GAUDETE ET EXSULTATE (IV)

Tradución ao galego: Xosé Manuel Lence García



CAPÍTULO CUARTO
ALGUNHAS NOTAS DA SANTIDADE NO MUNDO ACTUAL


110.              Dentro do gran marco da santidade que nos propoñen as benaventuranzas e Mateo 25, 31-46, quixera recoller algunha notas ou expresións espirituais que, no meu entender, son indispensábeis para comprender o estilo de vida ao que o Señor nos convoca. Non vou determe a explicar os medios de santificación que xa coñecemos: os distintos métodos de oración, os preciosos sacramentos da Eucaristía e a Reconciliación, a ofrenda de sacrificios, os diversos xeitos de devoción, a dirección espiritual, e tantos outros. Referireime só a algúns aspectos da chamada á santidade que agardo que resoen de xeito especial.

111.               Estas notas que quero destacar non son todas as que poden conformar un modelo de santidade, pero son cinco grandes manifestacións do amor a Deus e ao próximo que considero de particular importancia, debido a algúns riscos e límites da cultura actual. Nela maniféstanse: a ansiedade nerviosa e violenta que nos dispersa e nos debilita; a negatividade e a tristura; a preguiza cómoda, consumista e egoista; o individualismo, e tantas formas de falsa espiritualidade sen encontro con Deus que reinan no mercado relixioso actual.

Aguante, paciencia e mansedume

112.                 A primeira destas grandes notas é estar centrado, firme en torno a Deus que ama e que sostén. Dende a firmeza interior é posíbel aguantar, soportar as contrariedades, os vaivéns da vida, e tamén as agresións dos demáis, as súas infidelidades e defectos: “ Se Deus está connosco, quen estará contra nós?(Rm 8,31). Isto é fonte da paz que se expresa nas actitudes dun santo. A partir da solidez interior, o testemuño da santidade, no noso mundo acelerado, volúbel e agresivo, é feitura da paciencia e da constancia no ben. É a fidelidade no amor, porque quen se apoia en Deus (pistis) tamén pode ser firme para os irmáns (pistós), non os esquece nos malos momentos, non se deixa levar pola súa ansiedade e mantense ao lado dos demáis, mesmo cando iso non lle brinde satisfaccións inmediatas.

113.               San Paulo convidaba aos romanos a non devolver a ninguén mal por mal(Rm 12, 17), a non querer tomar a xustiza “pola vosa conta(v.19), e a non deixarse vencer polo mal, senón a vencer “ao mal co ben(v.21). Esta actitude non é expresión de debilidade senón da verdadeira forza, porque o mesmo Deus é lento para a ira pero grande en poder(Na 1,3). A Palabra de Deus reclámanos: “Desterrade de vós a amargura, a ira, os anoxos e insultos e toda maldade(Ef. 4, 31).

114.                    Compre loitar e estar atentos fronte ás nosas inclinacións agresivas e egocéntricas para non permitir que se arraiguen: “se vos indignades, non cheguedes a pecar; que o sol non se poña sobre a vosa ira” (Ef 4,26). Cando hai circunstancias que nos agonían, sempre podemos recurrir á áncora da súplica, que nos leva a quedar de novo nas mans de Deus e onda a fonte da paz: “que nada vos desacougue; senón que, en toda ocasión, na oración e na súplica, con acción de grazas, as vosas peticións sexan presentadas a Deus. E a paz de Deus, que supera todo xuízo, custodiará  os vosos corazóns(Flp 4,6-7).

115.                Tamén os cristiáns poden facer parte de redes de violencia verbal a través de internet ou dos diveros espazos de intercambio dixital. Mesmo en medios católicos pódense perder os límites, adóitase naturalizar a difamación e a calumnia, e semella quedar fora toda ética e respecto pola fama allea. Dase así un perigoso dualismo, porque nestas redes dinse cousas que non serían tolerábeis na vida pública, e búscase compensar as propias insatisfaccións descargando con furia os desexos de vinganza. É chamativo que, ás veces, pretendendo defender outros mandamentos, pásase compretamente por alto o oitavo: “non dirás falso testemuño nin mentirás”, e destrózase a imaxe allea sen piedade. Alí maniféstase con descontrol que a lingua é un mundo de maldade” e “acendida polo mesmo inferno, fai arder todo o ciclo da vida(St 3,6).

116. A firmeza interior que é obra da graza, presérvanos de deixarnos arrastrar pola violencia que invade a vida social, porque a graza aplaca a vaidade e fai posible a mansedume do corazón. O santo non gasta as súas enerxías lamentando os erros alleos, é capaz de facer silencio ante os defectos dos seus irmáns e evita a violencia verbal que arrasa e maltrata, porque non se cre digno de ser duro cos demais, senón que os considera como superiores a un mesmo (cf. Flp 2,3).

117.          Non nos fai ben mirar dende arriba , colocarnos no lugar de xuíces sen piedade, considerar aos outros como indignos e pretender das leccións permanentemente. Esa é unha sutil forma de violencia. San Xoán da Cruz propuña outra cousa: “sexa sempre máis amigo de ser ensinado por todos que de querer ensinar mesmo ao máis cativo de todos96. E engadía un consello para ter lonxe ao demo: “Gózandote do ben dos outros como de ti mesmo, e querendo que os poñan a eles diante de ti en todas as cousas, e iso con verdadeiro corazón. Dese xeito vencerás ao mal con ben e botarás lonxe ao demo e traerás alegría de corazón. Procura exercitalo mais cos que menos che agraden. E sabe que se non exercitas isto, non chegarás á verdadeira caridade nin aproveitarás dela97.

118.         A humildade somentes pode arraigarse no corazón a traverso das humillacións. Sen elas non hai humildade nin santidade. Se non es quen de aturar e ofrecer algunhas humillacións non es humilde e non estás no camiño da santidade. A santidade que Deus agasalla á súa Igrexa dásenos pola humillación do seu Fillo, ese é o camiño. A humillación lévate a asemellarte a Xesús, fai parte ineludíbel da imitación de Xesucristo: “Cristo padeceu por vós, deixándovos un exemplo para que sigades as súas pegadas(1Pe 2,21). Así, El expresa a humildade do Pai, que  se abaixa para camiñar co seu pobo, que atura as súas infidelidades e murmurios (cf. Ex 34, 6-9; Sb 11, 23 – 12,2; Lc 6,36). Velaí a razón pola que os Apóstolos, logo da humillación, “saíron do Sanedrín felices de teren sido considerados merecentes de padecer polo nome de Xesús(Feit 5,41)

119.             Non me refiro somentes ás cruas situacións de martirio, senón ás humillacións cotiás dos que calan para salvar a súa familia, ou evitan falar ben de si mesmos e prefiren loar a outros no canto de a si mesmo, escollen tarefas menos relucentes, e mesmo prefiren ás veces soportar algo inxusto para ofrecelo ao Señor: No entanto, que aturedes cando sufrides por facer o ben, iso é unha graza de Deus(1Pe 2,20). Non consiste en camiñar coa cabeza baixa, falar pouco ou fuxir da sociedade. Ás veces, precisamente porque está liberado de egocentrismo, alguén pode atreverse a discutir amablemente, a reclamar xustiza ou a defender aos febles frente aos poderosos, inda que facelo teña consecuencias negativas para a súa imaxe.

120.            Non digo que a humillación sexa algo agradábel, porque sería masoquismo, senón que se trata dun camiño para imitar a Xesús e crecer en unión con El. Isto non se entende naturalmente e o mundo fai moca de semellante proposta. É unha graza que precisamos suplicar: “Señor, cando cheguen as humillacións, axúdame a sentir que estou detrás de Ti, no teu camiño”.

121.        Esta actitude supón un corazón pacificado por Cristo, liberado de esa agresividade que nace dun eu demasiado grande. A mesma pacificación que obra a graza permítenos manter unha seguridade interior e aguantar, perseverar no ben “se tiver de pasar por vagoadas sombrizas(Sal 23,4) ou “se un exército acampa contra min(Sal 27,3). Firmes no Señor, a Rocha, podemos cantar: “En paz déitome e logo adormezo porque só ti, Señor, me dás seguridade(Sal4,9). En definitiva, “Cristo é a nosa paz(Ef 2,14), veu para “guiar os nosos pasos polo camiño da paz(Lc1,79). El transmitiulle a santa Faustina Kowalska que a humanidade non atopará paz ata que non se dirixa con confianza á misericordia divina98. Daquela non caiamos na tentación de procurar a seguridade interior nos éxitos, nos praceres baleiros, nas posesións, no dominio sobre os demáis ou na imaxe social: “douvos a miña paz, pero non como a da o mundo”(Xn 14,27).

Alegría e bó humor

122.        O que ata agora se ten dito non implica un espírito de papouco, tristón, agriado, melancólico ou un perfil baixo, sen enerxía. O santo é quen de vivir con alegría e sentido do humor. Sen perder o realismo, ilumina aos demáis cun espírito positivo e esperanzado. Ser cristiáns é “gozo no Espírito Santo(Rm 14,17), porque “ao amor de caridade séguelle de seu o gozo, pois todo amante goza na unión co amado […] por iso a consecuencia da caridade é o gozo99. Temos recibido a fermosura da súa Palabra e abrazámola “no medio dunha gran tribulación , coa alegría do Espírito Santo (1Tes 1,6). Se deixamos que o Señor nos faga sair do noso caparazón e nos cambie a vida, daquela poderemos facer realidade o que pedía san Paulo: “Alegrádevos sempre no Señor; repítovolo, alegrádevos(Flp 4,4).

123.          Os profetas anunciaban o tempo de Xesús, que nós estamos a vivir, como unha revelación da alegría: “clamade con gozo e ledicia(Is 12,6). “Sube a un monte alto, mensaxeira de Sión, levanta con forza a túa voz, mensaxeira de Xerusalen(Is 40,9). “Que se fendan os montes coa alegría, pois o Señor consolou ao seu pobo e compadeceuse dos seus pobres(Is 49,13). “Relouca, filla de Sión, grita de ledicia, filla de Xerusalén. Velaí chega o teu rei, é xusto e protexido do Señor(Za 9,9). E non esquezamos a exhortación de Nehemías: “ Non sigades tristes porque o gozo do Señor é a vosa forza (8,10).

124.          María, que soubo descubrir a novidade portada por Xesús, cantaba: “alégrase o meu espírito en Deus, o meu salvador(Lc 1,47) e mesmo Xesús “encheuse de alegría do Espírito Santo”(Lc 10,21). Cando El pasabatoda a xente se alegraba(Lc 13,17). Logo da resurrección, alí onde chegaban os discípulos había unha grande alegría (cf Feit 8,8). A nós Xesús danos unha seguridade: “estaredes tristes, mais a vosa tristura volverase alegría […] Voltarei a vervos , e alegrarase o voso corazón, e ninguén vos quitará a vosa alegría(Xn 16,20.22). “Faleivos disto para que a miña alegría estea en vós e a vosa alegría sexa plena(Xn 15,11).

125.        Hai momentos duros, tempos de cruz, mais nada pode destruír a alegría sobrenatural, que “adáptase e transfórmase, e sempre permanece alomenos coma un xermolo de luz que nace da certeza persoal de ser infinitamente amado, alén de todo100. É unha seguridade interior, unha serenidade esperanzada que brinda unha satisfacción espiritual incomprensíbel para os parámetros mundanos.

126.         Ordinariamente a alegría cristiá está acompañada do sentido do humor, tan destacado por exemplo, en santo Tomás Moro, en san Vicente de Paul ou en san Felipe Neri. O mal humor non é un signo de santidade: “aparta do teu corazón a tristura(Qo 11,10). Tanto recibimos do Señor “para que o disfrutemos(1Tim 6,17), que ás veces a tristura ten que ver coa ingratitude, con estar tan pechado en si mesmo que un vólvese incapaz de recoñecer os agasallos de Deus101.

127.        Seu amor paterno convídanos: “Meu fillo, en canto che sexa posíbel, coida de ti mesmo[…] non te prives de pasar un día feliz(Si 14, 11.14). Quérenos positivos, agradecidos e non preocupados de mais: “En tempo de prosperidade disfruta […]. Deus fixo aos humanos equilibrados, pero eles procuraron preocupacións a carretadas(Qo 7,14.29). En calquera caso, compre manter un espírito flexíbel, e facer como san Paulo: “eu aprendín a valerme co que teño(Flp 4,11). É o que vivía san Francisco de Asís, capaz de conmoverse de gratitude ante un pedazo de pan duro, ou de loar feliz a Deus só pola airexadiña que aloumiñaba o seu rostro.

128.          Non falo da alegría consumista e individualista tan presente en algunhas experiencias culturais de hoxe. Porque o consumismo só empacha o corazón; pode brindar praceres ocasionais e pasaxeiros, pero non gozo. Refírome mais ben a esa alegría que se vive en comuñón e repártese, porque “hai mais alegría en dar que en recibir(Feit 20,35) e “Deus ama a quen da con alegría (2Cor 9,7). O amor fraterno multiplica a nosa capacidade de gozar, xa que nos incapacita para gozar co ben dos outros: “alegrádevos cos que están alegres(Ro 12,15). “Alegrámonos sendo febles, con tal de que vós sexades fortes(2Cor 13,9). Porén, cando “nos concentramos nas propias necesidades, condenámonos a vivir con pouca alegría102.

Audacia e fervor

129.         Ao tempo, a santidade é parresía: é audacia, é forza evanxelizadora que deixa unha marca neste mundo. Para facela posíbel, o mesmo Xesús sae ao noso encontro e repítenos con serenidade e firmeza: “non teñades medo(Mc 6,50). “Eu estou convosco todos os días ata o final dos tempos(Mt 28,20). Estas palabras fannos quen de camiñar e servir con esa actitude chea de coraxe que suscitaba o Espírito Santo nos Apóstolos e levábaos a anunciar a Xesucristo. Audacia, entusiasmo, falar con liberdade, fervor apostólico, todo iso está contido no vocablo parresía, palabra coa que a Biblia espresa tamén a liberdade dunha existencia que está aberta, porque atópase dispoñíbel para Deus e para os demáis (cf. Feit 4,29; 9,28; 28,31; 2Cor 3,12; Ef 3,12; Heb 3,6; 10,19).

130.          O beato Paulo VI mencionaba entre os atrancos da evanxelización, precisamente a carencia de parresía: “ a falla de fervor, tanto mais grave canto que sae de dentro103.
Cantas veces nos sentimos arrastrados a quedármonos na comodidade da beiriña! Pero o Señor chámanos para navegar mar adentro e botar as redes en augas mais fondas (cf. Lc5,4). Convídanos a gastar a nosa vida no servizo.
Aferrados a el animámosnos a poñer todos os nosos carismas ao servizo dos outros. Oxalá nos sintamos apremiados polo seu amor (cf. 2Cor 5,14) e poidamos decir con san Paulo: “pobre de min se non anuncio o Evanxeo(1 Cor 9,16).

131.        Miremos a Xesús: a súa compaixón entrañábel non era algo que o ensimismara, non era unha compaixón paralizante, tímida ou avergoñada como moitas veces nos sucede a nós, senón todo o contrario.Era unha compaixón que o movía a sair de sí con forza para anunciar, para enviar en misión, para enviar a sanar e a liberar. Recoñezamos a nosa fraxilidade pero deixemos que Xesús a tome nas súas mans e nos lance á misión. Somos fráxiles, mais portadores dun tesouro que nos fai grandes e que pode facer mais bós e felices a quen o reciban. A audacia e a coraxe apostólica son constitutivos da misión.

132.                A parresía é selo do Espírito, testemuña da autenticidade do anuncio. É feliz seguridade que nos leva a gloriarnos do Evanxeo que anunciamos, é confianza inquebrantábel na fidelidade do Testemuña fiel, que nos da a seguridade de que nada “poderá afastarnos do amor de Deus(Rm 9, 39).

133.            Precisamos o alento do Espírito para non sermos paralizados polo medo e o cálculo, para non acostumarnos a camiñar só dentro de marxes de seguridade. Lembremos que o que está pechado remata fedendo a humidade e enfermándonos. Cando os Apóstolos sentiron a tentación de deixarse paralizar polos temores e perigos, puxéronse a orar xuntos pedindo a parresía: “ Agora, Señor, mira  as súas ameazas e concede aos teus servos anunciar a túa palabra con afouteza(Feit 4, 29). E a resposta foi que “rematada a oración, tremeu o lugar onde estaban reunidos; encheunos a todos o Espírito Santo, e predicaban con coraxe a palabra de Deus: (Feit 4,31).

134.         Como o profeta Xonás, sempre levamos agochada a tentación de fuxir a un lugar seguro que pode ter moitos nomes: individualismo, espiritualismo, confinamento en pequenos mundos, dependencia, instalación, repetición de esquemas xa prefixados, dogmatismo, nostalxia, pesimismo, refuxio nas normas. Acaso non resistimos a saír dun territorio que nos era coñecido e manexábel. Porén os atrancos poden ser como a tormenta, a balea, o verme que secou o ricino de Xonás, ou o vento e o sol, que lle queimaron a cabeza; e, o mesmo que para el, poden ter a virtude de facernos voltar a ese Deus que é tenrura e que quere levarnos a unha itinerancia constante e renovadora.

135.         Deus sempre é novidade, que nos empurra a saírmos unha vez e outra e a desplazármonos para ir mais alá do descoñecido, cara as periferias e as fronteiras. Lévanos alí onde está a humanidade mais ferida e onde os seres humanos, por debaixo da aparencia da superficiliadade e o conformismo, seguen procurando a resposta á pregunta polo sentido da vida. Deus non ten medo! Non ten medo! El vai sempre alén dos nosos esquemas e non teme ás periferias. El mesmo fíxose periferia (cf. Flp 2,6-8; Xn 1,14). Por iso se ousamos chegar ás periferias, alí o imos topar, el estará alí. Xesús primeréanos o corazón de aquel irmán, na súa carne ferida, na súa vida oprimida, na súa alma escurecida. El xa está alí.

136.              Certo que compre abrir a porta do corazón a Xesucristo, porque el peta e chama (cf Ap 3,20). Mais por veces pregúntome se, polo aire irrespirábel da nosa autorrefencialidade, Xesús non estará xa dentro de nós petando para que o deixemos saír. No Evanxeo vemos como Xesús “ía camiñando de cidade en cidade e de pobo en pobo, proclamando e anunciando a Boa Nova do reino de Deus(Lc 8,1). Tamén despois da resurrección, cando os discípulos sairon a predicar por todas partes, o Señor cooperaba confirmando a palabra cos sinais que os acompañaban(Mc 16, 20). Esta é a dinámica que xermola do verdadeiro encontro.

137.          O costume sedúcenos e dinos que non ten sentido tratar de cambiar algo, que non podemos facer nada frente a esta situación, que sempre foi así e que, no entanto, sobrevivimos. A causa de este afacernos, xa non nos enfrontamos ao mal e permitimos que as cousas “sexan o que son”, ou o que algúns decidiron que sexan. Pero deixemos que o Señor veña a espabilarnos, a sacudirnos da nosa preguiza, a liberarnos da inercia. Desafiemos o costume, abramos ben os ollos e os oidos e, sobre todo, o corazón, para deixarnos descolocar polo que sucede ao noso redor e polo berro da Palabra viva e aficaz do Resucitado.

138.         Móvenos o exemplo de tantos sacerdotes, relixiosas, relixiosos e laicos que se dedican a anunciar e a servir con gran fidelidade, moitas veces a risco da propia vida e certamente a costa da propia comodidade. O seu testemuño lémbranos que a Igrexa non precisa tantos burócratas e funcionarios, senón misioneiros apaixoados, devorados polo entusiasmo de comunicar a verdadeira vida. Os santos sorprenden, desinstalan, porque as súas vidas convídannos a sair da mediocridade tranquila e anestesiante.

139.           Pidamos ao Señor a graza de non vacilar cando o Espírito nos reclame que deamos un paso adiante, pidamos o valor apostólico de comunicar o Evanxeo aos demais e de renunciar a facer da nosa vida cristiá un museo de lembranzas. De calquera xeito, deixemos que o Espírito Santo nos faga contemplar a historia na clave de Xesús resucitado. Dese xeito a Igrexa, no canto de estancarse, poderá seguir adiante acollendo as sorpresas do Señor.

En comunidade

140.        Se estamos aillados é moi difícil loitar contra a propia concupiscencia e contra os engados e tentacións do demo e do mundo egoista. É tal o bombardeo que nos seduce que, se estamos demasiado sós, fácilmente perdemos o sentido da realidade, a claridade interior, e sucumbimos.

141.         A santificación é un camiño comunitario, de dous en dous. Así o reflicten algunhas comunidades santas. En varias ocasións a Igrexa canonizou a comunidades enteiras que viviron o Evanxeo heroicamente ou que ofreceron a Deus a vida de todos os seus membros. Pensemos, por exemplo, nos sete santos fundadores de Orde dos Servos de María, nas sete beatas relixiosas do primeiro mosteiro da Visitación de Madrid, en san Paulo Miki e os seus compañeiros mártires de Xapón, en san Andrés Kim Taegon e os compañeiros mártires en Corea, en san Roque González, san Alfonso Rodríguez e compañeiros mártires de Sudamérica. Lembremos tamén o recente testemuño dos monxes trapenses de Tibhirine (Arxelia), que se prepararon xuntos para o martirio. Do mesmo xeito hai moitos matrimonios santos, onde cada un foi instrumento de Cristo para a santificación do cónxuxe. Vivir ou traballar con outros é, de certo, un camiño de desenvolvemento espiritual. San Xoán da Cruz decía a un discípulo: estás vivindo con outros “para que te labren e exerciten104.

142.            A comunidade está chamada a crear ese “espazo teologal no que se pode experimentar a presenza mística do resucitado105. Compartir a Palabra e celebrar xuntos a Eucaristía fainos mais irmáns e vainos convertendo en comunidade santa e misioneira. Isto da lugar tamén a verdadeiras experiencias místicas vividas en comunidade, como foi o caso de san Bieito e santa Escolástica, ou aquel sublime encontro espiritual que viviron xuntos san Agustín e santa Mónica: “Cando se achegaba o día da súa morte – día por ti coñecido, que nós ignorabamos- sucedeu polos teus ocultos designos, como o creo firmemente, que nos atopáramos ela e eu sós, apoiados nunha fiestra que daba ao xardín interior da casa onde nos hospedabamos […]. E abriamos a boca do noso corazón, ávidos das corrientes da túa fonte, a fonte de vida que hai en ti […] . E mentres estabamos falando e suspirando por ela [a sabedoría], chegamos a tocala un pouco con todo o ímpetu do noso corazón […] de xeito que fose a vida sempiterna cal foi nese intre de intuición polo que suspirabamos106.

143.        Pero esas experiencias non son o mais frecuente, nin o mais importante. A vida comunitaria, sexa na familia, sexa na parroquia, na comunidade relixiosa ou en calquera outra, está feita de moitos pequenos detalles cotiás. Isto ocurría na comunidade santa que formaron Xesús, María e Xosé, onde se refectiu de xeito paradigmática a beleza da comuñón trinitaria. Tamén é o que sucedía na vida comunitaria que Xesús levou cos discípulos e co pobo sinxelo..

144.          Recordemos como Xesús convidaba aos discípulos a prestar atención aos detalles:

O pequeño detalle de que rareaba o viño nunha festa. O pequeño detalle de que faltaba unha ovella.
O pequeño detalle da viúva que ofrendou as súas dúas moediñas.
O pequeño detalle de ter aceite de reposto para as lámpadas por se o noivo se demora.
O pequeño detalle de dicir aos discípulos que viran cantos pans tiñan.
O pequeño detalle de ter un lumiño aprontado e un peixe na grela mentres agardaba aos discípulos na madrugada.

145.         A comunidade que preserva os pequenos detalles do amor107, onde os membros coidan uns dos outros e constitúen un espazo aberto e evanxelizador, é lugar da presenza do Resucitado que a vai santificando conforme ao proxecto do Pai. Ás veces, por un don do amor do Señor, no medio deses pequenos detalles agasállansenos consoladoras experiencias de Deus: “ unha tarde de inverno estaba eu cumprindo, como adoito, a miña doce tarefa […]. De repente oín ao lonxe o son harmonioso dun instrumento musical. Daquela imaxinei un salón moi ben iluminado, todo refulxente de ricos dourados; en el, mociñas elegantemente vestidas, prodigándose mutuamente cumpridos e cortesías mundanas. Logo pousei a mirada na pobre doente que sostiña. No canto dunha melodía escoitaba de cando en vez os seus laios lastimeiros […].
Non podo expresar o que pasou pola miña alma. O único que sei é que o Señor iluminouna cos raios da verdade, que sobrepasan de tal xeito o brillo tenebroso das festas da terra, que non podía crer a miña felicidade108.

146.        En contra da tendencia ao individualismo consumista que remata por aillarnos na procura do benestar ao marxe dos demais, o noso camiño de santificación non pode deixar de identificarnos con aquel desexo de Xesús: “que todos sexan un , coma ti Pai en min e eu en ti(Xn 17,21).

En oración constante

147.        Finalmente, aínda que pareza obvio, lembremos que a santidade está feita dunha apertura habitual á trancendencia, que se expresa na oración e na adoración. O santo é unha persoa con espírito orante, que precisa comunicarse con Deus. É alguén que non soporta afogar na inmanencia pechada de este mundo, e no medio dos seus esforzos e servizos suspira por Deus, sae de seu na loanza e amplía os seus límites na contemplación do Señor. Non creo na santidade sen oración, aínda que non se trate necesariamente de longos momentos ou de intensos sentimentos.

148.             San Xoán da Cruz recomendaba “procurar andar sempre na presenza de Deus, sexa real, imaxinaria ou unitiva, de acordo co que lle permitan as obras que está a facer109 No fondo, é o desexo de Deus que non pode deixar de manifestarse dalgún xeito no medio da vida cotiá: “procure ser contínuo na oración, e no medio  dos exercicios corporais, non a deixe. Sexa que coma, que beba, fale con outros, ou faga calquera cousa, sempre ande desexando a Deus e apegando a el o seu corazón110.

149.              Porén, para que isto sexa posíbel, tamén son necesarios algúns momentos só para Deus, en soedade con el. Para santa Teresa de Ávila a oración é “tratar de amizade estando moitas veces en soedade con quen sabemos que nos ama111. Quixera insistir en que isto non é só para uns poucos privilexiados, senón para todos, porque “todos temos necesidade de este silencio penetrado de presenza adoradora112. A oración confiada é unha reacción do corazón que se abre a Deus cara a cara, onde se fai calar todos os rumores para escoitar a suave voz do Señor que resoa no silencio.

150.        Nese silencio é posíbel discernir, á luz do Evanxeo, os camiños de santidade que o Señor nos propón. Doutro xeito, todas as nosas decisións poderán ser somentes “adornos” que, no canto de exaltar o Evanxeo nas nosas vidas, o recubrirán ou o afogarán. Para todo discípulo é indispensábel estar co Mestre, escoitalo, aprender del, sempre aprender. Se non escoitamos, todas as nosas palabras serán únicamente ruídos que non serven para nada.

151.       Lembremos que “é a contemplación do rostro de Xesús morto e resucitado a que recompón a humanidade, tamén a que está fragmentada polas fatigas da vida, ou marcada polo pecado. Non hai que domesticar o poder do rostro de Cristo113. Daquela, atrévome a preguntarte: Hai momentos nos que, posto na súa presenza, en silencio, permaneces con el sen presas, e déixaste mirar por el? Deixas que o seu lume inflame o teu corazón? Se non lle permites que el alimente o calor do seu amor e da sua tenrura, non terás lume, e así, como poderás inflamar o corazón dos demáis co teu testemuño e coas túas palabras? E se ante o rostro de Cristo aínda non consegues deixarte sanar e transformar, daquela penetra nas entrañas do Señor, entra nas súas chagas, porque alí ten a súa sede a misericordia divina114.

152.        Pero rogo que non entendamos o silencio orante coma unha evasión que nega o mundo que nos rodea. O “peregrino ruso” que camiñaba en oración continua, conta que esa oración non o separaba da realidade externa: “Cando topaba coa xente parecíame que eran todos tan amabeis como se foran a miña propia familia. […] E a felicidade non iluminaba somentes o interior da miña alma, senón que o mundo exterior parecíame baixo un aspecto maravilloso115.

153.                  Tampouco a historia desaparece. A oración, precisamente porque se alimenta do don de Deus que se deita na nosa vida, debería ser sempre memoriosa. A memoria das accións de Deus está na base da experiencia da alianza entre Deus e o seu pobo. Se Deus quixo entrar na historia, a oración está tecida de recordos. Non só do recordo da Palabra revelada, senón tamén da propia vida, da vida dos demais, do que o Señor ten feito na súa Igrexa. É a memoria agradecida da que tamén fala san Ignacio de Loiola na súa “Contemplación para acadar amor116, cando nos pide que traimos á memoria todos os beneficios que temos recibido do Señor. Contempla a a túa historia cando ores e nela atoparás un mar de misericordia. Ao tempo iso alimentará a túa consciencia de que o Señor tenche na súa memoria e nunca se esquece de ti. Por conseguinte, ten sentido pedirlle que ilumine mesmo os mais pequenos detalles da túa existencia, que a el non se lle escapan.

154.        A súplica é expresión do corazón que confía en Deus, que sabe que só non pode. Na vida do pobo fiel de Deus atopamos moita súplica chea de tenrura crente e de fonda confianza. Non restemos valor á oración de petición, que tantas veces serena o corazón e nos axuda a seguir loitando con esperanza. A súplica de intercesión ten un valor particular, porque é un acto de confianza en Deus e, ao tempo, unha expresión de amor ao próximo. Algúns, por prexuizos espiritualistas, creen que a oración debería ser unha pura comtemplación de Deus, sen distraccións, como se os nomes e os rostros dos irmáns foran unha perturbación a evitar. Pola contra, a realidade é que a oración será mais agradábel a Deus e mais santificadora se nela, pola intercesión,tentamos vivir o dobre mandamento que nos deixou Xesús. A intercesión expresa o compromiso fraterno cos outros cando nela somos quen de incorporar a vida dos demais, as súas angurias mais perturbadoras e os seus mellores soños. De quen se entrega xenerosamente a interceder pode dicirse coas palabras bíblicas: “Este é o que ama aos seus irmáns, quen ora moito polo pobo”(2M 15,14).

155.            Se en verdade recoñecemos que Deus existe non podemos deixar de adoralo, ás veces nun silencio cheo de admiración, ou de cantarlle en festiva loanza. Así expresamos o que vivía o beato Charles de Foucauld cando dixo: “Apenas crin que Deus existía, comprendín que só podía vivir para el117. Tamén na vida do pobo peregrino hai moitos xestos simples de pura adoración, como por exemplo cando “a mirada do peregrino apousa nunha imaxe que simboliza a tenrura e cercanía de Deus. O amor detense, contempla o misterio, gózao en silencio118.

156.        A lectura orante da Palabra de Deus, mais doce que o mel (cf Sal 119, 103) e “espada de dobre fío(Hb 4,12),  apróntanos a deternos e escoitar ao Mestre para que sexa lámpada para os nosos pasos, luz no noso camiño (cf Sal 119,105). Como ben nos lembraron os Bispos da India:”A devoción á Palabra de Deus non é só unha de moitas devocións, fermosa pero dalgún xeito opcional. Pertence ao corazón e á identidade mesma da vida cristiá. A Palabra ten en sí o poder para transformar as vidas119.

157.             O encontro con Xesús nas Escrituras lévanos á Eucaristía, onde esa mesma Palabra acada a súa máxima eficacia, porque é presenza real de quen é Palabra viva. Alí, o único Absoluto recibe a meirande adoración que pode darlle esta terra, porque é o mesmo Cristo quen se ofrece. E cando o recibimos na comuñón, renovamos a nosa alianza con el e permitímoslle que realice mais e mais a súa obra transformadora.





95
Hai moitas formas de bullying que, ainda que mesmo parezan elegantes ou
respectuosas e mesmo moi espirituais, provocan moito sofrimento na autoestima dos demais.
96
Cautelas 13b
97
Ibíd 13 a
98
Diario p 132
99
San Tomé de Aquino, Summa Theologiae I-II q70 a 3
100
Exh ap Evangelii gaudium (24.11.13), 6
101
Recomendo rezar a oración atribuída a santo tomás Moro: “ Concédeme Señor unha boa dixestión, e tamén algo que dixerir. Concédeme a saúde do corpo, como o bo humor necesario para mantela. Dame, Señor, un alma santa que saiba aproveitar o que é bó e puro, para que non se asuste ante o pecado,  senón  que atope o  xeito  de  poñer  as  cousas outra  vez  en orde.
Concédeme un alma que non coñeza o aburrimento, as murmuracións, os suspiros e os laios, e non permitas que sufra excesivamente por esa cousa



tan dominante que se chama eu. Dame , Señor, o sentido do humor. Concédeme a graza de comprender, para que coñeza na vida un pouco de alegría e poida comunicárllela aos demais. Así sexa.
102
Exh ap postsin Amoris laetitiae (19.03.16), 110
103
Exh ap Evangelii nuntiandi (08.12.75), 80. É interesante sinalar que neste texto o beato Paulo VI une íntimamente a alegría á parresía. Así como lamenta “ a falla de alegría e de esperanza”, exalta a “doce e confortadora alegría de evanxelizar”, que está unida “a un pulo interior que nada nen ninguén será quen de extinguir”, para que o mundo non reciba o Evanxeo “a traverso de evanxelizadores tristes e desalentados”.
Durante o ano santo de 1975, o mesmo Paulo VI dedicou á alegría a Exhortación apostólica Gaudete ein Domino (09.05.75)
104
Cautelas, 15
105
San Xoan Paulo II, Exh Ap postdin Vita Consecrata (25.03.96), 42
106
Confesiones IX, 10, 23-25: PL 32, 773-775
107
Especialmente recordo as tres palabras chave” permiso, grazas, perdón”, porque “as palabras axeitadas, pronunciadas no momemto preciso, protexen e alimentan o amor día tras día”: Exh Ap postsin Amoris Laetitiae
(19.03.16), 133
108
Santa Teresa de Lisieux, Manuscrito C, 29v-30r.
109
Grados de perfección, 2
110
Id. Avisos a un relixioso para acadar a perfección, 9b
111
Libro da Vida, 8, 5
112
Xoan Paulo II , carta ap Orientale lumen (02.05.95)
113
Discurso no V Congreso da Igrexa italiana, Florencia (10.11.15)
114
Cf san Bernal, Sermóns sobre o Cantar do Cantares 61,3-5: PL183,1071-1073
115
Relatos dun peregrino ruso. Buenos Aires 1990, 25.96
116
Cf Exercicios espirituais, 230-237
117
Carta a Herry de Castries (14.08.01)
118
V     Conferencia        Xeral      do     Episcopado        Latinoamericano         e    do     Caribe, Documento de Aparecida (29.06.07)
119
Conferencia de Bispos Católicos de India. Declaración final da XXI Asemblea
Plenaria (18.02.09)

Comentarios

Publicacións populares