Ficha e Lectio - Domingo 27 Ordinario B
FICHAS ANTERIORES:
LECTIO:
DOMINGO XXVII T.
O.
(Ano B: 7 outubro 2018)
A
“boa nova”, a “boa noticia” de Xesús -palabras que traducen a expresión de
orixe grega “evanxeo”- ten como centro ou estrutura interna súa unha fermosa
palabra que utilizamos con frecuencia e que ás veces sabemos tamén manipular en
moi diversos sentidos. É a palabra “amor”. Trátase basicamente do amor que se
nos anuncia de Deus, como Pai, a toda a súa creación e de maneira especial ós
seres humanos todos, fillos seus en canto irmás e irmáns de Xesús, o fillo “benquerido”
de Deus.
Hoxe
fálasenos nas Lecturas do amor matrimonial, do amor ós fillos, ós pequenos, do
amor que se rompe e se adultera... Temas moi amplos, difíciles, mais
fundamentais.
O
amor é unha realidade e unha experiencia complexa, persoal e comunitaria,
íntima e social, que resulta en calquera caso decisiva por ameazada que estea
sempre polos desencontros persoais e polos conflitos sociais.
Agora
ben, se Deus se define a si mesmo como Amor, entón a realidade, que vén del,
non pode ser entendida axeitadamente se non se lle dá unha importancia esencial
ó amor.
Sen
a unión e o amor entre home e muller no podería existir a humanidade. Non
existirían fillos, nin sociedade, nin futuro. A historia remataría e con ela a
humanidade mesma. Mais Deus quere que o mundo siga, que a humanidade avance
cara ó seu futuro, aínda que pola nosa parte non poidamos saber nin sequera
sospeitar que formas adoptará esa futura humanidade. Se nos poucos anos que os
máis maiores levamos vivido puidemos ver e experimentar tantas cousas que de cativos
nin sequera poderiamos maxinar, ¡qué non será nos anos e séculos que veñan
despois de nós!
O
coñecido e famoso teólogo Karl Rahner, que foi profesor meu durante bastantes
anos en Innsbruck e Múnic, definía a Deus como “o futuro absoluto”. Pois ben,
se nós fomos feitos, creados, por ese Deus que é “futuro absoluto”, entón non
pode ser nada estraño que levemos tamén dentro de nós a semente do futuro. Por
iso se dan en nós unhas fortes pulsións biolóxicas e psicolóxicas para que, como
se nos di no texto do evanxeo, “deixe o home seu pai e mais súa nai e se una
coa súa muller, converténdose así os dous nunha soa carne”.
Ser
unha soa carne vén sendo case o mesmo que ser “unha soa persoa”: ter uns mesmos
sentimentos, entenderse e comprenderse ben; en definitiva, amarse. Trátase da
fermosa tarefa de, sendo diferentes, amarse mutuamente tanto que non pareza
senón que alí non hai máis ca unha soa persoa. É algo semellante ó que ocorre
no mesmo Deus. Se Deus é amor -tal como se nos di no evanxeo de Xoán-, amor
mutuo e infinito entre Pai, Fillo e Espírito Santo, iso quere dicir que hai
tamén en Deus un amor tan grande e fondo que non se pode falar máis que dun só
e único Deus. As tres persoas divinas son así tamén, coma quen di, “unha soa carne”.
Xesús
considera sagrado e inseparable o amor mutuo que se constitúe no matrimonio.
Porque é iso o que responde ós designios de Deus. Un Deus, Pai de Xesús e de
todos nós, que quere o noso futuro, o futuro da humanidade. Un futuro, ademais,
feliz. Porque ben sabemos que o futuro está aí para nos dar posibilidades de
plenitude e felicidade.
A
felicidade que, amándose mutuamente, atopan home e muller acrecéntase coa
felicidade que lles dan os fillos. Porque nos fillos están vendo os pais
directamente, en certo modo, o seu propio futuro. O futuro que eles mesmos
xeraron e produciron. Sen futuro tampouco se pode vivir. E os fillos están aí
para lles dicir ós seus pais que hai futuro, que hai vida, que hai alegría.
Por
iso Xesús amaba, quería e apreciaba tanto os pequenos, os rapaces. Eses seres
humanos que, igual cás mulleres, eran desgraciadamente pouco estimados e
apreciados no tempo de Xesús. Por iso era case normal que tanto elas como eles
recibisen reprimendas de parte dos discípulos de Xesús cando elas ou eles
querían achegarse a el. Marcos cóntanos que os discípulos lles “rifaban” ás
nais e ós nenos por intentaren achegarse a Xesús. Mais Xesús tomou moi a mal
esta actitude prohibitiva dos seus discípulos. “Indignouse” cos seus
discípulos, dinos ben claramente Marcos, para nos informar seguidamente sobre
que Xesús non deixaba de abrazalos, de bendicilos e de impoñerlles as mans
sobre a súa cabeciña. Mágoa que non houbese daquela cámaras ou móbiles que nos
puidesen inmortalizar estas escenas para que as puidésemos ollar con abraio os
que viriamos despois!...
Quédannos,
polo menos, documentadas por Marcos as palabras case incríbeis que Xesús
pronunciou daquela e que seguramente deixarían apampados ós seus discípulos.
Palabras que en Xesús ían acompañadas polos feitos, pola súa actitude amorosa
cos pequenos. Lembrémolas: “Deixade que os nenos se acheguen a min; non llelo
impidades, porque deles é o Reino de Deus. Dígovolo de verdade: Quen non reciba
como un neno o Reino de Deus, non entrará nel”.
Isto
quere dicir que os nenos, os rapaces, deberían ser os nosos mestres. Porque
eles son os que nos ensinan a recibirmos coma eles o Reino de Deus. Eles son os
que nos aprenden a termos confianza con Deus Pai como eles a teñen con seus
pais. Eles son os que nos aprenden a vivirmos a vida con alegría, con liberdade
e con entusiasmo, porque saben ou esperan que alí haberá sempre alguén que
coide deles e os ame.
Por
iso é tan importante, nas familias, que pais e avós lles proporcionen amor ós
seus fillos ou netos. Todo ó revés daquilo que dicía o rigoroso filósofo Kant. Pois
cómpre escoitar algunha vez o que chegou a escribir tan afamado pensador: "Pódese afirmar con verdade que se educan
moito peor os fillos da xente vulgar que os da xente distinguida. Porque a xente
vulgar xoga cos nenos, coma os monos. Cántanlles cancións, aloumíñannos,
bícannos, bailan con eles. Pensan que lles fan ben ó neno cando, tan pronto
como chora, corren cara a el e xogan con el, etc.”.
Calquera psicólogo ou
antropólogo dos nosos días tería que suspender hoxe a Kant se lle ocorrese
escribir iso nun exame. En realidade, el era nisto un produto dunha época na
que os intelectuais sabían aínda moi pouco da importancia do amor ó eles
basearen erroneamente o comportamento moral no “deber”, na obediencia ás ordes
e ós mandatos.
En calquera caso, pola nosa
parte estamos xa ben informados de que o amor é a clave, a chave, de todo. Por
algo Deus Pai decidiu manifestársenos en Xesús como amor.
ORACIÓN DOS FIEIS
Pidámoslle ó Deus
que se nos manifestou como pai amoroso en Xesús que atenda a nosa oración filial, dicindo: Escóitanos,
Pai.
TODOS: ESCÓITANOS, Pai.
- Ti, Pai noso, que
non es senón Amor, lévanos ó coñecemento da importancia de recibir e dar amor nas nosas vidas para así
asemellármonos a ti.
TODOS: ESCÓITANOS,
Pai.
- Axuda, Pai, a túa
Igrexa para que saiba defender os dereitos dos nenos a recibiren vida, amor e felicidade nas súas familias.
TODOS: ESCÓITANOS, Pai.
- Fai, Pai, que as
familias afectadas por carencias e necesidades materiais ou espirituais poidan experimentar a axuda dos demais.
TODOS:
ESCÓITANOS, Pai.
Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo noso Señor. Amén.
Manuel Cabada Castro
VER MÁIS:
Comentarios
Publicar un comentario