa voz dos sen voz, defensa dos débiles e casa sempre aberta para os desherdados, OREMOS.

QUE COMO SANTIAGO, TAMÉN NÓS, BEBAMOS DO TEU CÁLIZ

ö  Para que desde as nosas comunidades nos esforcemos por defender, axudar, e non criticar nin ter prexuízos, para coas persoas que nos necesitan e non teñen traballo, están enfermas ou viven soas, OREMOS.

QUE COMO SANTIAGO, TAMÉN NÓS, BEBAMOS DO TEU CÁLIZ

ö  Que neste día de Galicia, encomendemos na nosa oración a nosa terra e a nosa xente, para que non cansemos de traballar, cada un desde o seu eido, persoal e laboral, para facer unha Galicia máis próspera, renovada, desenvolvida e xusta, OREMOS.

Grazas, Señor, por espertarnos a través da túa palabra,e invitarnos a que a nosa oración non sexa rutineira, senón viva, sincera e auténtica. P.X.N.S. Amén.


Para a reflexión

Señor noso Deus, noso Pai,
dámosche grazas por todo canto tes posto no camiño da nosa vida:
pola alegría de vivir, polas nosas familias, polos nosos amigos,
polo aire que respiramos, polos dons cos que nos agasallaches
e polas relacións que fan posible que medremos día a día.
Grazas , Pai, polas oportunidades que nos tes dado
para testemuñar o Amor co que nos amas a todas as persoas.
Grazas polo teu perdón e por darnos unha vida plena e abundante.
Señor, a Ti,
que xa es dono de todo o que somos e o que temos,
dedicámosche a nosa vida,
clamando que ela poida ser usada para fins nobres e verdadeiros
cuxos froitos honren e glorifiquen o teu nome.
Que saibamos facelo sempre, Señor, desde o amor á nosa terra á nosa xente.
Que nunca nos evadamos da realidade,
e sempre nos esforcemos por recoñecerte nos sinais dos tempos,
a través dos que nos invitas a unha renovada evanxelización,
para facerte presente a ti e á túa mensaxe. Amén.

CANTOS

*       ENTRADA: 
Vinde axiña
*       LECTURAS
Eu sei de quen me fiei
*       OFERTORIO
Na nosa terra
*       COMUÑÓN: 
Eu soñei


POWER POINTS

Comentarios

Publicacións populares