Domingo 17 de Ordinario - ciclo C
17º DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO CICLO C
Primeira Lectura Xén 18,
20-32
LECTURA DO LIBRO DA XÉNESE
Que non se me enfade o meu Señor se me atrevo a falar
Naqueles días, dixo o
Señor:
‑ "O clamor
contra Sodoma e Gomorra é moi grande; o seu pecado é grave.
Vou baixar e ver se
este clamor que chega onda min corresponde cos feitos; e se non,
sabereino".
Os homes dirixíronse
desde alí cara a Sodoma, pero Abrahán quedou diante do Señor.
Abrahán adiantouse
cara ao Señor e preguntoulle:
‑ "Por caso aniquilarías
os inocentes cos culpables? Se houbese cincuenta xustos na cidade,
aniquilaríalos tamén, e non perdoarías o lugar por mor dos cincuenta xustos que
houber nel?
Lonxe de ti facer tal
cousa! Matar o inocente co culpado, e que teñan os dous a mesma sorte. Lonxe de
ti! O que xulga a terra enteira, non vai facer xustiza?"
O Señor respondeu:
‑ "Se houbese
cincuenta xustos en Sodoma, perdoaría a toda a cidade por mor deles".
Abrahán insistiu:
‑ "Perdoa o
atrevemento de lle falar ao meu Señor, sendo
eu po e cinsa. Se para cincuenta xustos faltan cinco, aniquilarías por culpa
dos cinco toda a cidade?"
Respondeu o Señor:
‑ "Non a
destruirei, se atopo corenta e cinco".
Abrahán insinuou:
‑ "Se cadra, hai
corenta".
El respondeu:
‑ "Non o farei,
en vista dos corenta".
Abrahán dixo:
‑ "Que non se
enfade o meu Señor, se volvo falar aínda. E se houbese trinta?"
El respondeu:
‑ "Non o farei,
se atopo trinta".
Abrahán teimou aínda:
‑ "Voume atrever
a lle falar outra vez ao meu Señor. Podería
ser que houbese vinte".
Respondeu o Señor:
‑ "Non a
destruirei en graza aos vinte".
Abrahán dixo:
‑ "Que non se
alporice o meu Señor, e falarei aínda unha vez. E se houbese dez?"
El respondeu:
‑ "Non a
destruirei por mor dos dez".
Palabra
do Señor R/.
Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 137,
1-2a. 2bc-3. 6-7ab. 7c-8
R/. (3a): Cando te chamo, Señor, respóndesme.
Douche grazas, Señor, de todo corazón,
hei cantar para ti diante dos anxos.
Hei prostrarme cara ao teu santo
templo.
Dou grazas ao teu nome,
pola túa misericordia e a túa fidelidade,
Cando te chamo, respóndesme
e acrecentas as miñas forzas.
O Señor é excelso, e pon os seus ollos no humilde,
e coñece de lonxe o soberbio.
Cando me vexo en apuro,
ti consérvasme a vida.
Contra o furor dos meus inimigos
estendes a túa man.
E libérame a túa dereita.
O Señor completará os seus favores comigo.
A túa misericordia, Señor, é para sempre,
non abandones a obra das túas mans.
Segunda Lectura Col 2, 12-14
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS COLOSENSES
Deuvos a vida con el, perdoándovos todos os pecados
Irmáns:
Sepultáronvos con
Cristo no bautismo e tamén resucitades nel pola fe na forza de Deus, que o
resucitou de entre os mortos.
E a vós que estabades
mortos polos vosos pecados e por non ter circuncidado os vosos instintos, deuvos
a vida con el.
El perdoounos todos os
pecados, anulando a cédula dos preceptos legais que ía contra nós: quitouna de
diante e espetouna na cruz.
Palabra
do Señor R/.
Grazas a Deus
ALELUIA Rm 8, 15bc
Se non se canta, pódese omitir.
Aleluia, aleluia.
Recibistes o espírito de adopción de fillos;
nel clamamos: Abba, Pai.
Aleluia.
Evanxeo Lc 11, 1-13
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Pedide e recibiredes
Unha vez, despois de
estar Xesús orando en certo lugar, un dos discípulos pediulle:
‑ Mestre, apréndenos a
rezar, como lles aprendeu Xoán aos seus discípulos.
Respondeulles:
‑ Cando recedes,
dicide:
Pai, sexa santificado o teu Nome!
Pai, veña o teu Reino!
Dános cada día o noso pan.
E perdoa os nosos pecados,
como tamén perdoamos nós
a todo o que nos debe;
e non nos sometas á tentación.
Logo continuou:
‑ Botade de conta que
un de vós ten un amigo, que vos presentades na casa del pola noite, fóra, e que
lle dicides: "Amigo, déixame tres bolos de pan, que me veu un amigo de
viaxe, e non teño nada que lle poñer diante". E que aquel, desde dentro,
responde: "Non me amoles, está a porta pechada, eu e mailos nenos estamos
na cama: non me podo erguer agora para chos dar". Desde logo que, se non
se levanta para llos dar por se tratar dun amigo, polo menos por ser teimudo,
erguerase e hallos dar.
Por iso dígovos:
"Pedide e recibiredes, buscade e atoparedes, petade a abrirásevos. Que
todo o que pide, recibe; o que busca, atopa; e a quen peta, abriráselle".
Ou logo, que pai hai
entre vós que, se o seu fillo lle pide un peixe, lle dá unha cobra? Ou se lle
pide un ovo, dálle un alacrán? Pois se vós, sendo ruíns, ben lles sabedes dar
cousas boas aos vosos fillos, canto máis o Pai celestial dará o Espírito Santo
aos que llo pidan!
Palabra
do Señor R/.
Loámoste, Cristo
FRONTE Á RENDIBILIDADE MATERIAL, CONFIANZA ORANTE E ACOLLEDORA
TOMADO DE : http://www.unidadepastoraldossantos.es/
TOMADO DE : http://www.unidadepastoraldossantos.es/
PÓRTICO
Todos nós somos fillos do tempo
no que vivimos. Isto fai que vaiamos asumindo, mesmo inconscientemente,
maneiras, formas e xeitos de entender a vida e de facer as cousas propias de cada
tempo. E tan metidos no papel estamos que acabamos por non saber prezar a
diferenza entre o que facemos persoalmente e o que facemos en conxunto. Vén ser
algo así como que nos diluímos na masa, o que acaba facendo que nos confundamos
e non saibamos distinguir a diferenza; o que nos identifica e nos fai únicos e
inconfundibles. Consecuencia: ao final é o chamado pensamento único o que guía
a nosa vida, empobrecéndonos e reducíndonos a ser todos iguais, a facer o mesmo
e a actuar como se foramos máquinas, sen saber prezar a diferenza que nos
aportan a cultura, a fala, os valores e a capacidade de ser reflexivos e
críticos á hora de elaborar o noso pensamento.
Esta debilidade arrastra tamén a
nosa vida de fe e as nosas conviccións. Como non está de moda ser crente,
esixirse a vivir e crecer desde uns valores e unhas actitudes; como non está de
moda vivir na gratuidade e na proximidade; como non está de moda admitir canto
non é demostrable e rendible, todo canto fai referencia á fe: confianza,
apertura á dimensión espiritual, gratuidade... non só non lle damos importancia,
senón que o rexeitamos, mesmo ás veces de xeito totalitario e dogmático.
Que neste domingo no que Deus
nos invita a valorar o sentido e a importancia da oración –confianza e
gratuidade– tomemos conciencia de que non é no materialismo económico, senón na
confianza agarimosa na que o ser humano crece, madura e atopa sentido e forza
para a súa vida.
O PERDÓN
*
Porque moitas veces facemos oídos xordos á
palabra que Deus nos achega a través do testemuño entregado de quen traballa
pola xustiza e a igualdade, SEÑOR,
ENSÍNANOS A ORAR.
*
Porque non buscamos na nosa vida tempiños de
silencio e reflexión que nos axuden a crear un clima de oración e diálogo
contigo, CRISTO, ENSÍNANOS A ORAR.
*
Porque na meirande parte das veces a nosa
oración é un monólogo que contén algo parecido a listaxe da compra, e non un
diálogo no que estamos dispostos a escoitar a túa voz, que nos fala a través de
tantas mediacións, SEÑOR, ENSÍNANOS A
ORAR.
REMUÍÑO
- A nosa voz ten que ser a voz de
Deus. Mellor, debera ser a voz de Deus. Si, porque a través do que nós
imos dicindo, se verdadeiramente tomamos en serio o ser crentes, tería que
ir aparecendo no xeito de dicir, facer e desenvolver as nosas relacións duns
cos outros, o que son os valores e as actitudes que van emanando da
historia de amor que Deus, desde o comezo, quixo vivir connosco: a
historia da salvación. Unha salvación que non se xoga nin nas nubes nin no
ceo, senón no día a día no que nos imos atopando coas nosas ilusións, as
esperanzas, os fracasos ou as tristuras. No día a día no que nos imos
atopando con outras persoas –irmás– que viven situacións parellas ás
nosas, e que tamén agradecen que nos paremos, as escoitemos, ou lles
botemos unha man. Porque a través desta relación de reciprocidade é como
podemos ir escoitando a voz do Deus que nos fala, nos urxe ao amor, e nos
chama a desenvolver no noso andar cotián actitudes e comportamentos que
alenten e fagan agromar e medrar a esperanza. Non unha esperanza palabra,
recurso ou tópico, senón unha esperanza que fai que diante dos problemas e
dificultades non nos veñamos abaixo; que nas situacións difíciles saibamos
buscar axuda e afrontalas; que ante momentos nos que parece que non hai
máis saída que o fracaso e a desesperación lle prestemos atención á voz de
Deus que nos segue a falar desde a confianza e o realismo de que ás
situacións hai que facerlle fronte sen medo, e non escapar delas. Coma o
pobo de Israel, tamén nós necesitamos abrirnos a El e dicirlle con
convicción profunda: “cando te
invoquei, escoitáchesme”. Pero non podemos escoitalo se pechamos ollos
e oídos ao que pasa ao noso redor. Descubramos a Deus no medio de
problemas e dificultades, e unámonos na tarefa de loitar por superalos.
- En Cristo é onde atopamos con toda
a súa claridade esta confianza a modo de reciprocidade: de Deus para connosco,
e de nós para con Deus. Nel reconstruímos canto a nosa preguiza, o noso
egoísmo, o desencanto que tantas veces aflora na vida foi levándonos á
tristura, o aburrimento, o desinterese por todo o que supoña esforzo e
loita. Cristo non é un personaxe mitolóxico, tampouco un heroe de conto.
Non. É un dos nosos, é coma nós. Asumiu a nosa condición humana e sufriu
os problemas, as dores, -tamén as alegrías- dos que estaban ao seu redor.
Pero non quedou aí, senón que nos tendeu unha ponte, pola que nos invita a
pasar, para que a reconciliación, a misericordia, o perdón e o encontro sexan
actitudes que poñamos en práctica e nos reencontren con quen nos tiñamos
afastado. O seu amor aprémanos, a súa liberdade é a nosa, desde a súa luz vánsenos
abrindo tamén a nós camiños de luz. Por iso non é o noso quedar na
tristura, nin na dor nin tampouco converter o engano, a corrupción, a
inxustiza, o asoballo... en luz. Non, todo isto nunca pode ser luz nin
saír de Cristo. E se nós queremos ser os seus seguidores, xa sabemos por
onde temos que camiñar: non cara á tebra, senón cara á luz. E só nel a
podemos atopar. Aprendamos a acollela.
- E só a acolleremos se adoptamos o
mesmo rumbo ca El. O pedide e
recibiredes, fainos caer na conta de que a oración non é un sen sentido;
tampouco unha perda de tempo, senón unha profunda experiencia de
confianza, encontro e diálogo, sempre desde a vida, desde o que nos pasa,
con aquel que é a razón da nosa esperanza. Non tentemos buscar a solución
concreta aos nosos problemas, coma se Deus fose tan inxusto para amañar os
meus e desatender os dos demais. Non. Busquemos atopar nel a forza desde a
que abordar as situacións, non sempre doadas, que a vida vai pondo no noso
camiño; e desde a nosa liberdade, sabendo que El é o caxato no que poder
apoiarnos, avanzar para dar resposta, solución e tamén sentido á nosa
realidade. Desde esta confianza temos que entender o pedide e darásevos ao
que se refire Xesús.
ORACIÓN DA COMUNIDADE
Querendo deixarnos acoller por
Ti, Señor, compartimos a nosa oración comunitaria dicindo:
GRAZAS POR
ACOMPAÑARNOS, SEÑOR!
û Noso
Pai, oramos como Igrexa, que sempre disposta a que se faga a túa vontade,
traballa arreo para liberar das súas cangas a todas as persoas que se senten
atenazadas pola dor, a tristura, a desesperanza, o desamor, OREMOS.
GRAZAS POR
ACOMPAÑARNOS, SEÑOR!
û Noso Pai, oramos para que nos
barrios, nas parroquias, no traballo e coa familia saibamos gozar do sentido da
oración, e a convertamos nun diálogo sincero e achegado cos irmáns, que nos
axude a achegarnos máis a Xesús, OREMOS.
GRAZAS POR
ACOMPAÑARNOS, SEÑOR!
û Noso Pai, oramos como seguidores
e seguidoras túas, que queremos aprender a degustar o gozo da oración como diálogo
fraterno e confiado contigo, e non a reduzamos a unha pura e simple rutina,
OREMOS.
GRAZAS POR
ACOMPAÑARNOS, SEÑOR!
Señor,
que fagamos sempre do noso tempo de oración diálogo sincero e ledo de canto
vivimos e compartimos. P.X.N.S. Amén.
PARA A REFLEXIÓN
Pai/Nai,
poñémonos nas túas mans.
Fai de nós
o que Ti queiras.
Sexa o
que sexa dámosche as grazas.
Estamos
dispostos a todo e aceptamos todo
con tal
de que a túa vontade se cumpra
en cada
un e cada unha de nós
e en
todas as criaturas.
Pai/Nai,
non desexamos nada máis.
En Ti
confiamos, e a Ti nos entregamos.
Facémolo
con todo o amor do que somos capaces.
Amámoste,
e precisamos darnos,
poñernos
nas túas mans sen medida,
coa
infinita confianza
de que
Ti es o noso Pai/Nai. Amén.
CANTOS
ENTRADA:
Camiñando pola vida
LECTURAS:
Canta o sol
OFERTORIO:
Na nosa terra
NOSO PAI:
No camiño do amor
Pai do ceo, Ti que estás
COMUÑÓN:
Grazas, Señor, graciñas
ENTRADA:
Camiñando pola vida
LECTURAS:
Canta o sol
OFERTORIO:
Na nosa terra
NOSO PAI:
No camiño do amor
Pai do ceo, Ti que estás
COMUÑÓN:
Grazas, Señor, graciñas
Comentarios
Publicar un comentario