Ficha e Lectio - Domingo 3 de Coresma B
FICHAS ANTERIORES:
LECTIO:
DOMINGO III CORESMA
(Ciclo B: 4 de marzo
2018)
O
misterio da personalidade de Xesús amósase en que sempre ou case sempre é
desconcertante. Se estamos acostumados a velo como cheo de amor e agarimo coas
persoas e coas cousas, a escena de hoxe co vergallo ou látego na man parece que
non casa ben con todo isto.
Mais
dado que de Xesús con razón temos que supoñer que estea ben ó tanto do que é e
de como é seu Pai, teremos en consecuencia que estar moi atentos cando nos fala
sobre el. Como fillo especialísimo que é do seu Pai, ese Fillo proclamado polo
Pai unha e outra vez como o “benquerido”, ten que estar ben informado de como é
a casa de seu Pai Deus.
Polo
que se nos di no evanxeo de hoxe, nin seu Pai é un “negociante” nin a casa de
seu Pai é tampouco unha casa de “negocios”. Nin Deus nin a súa morada poden ter
nada que ver con ganancias, con intereses ou con cousas que se mercan
baseándose nos propios haberes ou poderes. “Non fagades da casa do meu Pai unha
casa de negocios”, bérralles Xesús ós asustados vendedores e cambistas. Na casa
de seu Pai non se está por méritos propios nin á busca de medras particulares.
A casa de seu Pai é simplemente a casa onde se vive agradecido a familiaridade
con Deus, onde se aprende fraternidade e igualdade entre todos.
Por
iso, propiamente, a casa de Deus non é casa ningunha, senón esa relación filial
fonda que se ten con el e que crea fraternidade entre todos, esteamos onde
esteamos ou fagamos o que fagamos. É verdade que no templo de Xerusalén se
practicaban ritos de sacrificios de animais, bois, ovellas, pombas, etc. e que
para iso se precisaban persoas que se ocupasen tamén destes temas. Mais Xesús
non quere que estes materiais e estas actividades de tipo exterior rematen ó
final por afogar e distorsionar o que máis importa: o amor a Deus Pai e ós máis
necesitados. E nisto non fai Xesús máis que continuar coa denuncia que xa antes
del fixeran moitos profetas en relación cos cultos baleiros e puramente
exteriores que se realizaban no templo. Cousa que por certo -como ben sabedes-
non deixa de estar hoxe en día tamén na mente do actual papa Francisco cos seus
intentos de reforma da curia vaticana.
Naturalmente,
todo isto era tamén nos tempos de Xesús un asunto complicado e delicado, porque
se xogaban aquí moitos intereses das clases dirixentes, relixiosas e políticas.
De feito, Xesús aludirá algunha vez con suficiente claridade a este problema
cando nunha determinada ocasión, tal como sabemos por outras pasaxes dos
Evanxeos, se parou a conversar tranquilamente cunha muller afectada por
problemas persoais e con dúbidas sobre se a súa fe era a verdadeira ou non. Refírome
a aquela fermosa escena na que Xesús, cansado e con sede, lle pide de beber a
unha muller samaritana que vai co seu caldeiro a sacar auga do pozo.
Naquela
conversa con Xesús hai, sen dúbida, fonduras moito meirandes cás do pozo. Ela
séntese sorprendida polo feito de que Xesús a atenda con tanta delicadeza e
amor, xuntándose como se xuntaban nela varios feitos dos que cada un deles
semellaba ser xa razón suficiente para non atendela como de feito a atendería
Xesús. Era xa en principio unha muller (e polo tanto, culturalmente
discriminada), ademais pobre e para máis inri non xudía, pertencente ademais a
outra relixión distinta da dos xudeus. Por iso, ó longo da conversa, atreverase
ela a lle manifestar a Xesús as súas dúbidas sobre a súa propia fe,
comentándolle a Xesús: “Os nosos pais adoraron a Deus neste monte [a samaritana
refírese ó monte sagrado do seu pobo, o Garizim] e vós [é dicir, os xudeus]
dicides que é en Xerusalén onde hai que adorar...”. É unha consulta moi importante, porque aquí a muller
estalle a preguntar en realidade a Xesús (aínda que ela non o saiba) onde ten el,
é dicir, Xesús a súa casa. Porque, claro, o templo do verdadeiro Deus, a
verdadeira casa de Deus, é tamén a casa do seu Fillo, é dicir a casa de Xesús.
E Xesús, naturalmente, terá que saber moito destas cousas.
Cal
é a resposta de Xesús a esta cuestión que, se lle preocupaba á samaritana hai
vinte séculos, segue a ser hoxe actual nun mundo tan interrelacionado coma o
noso? A resposta é a seguinte: “Mira, muller, nin o teu templo nin o noso van
ser dende agora en adiante a casa de Deus”. Dito coas palabras do texto de
Xoán: “Faime caso, muller: chega a hora en que nin neste monte [é dicir, o dos
samaritanos] nin no de Xerusalén adoraredes o Pai ... Chega a hora –é xa agora-
na que os verdadeiros adoradores adorarán o Pai en espírito e verdade, pois
eses son os adoradores que procura o Pai”. Como vedes, Xesús non pretende
varrer pra a súa casa xudía fronte á casa samaritana...
A
resposta, pois, de Xesús á Samaritana é a de que a verdadeira casa de Deus é
aquela onde hai espírito e verdade. É dicir, onde queira que haxa sinceridade,
boa conciencia, humildade, amor, xustiza, rectitude de miras, etc. etc., alí
está o Pai Deus. Polo tanto, Deus habita nunha casa moito máis espazosa có
templo de Xerusalén ou calquera outra sinagoga, mesquita, igrexa, etc. etc.
Onde
está, pois, a casa, o templo de Deus? Desde logo non onde haxa egoísmos, particularismos
excluíntes, dogmatismos e cousas semellantes. Xesús diranos incluso que en
realidade todos e cada un de nós somos os verdadeiros “templos” de Deus e que o
Espírito Santo habita en nós, se nos mantemos en comuñón con el na fe, no amor
ó Pai e a tódalas persoas. Que onde queira que nos reunamos dous ou tres no seu
nome, alí está el no medio de nós... O verdadeiro templo de Deus son, pois, os
humildes, os sinxelos, os perseguidos, os tratados inxustamente pola sociedade.
Xesús identifícase con eles, como ben sabemos por moitas pasaxes do Evanxeo. E
se Xesús está alí, con eles, entón o Pai Deus está alí tamén con Xesús e con
eles. Eles son a súa casa.
Onde está a casa, o templo
de Deus Pai? Agora pódenos servir tamén unha anécdota do P. Seixas, cando el
falaba da súa estancia na República Dominicana, antes de virse para Vigo: “Eu procuraba facer actos un pouco
rechamantes para educar. Por exemplo, nas reunións de xente, cando viñan
doutras partes, abríalles a casa parroquial para que vivisen nela e ocupábana
toda, pero había un cuarto moi importante, o dedicado ó bispo, que era a
habitación máis grande e a mellor posta. Unha vez chamei o cociñeiro que tiña,
de raza india, e mandeille preparar o cuarto do bispo. E acórdome que entre a
xente que viñera había un da cidade veciña, Dajabón, que era moi negro,
limpabotas de oficio, collino e díxenlle, aquí tes a túa habitación: ó vela
quedouse un pouco abraiado e díxenlle:
Mira, este é o cuarto do bispo, que para nós é a representación de
Cristo, pero ti representas para min a Cristo máis có bispo, porque ti
representas unha raza explotada e oprimida, que é a raza de Cristo, así que ti
estarás aquí con todo o dereito. E na mesa tamén ocupou o lugar e usou os
cubertos do bispo. O cociñeiro andaba dicindo: non saio do meu asombro...”.
Cal
é a casa do Pai Deus? Quizais saibamos agora algo máis sobre este tema.
Pidámoslle a Deus Pai, por medio de Xesús, que nos axude a dármonos conta de
cal é a verdadeira casa súa e que nos bote, aínda que sexa a vergallazos, dos
falsos templos dos nosos egoísmos excluíntes.
ORACIÓN DOS FIEIS
Digamos todos:
ESCÓITANOS, PAI.
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
- Apréndenos,
Pai, a coñecer onde vives, onde tes a túa casa.
TODOS: Escóitanos, Pai.
- Lévanos, Pai, a
crermos de verdade que o lugar onde Ti vives son os pobres e necesitados do mundo.
TODOS: Escóitanos, Pai.
- Move, Pai, os
corazóns dos gobernantes e das persoas de boa vontade a axudaren con xenerosidade a cantos padecen necesidade.
TODOS: Escóitanos, Pai.
Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo
Noso Señor. AMÉN.
Manuel
Cabada Castro
Comentarios
Publicar un comentario