Lectio - Domingo 5 de Ordinario B
DOMINGO V T. O.
(Ciclo B: 4. II. 2018)
Coma nos nosos tempos, tamén nos tempos de Xesús había
naturalmente, polo que se ve, gripe e febres. Tal como nos pasa agora que
estamos no inverno e as gripes e constipados acostuman visitarnos. A xente
pobre e marxinada seguramente sería entón, igual ca hoxe, máis indefensa ante
as enfermidades. Como sabemos, os irmáns Simón Pedro e Andrés por unha banda e
Santiago e Xoán pola outra eran da clase baixa. Simples pescadores ocasionais.
Os seus familiares serían tamén polo tanto xente humilde e sinxela, da mesma
clase social ca eles.
Simón, o primeiro papa (aínda que daquela non se
empregasen estas solemnes expresións), estaba casado -como tamén probablemente
os demais apóstolos- e a súa sogra estaba encamada, afectada pola febre. Era
lóxico que, aínda que a enfermidade da sogra de Simón Pedro posiblemente non
fose grave, quixese Xesús ter polo menos un pequeno detalle coa nai da muller
do seguramente máis impulsivo e xeneroso dos seus discípulos. Marcos dinos que
Xesús a colleu da man e a ergueu da cama. Coa súa mirada e o seu sorriso
agarimosos Xesús sandaba a xente.
Hoxe en día, e con toda razón, estase a pór de relevo unha
e outra vez a importancia de Xesús como sandador, como curador misericordioso.
Marcos dinos que, despois de sandar Xesús a sogra de Pedro, se amoreou moita
xente á porta da casiña onde vivía a enferma e alí curou a moitos enfermos. Que
quero dicir ou, mellor, que queren dicir importantes entendidos actuais coa
importancia que lle dan a Xesús como curador ou sandador? Non se trata de que o
oficio de Xesús fose simplemente ese. El curaba, si, pero non a todos nin por
todas partes. Seguía a haber xente enferma. O que pasa é que Xesús vén
indicarnos co seu comportamento a dirección, o camiño que deberiamos seguir os
seus discípulos. Xesús non se preocupou propiamente de darnos unha moral
especial, non vai establecer ritos ou cultos novos, non vai fundar propiamente
tampouco unha nova relixión. O que vai facer, si, e de maneira moi insistente,
é ser e mostrarse compasivo coa xente, atender a todos, escoitar a todos,
apoiar os humildes e necesitados para que saiban sentir en si mesmos a
dignidade de fillos de Deus. E todo isto de maneira moi concreta e real.
Sendo e comportándose Xesús así, móstranos ben claro como
é o seu Pai e o noso Pai e lévanos así a el. Porque Xesús non é un simple
filántropo, baseado en consideracións puramente humanas. El sabe que o Reino
que nos trae está fondamente baseado na experiencia súa de que Deus é Pai
universal de todos e que nos quere ben a todos. Por iso Xesús non deixa de
entrar en contacto cada día con seu Pai (e noso Pai) na oración, por moito que
se ocupe tamén de dar e ofrecer felicidade ós seus irmáns, ás xentes que
convivían con el. Marcos coméntanos
que Xesús non se deixou levar do fervor e da admiración da xente cara a el á
vista das curacións realizadas, senón que “se ergueu moi cedo, aínda de noite,
e saíu para un lugar arredado onde se puxo a orar”. É dicir, Xesús –tal como vemos-
necesita falar e dialogar con seu pai, que é pai noso tamén.
E a propósito, o P. Seixas, que tantas veces e a tanta
xente animou na fe nesta igrexa ata hai arredor de 30 anos e que tiña unha
actividade exterior moi intensa, comentaba por exemplo en relación coa
importancia da oración o seguinte: “A pregaria, a oración, é a cousa máis
necesaria pra vivir de acordo a esta dependencia de Deus, pra facer sempre a
vontade de Deus”. “O verbo pregar é o verbo que máis debe conxugar o home na
súa vida cotiá”. “A primeira cousa máis importante na miña vida é falar con
Deus. Falar e escoitalo. Non hai cousas máis importante”.
O P. Seixas, como cristián exemplar, non facía senón
imitar o comportamento de Xesús. Ben fornecido do amor do seu Pai na oración,
volvía Xesús ós seus irmáns, os homes e mulleres do seu tempo, para lles
ofrecer o amor, a alegría e a curación que veñen de Deus. A vida de Xesús
movíase sempre, coma o péndulo dun vello reloxo de parede, entre o diálogo
filial co seu Pai e o diálogo fraternal cos seus irmáns. Xesús sabía ben que
non se pode amar a Deus sen amar os irmáns.
O P. Seixas comportábase de xeito semellante, Así, cando
tiña 25 anos escríbelle ó P. Xeral de toda a Compañía de Xesús, que era polaco,
pedíndolle que o destinase a algunha leprosería para atender alí os leprosos.
Como iso non se lle concedeu, volve pedir anos máis tarde unha e outra vez ós
seus Superiores (tamén ó seguinte Xeral da Compañía) que o mandase a misións
con negros, se non a África pola súa pouca saúde, polo menos a Haití. Tampouco
o conseguiu. Menos mal que algúns anos despois puido el recibir unha oferta
para irse á República Dominicana e, deixando o traballo que daquela exercía na
Coruña, alá se foi axiña e alí puido atender por fin tamén a súa querida xente
de raza negra. A isto se debeu tamén a súa gran simpatía coa colonia negra aquí
en Vigo, cando volveu enfermo de América e os seus superiores o destinaron a residir
nesta nosa cidade.
Os enfermos e necesitados que Xesús atendía e curaba, e
ós que Seixas intentou sempre tamén achegarse, témolos sempre tamén entre nós.
Xesús convídanos, co seu exemplo, a comportármonos como el o fixo, para así
irmos construíndo un mundo que sexa verdadeiro Reino de Deus. E Paulo
lémbranolo tamén hoxe na súa carta ós Corintios ó falarnos de que o Evanxeo é
para el “unha necesidade que ten enriba del”, que o forza e convida a se facer,
como el di, “escravo de todos”. “Cos débiles –dinos nesa carta Paulo- fíxenme
débil, para gañar os débiles. Fíxenme todo con todos, para salvar algúns custe
o que custe. Todo o fago polo Evanxeo, para ter algunha parte del”.
CREDO
ORACIÓN DOS FIEIS
En comuñón e fraternidade mutua, pidámoslle ó noso Pai
Deus que nos conceda espírito de oración e ó tempo mans prestas para axudar os
necesitados, dicindo: Escóitanos, Pai.
Todos:
Escóitanos, Pai.
- Concédenos, Pai, sentirmos en nós a necesidade da
oración, de agradecerche tantas cousas boas que nos deches e de pedirche por
tódalas necesidades do mundo.
Todos: Escóitanos,
Pai.
- Dános, Pai, mans prestas e agarimosas para axudar a
aliviar os problemas e angustias dos nosos irmáns necesitados.
Todos: Escóitanos, Pai.
- Move, Pai, o corazón de persoas e gobernos para
que se preocupen de verdade por resolver os problemas dos seus administrados.
Todos: Escóitanos, Pai.
Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo Noso Señor.
AMÉN.
Manuel Cabada Castro
VER TAMÉN:
Comentarios
Publicar un comentario