Domingo 15 de Ordinario C


15º DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO - CICLO C

PRIMERA     Dt 30, 10-14
LECTURA DO LIBRO DO DEUTERONOMIO
A palabra está cerca de ti para a cumprires

     Faloulle Moisés ao pobo e díxolle:
     ‑ Escoita a voz do Señor, o teu Deus, gardando os seus mandamentos e os seus preceptos, o escrito no libro desta lei.
     Convértete ao Señor, o teu Deus, con todo o teu corazón e con toda a túa alma.
      Esta lei, que eu che prescribo hoxe, non está posta por enriba de ti nin tampouco lonxe de ti. Non está enriba, no ceo, para poderes dicir: Quen subirá por nós ata o ceo e nola collerá e nola fará escoitar para que nós a cumpramos?
            Tampouco está lonxe, da outra banda do mar, para poderes dicir: Quen cruzará por nós ao outro lado do mar e nola collerá e nola fará escoitar para que nós a cumpramos?
            Ó contrario, a palabra está moi cerca de ti, na túa boca e no teu corazón, para a cumprires.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus



SALMO RESPONSORIAL     Sal 68, 14 e 17. 30-31. 33-34. 36ab e 37
R/. (cf. 33): Humildes, buscade o Señor, e vivirá o voso corazón 


Eu, Señor, suplico cara a ti,
na hora, meu Deus, do teu favor.
Pola túa moita bondade,
respóndeme, pois ti es o socorro verdadeiro.
Respóndeme, Señor, conforme ao teu amor,
pola túa misericordia, vólvete a min.

Mais a min, pobre e doente,
érgueme, Deus, co teu socorro.
Loarei a Deus con cantos,
gabareino con acción de grazas.

Olládeo, humildes, e alegrádevos,
avivecede o corazón os que buscades o Señor,
pois o Señor escoita os humildes,
non despreza os seus na cadea.

Abofé, salvará Deus a Sión:
recomporá as vilas de Xudá.
Herdaranas os fillos dos seus servos,
habitaranas os que aman o seu nome.


Ou:  Sal 18, 8. 9. 10. 11
R/.  (9a):  Os mandatos do Señor son rectos: aledan o corazón.

A lei do Señor é perfecta:
reconforta a alma;
a declaración do Señor é firme:
fai sabio ao inxenuo.

Os mandatos do Señor son rectos:
aledan o corazón;
o precepto do Señor é limpo:
ilumina os ollos.

A vontade do Señor é pura:
permanece por sempre;
as decisións do Señor son verdadeiras:
enteiramente xustas.

Son máis cobizables có ouro,
máis có metal precioso;
son máis doces có mel,
máis có zume da antera.



Segunda Lectura     Col 1, 15-20
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS COLOSENSES
Por El e para El foron creadas todas as cousas
  
            Cristo Xesús é imaxe do Deus invisible,
o primoxénito de toda criatura,
e por medio del fixéronse as cousas:
as da terra e tamén as do ceo,
as vistas cos ollos e as por eles non vistas;
señoríos sexan ou ben dominacións,
sexan principados, tamén potestades;
el é modelo e fin do universo creado.
            Antes ca todo está el
e todo nel se cimenta aínda hoxe.
            É tamén a cabeza do corpo
‑o corpo é a Igrexa ‑.
            El é o principio,
o primoxénito de entre os mortos,
de xeito que en todo sexa sempre o primeiro.
            Porque nel quixo Deus habitar
coa súa total plenitude:
reconciliar así o universo consigo, por el;
e no sangue da cruz poñer paz
entre os seres da terra e do ceo, servíndose del.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus



ALELUIA    Cf. Xn 6, 63c. 68c
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
As túas palabras, Señor, son espírito e vida;
ti tes palabras de vida eterna.
Aleluia.



Evanxeo     Lc 10, 25-37
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Quen é o meu próximo?

            Naquel tempo, ergueuse certo xurista e preguntoulle a Xesús para o poñer á proba:
            ‑ Mestre, que teño que facer para herdar a vida eterna?
            El respondeulle:
            ‑ Que pon a Lei? Que les?
            Contestou:
            ‑ Amarás o Señor teu Deus con todo o teu corazón, con toda a túa alma, toda a túa forza e con todo o teu entendemento, e o próximo coma a ti mesmo.
            El díxolle:
            ‑ Contestaches perfectamente; cúmpreo e vivirás.
            Pero o xurista, querendo xustificarse, preguntoulle a Xesús:
            ‑ E quen é o meu próximo?
            Xesús replicou:
            ‑ Dunha vez un home baixaba de Xerusalén a Iericó, e asaltárono uns bandidos, que, despois de o roubaren e bouraren nel, deixárono medio morto. Cadrou a baixar polo mesmo camiño un sacerdote, que, ao velo, deu un rodeo e pasou de largo. Igual fixo un clérigo que pasaba por alí: ao chegar e velo, deu un rodeo.
            Pero un samaritano, que ía de camiño polo mesmo lugar, ao velo, sentiu mágoa; e achegándose a el, curoulle as feridas con aceite e viño e vendoullas. Logo, montouno na súa cabalgadura, levouno a unha pousada e coidouno.
            Ó outro día colleu dous denarios, deullos ao pousadeiro, e díxolle: "Coida del, e cando volva xa che pagarei o que gastes de máis".
            ‑ Quen dos tres che parece que foi próximo do que caeu nas mans dos bandidos?
            El respondeu:
            ‑ O que practicou a misericordia con el.
            Díxolle Xesús:
            ‑ Pois ti vai e fai outro tanto.

                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo



O SACERDOTE E O LEVITA CHEGARON SEN OBSTÁCULO AO FINAL DO SEU CAMIÑO.... PERO FALTARON AO ENCONTRO.
O SAMARITANO SÓ DEU DOUS PASOS....
PERO NA DIRECCIÓN EXACTA

PÓRTICO
Dun tempo a esta parte, competitividade, esa é a palabra clave que escoitamos desde todos os ámbitos. Hai que loitar polos propios intereses. O próximo só é un obstáculo e mesmo un adversario que me pode desbancar. Cada vez está máis claro: non vai haber recuperación económica para todas as persoas, pois a reconversión vaise facer relegando na pobreza a sectores que non poderán beneficiarse do benestar material que pretendemos conseguir. A saída da crise só vai ser para os máis privilexiados, porque se vai lograr fundindo no traballo intermitente, no paro e na crise aguda aos máis febles e desafortunados.
Unha vez máis, repítese a parábola de Xesús. Á beira do camiño van quedando homes e mulleres despoxados, empobrecidos e maltratados. E unha vez máis vémonos obrigados a escoitar a chamada do evanxeo. Ou seguimos tranquilos o noso camiño, coma o sacerdote e o levita, dando un rodeo e abandonando a esta xente á súa sorte, ou actuamos, coma o bo samaritano, comprometéndonos activamente a resolver a súa necesidade. Abrámonos á Palabra e troquemos competitividade e narcisismo por solidariedade e misericordia.

O PERDÓN
*      Señor, na nosa sociedade hai demasiado consumo inútil, superficial e egoísta. Para que nos decatemos de que é inxusto e inhumano seguir gozando sen límite, mentres deixamos a tantos irmáns sen o que lles cómpre para vivir con dignidade, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á SOLIDARIEDADE.
*      Cristo, son demasiadas as ocasións nas que pensamos que o noso próximo só merece a nosa dedicación e esforzo se “é dos nosos”, dubidando das persoas que precisan axuda e castigándoas co látego da indiferenza; por iso che dicimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á SOLIDARIEDADE.
*      Señor, moitas veces desexamos ser o centro de atención, que nos digan o ben que o facemos, que nos reverencien e nos fagan a pelota, esquecéndonos de que o noso poder chámase servizo, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á SOLIDARIEDADE.

REMUÍÑO
O MANDAMENTO ESTÁ MOI PRETO DE TI, NO TEU CORAZÓN E NA TÚA BOCA. CÚMPREO: Desde pequenos ensináronnos o Decálogo, a lei de Deus, o que tiñamos que cumprir para non pecar, para fuxirmos do castigo de Deus, para irmos ao paraíso. Co paso do tempo fixémonos adultos e, ao peor, a nosa vida de fe non madurou, senón que permaneceu e permanece nun infantilismo constante que pouco a pouco vai facendo que detrás das nosas actuacións e das nosas palabras haxa calquera tipo de motivación (social, política, intereses particulares…) agás a motivación relixiosa. Noutras ocasións esta motivación relixiosa aparece coma algo negativo (non fagamos isto, non vaia ser que Deus nos castigue), detrás da cal está o medo, a maxia, a superstición ou un culto baleiro, ritualista, frío, sen sentido.
Porén, o cristianismo non recoñece máis que unha forma para relacionarnos con Deus: o amor. Nunca o medo ao castigo, nin o desexo dun premio, nin a lei que me obriga a facer algo baixo pena de pecado mortal ou venial, nin a tradición familiar. Ensinóusenos a doutrina, saturóusenos de nocións abstractas, definicións, normas morais e dogmas… pero ensinóusenos a amar a Deus?, ensinamos nós, coma testemuñas de Xesús, a amar a Deus?; preparóusenos para vivir a fe dunha forma serena, libre e responsable, para saber presentármonos diante de Deus sen medo e darlle unha resposta nosa, saída desde o fondo da nosa conciencia coma unha convicción persoal?. A primeira lectura que hoxe escoltamos déixanolo claro:”o precepto do Señor non é inalcanzable, non está no ceo, nin fóra deste mundo, senón que está no noso corazón”. Aí é onde temos que buscalo e atopalo.


FAI TI O MESMO: PRACTICA A MISERICORDIA CO TEU PRÓXIMO: A relixión, calquera relixión, é algo moi cómodo. Trátase de cumprir cunha serie de obrigas e xa somos bos. Ir ao templo, facer as miñas oracións, novenas.... pedirlle aos meus santos e xa está. E mesmo podemos facer unha relixión á carta. O importante é crer en algo... por se as moscas. O caso é que realizando algúns ritos, teñamos contento a Deus, que gañemos o ceo. Despois, xustificados, contentos e tranquilos... marchamos a outra cousa bolboreta, sen problemas. Ves, só hai que cumprir as normas, canto máis ao pé da letra mellor. Por iso a moit@s cristiáns de hoxe, que van máis alá, comprometendo a vida, díselles todo tipo de lindezas: roxos, revolucionarios, subversivos, que non son piadosos...., facendo realidade aquela frase de Helder Cámara “cando lle dou pan a un famento, chámanme santo; cando pregunto por que a xente pasa fame, chámanme comunista”. O sacerdote e o levita son representantes oficiais da relixión, preocupados polo templo, o culto e o servizo legal a Deus. Seguro que serían uns xudeus impecables, seguro que estarían ben vistos polas autoridades relixiosas, seguro que... pero estaban ben lonxe de descubrir que El é amor. Estaban enfermos de narcisismo. Só miraban coma os burros, cara adiante, sen ser quen de mirar en abano para descubrir a quen estaba ferido no camiño. Xesús descualifícaos, porque estar “oficialmente” ao servizo de Deus e pasar de longo diante da persoa necesitada é non entender o mandado de Deus, é pasar de longo diante do que hai que facer para ter vida. O samaritano, en troques, estaba mal visto, era un revolucionario, un ninguén, un herexe, un proscrito; pero soubo mirar en abano para descubrir a quen estaba tirado na cuneta. E hoxe?. Pois podemos seguir afirmando o mesmo: a nosa Igrexa, a que formamos todos nós, tamén segue doente de narcisismo, segue a mirar só de fronte, pechándose a descubrir e a axudar a quen está desconsolado, marxinado, silenciado e abatido, ou o que é peor, sendo ela tantas veces quen pon o pé no pescozo de tanta xente para tirala e calala dunha vez por todas. Aquel home anónimo, viaxeiro solitario, sen nome nin compaña, maltratado por bandidos e medio morto, ten rostro e nome: o dos millóns de parados, o dos discapacitados, o das mulleres silenciadas e relegadas, o dos anciáns reducidos a caixeiros automáticos, o dos enfermos, relegados a un mero número, o das zonas rurais esquecidas, o dos países subdesenvolvidos... Pero claro, aínda hai moitos letrados dentro da nosa Igrexa que prefiren seguir preguntándolle ao vento quen é o meu próximo, pechándose á evidencia. Porén, a Palabra déixanos claro unha vez máis que Deus segue estando nas nosas mans, que o podemos tocar na persoa enferma, na famenta, na explotada, na inocente, na perseguida... Cando nos fartaremos de tanta teoría?. Cando inxectaremos a vacina contra a terrible enfermidade do narcisismo que tantas vítimas vai sementando ao noso redor?. Cando nos enchouparemos da misericordia do Señor e non da rixidez da letra?.

ORACIÓN DA COMUNIDADE
Diante de Deus, que nos invita a camiñar pola vida coma o bo samaritano, con ollos, oídos, mans e corazón abertos, presentamos a nosa oración dicindo:
QUE SEXAMOS SAMARITANOS DO TEU AMOR, SEÑOR
*        Pola Igrexa que formamos todos nós; para que descubramos que só hai un xeito de irmos pola vida: camiñando coma o samaritano, cos ollos e o corazón ben abertos para deternos diante de quen estea precisado da nosa proximidade, aínda que non pense, sinta, rece ou ame coma nós, OREMOS.
QUE SEXAMOS SAMARITANOS DO TEU AMOR, SEÑOR
*        Polas nosas comunidades, para que pasemos das hostilidades á hospitalidade, dos desencontros á comuñón, do afán de protagonismo á humildade, da prepotencia á sinxeleza, do “eu” ao “nós”, e así evitemos a tentación do narcisismo e de mirar só para o noso embigo, OREMOS.
QUE SEXAMOS SAMARITANOS DO TEU AMOR, SEÑOR
*        Por todos os samaritanos/as do mundo de hoxe, aqueles dos que ninguén espera nada bo; pero que en realidade aos ollos de Deus practican o amor solidario, OREMOS.
QUE SEXAMOS SAMARITANOS DO TEU AMOR, SEÑOR
Deus, noso Pai, Ti ensínasnos que o amor e a solidariedade son o culto principal e primeiro. Fai que sempre esteamos dispostos a ser o bo samaritano para todas aquelas persoas que a sociedade marxina. PXNS.

PARA A REFLEXIÓN
As persoas que me fixeron sufrir, quizás non sexan tan malas.
As que non comparten as miñas ideas, quizás non sexan intratables.
As que non fan as cousas coma min, quizás non sexan unhas tolas.
As que pensan doutro xeito, quizás non sexan ignorantes.
As que non me caen simpáticas, quizás sexan boas persoas.
As que son máis vellas ca min, quizás non estean atrasadas.
As que son máis novas ca min, quizás non sexan unhas inexpertas.
As que teñen máis éxito, quizás o merezan.
As que teñen máis cartos, quizás sexan moi honradas.
As que me dixeron unha palabra amable, quizás o fixeron sen esperar nada a cambio.
As que me contradín, quizás teñan razón.
As que me fixeron un favor, quizás o fixeron de mil amores.
As que pasan do que a min me importa, quizás me axudan a buscar o verdadeiramente importante.
As que non van na miña dirección, quizás buscan o mesmo por outros camiños.
As que non mo poñen fácil, quizás me obrigan a renovar o esforzo e a ilusión día a día.

CANTOS
ENTRADA: 
Vinde axiña
LECTURAS: 
Canta, aleluia
OFERTORIO: 
Benaventurados
COMUÑÓN: 
O amor é o meirande

POWER POINTS
Domingo 15 Ord C




Comentarios

Publicacións populares