Ficha e Lectio - Domingo 1 de Coresma
FICHAS ANTERIORES:
Catequese de Galicia:
DOMINGO I DE CORESMA
(Ciclo B: 18. II.
2018)
Hai
catro días, o mércores de cinza, empezabamos o tempo da Coresma. Ben sabedes
que o nome de “Coresma” ten que ver cos “corenta” días de xaxún que, segundo os
textos do Novo Testamento, pasou Xesús no deserto despois de ser bautizado por
Xoán o Bautista. Os entendidos dinnos que o dos “corenta” días non hai que
entendelo literalmente. É só un número simbólico de “plenitude”, que vén
significar neste caso algo así como se dixésemos: “Xesús foi tentado sempre”. Como tamén sempre somos
tentados todos nós. O relato de hoxe de Marcos sobre as tentacións de Xesús é
moi parco, se o comparamos cos relatos que nos fan Lucas ou Mateo. Marcos
conténtase aquí con despachar con catro frases (exactamente trinta palabras en
grego) as tentacións de Xesús, sen aducir, como fan os outros, moitos máis
detalles. Polos outros evanxelistas sabemos que Xesús foi tentado polo
prestixio, polo poder, pola fama e cousas semellantes, para dese modo, segundo
lle suxería o mal espírito, instaurar o reino de amor e fraternidade que Deus
Pai quería e quere para todos nós.
En
calquera caso, é unha constante na vida de Xesús ese seu alternar ou pendular
entre, por unha banda, estar consigo mesmo e con Deus Pai e, por outra, a súa
intensa relación de amor, fraternidade e contacto con tódalas persoas que se
achegaban a el, para lles comunicar a “boa nova” do Pai.
O
tempo de Coresma está máis en relación co primeiro (é dicir, coa soidade
consigo mesmo e con Deus): Xesús sabe vivir só (no “deserto”, como refire
Marcos), aínda que alí estea fondamente confortado pola presenza vivida do seu
Pai que sempre está con el; sabe renunciar a moitas cousas que constituían para
bastantes do seu tempo (como tamén ocorre no noso tempo) o seu principal desexo
e aspiración; sabe ollar con limpeza e abraio cara á natureza (“vivía entre as
feras”, dinos Marcos), percibindo nela tamén a man do seu Pai creador de todo.
Todo
isto practicouno Xesús durante toda a
súa vida (que é, como digo, o que queren dicir eses “corenta días”) e se polas
multitudes que se amoreaban arredor del durante o día non o podía facer, tempo
había aínda de noite para se poder mergullar con agarimo agradecido no colo do
seu Pai Deus e falar con El.
Por
iso o tempo de Coresma é unha chamada litúrxica da Igrexa a todos para que
saibamos tamén nós, como Xesús, atopar tempo (ben sexa de día ou de noite) para
dialogarmos amorosamente, a través dos acontecementos e persoas que nos rodean,
co Deus Pai noso que nos quere.
A
expresión que utiliza Marcos ó nos dicir que o Espírito “encamiñou” Xesús ó
deserto é -tamén segundo os entendidos- unha expresión forte: algo así coma se o
Espírito “empuxase” ou “forzase”. Unha expresión –dinnos eles- “enérxica e
vehemente”. Boa falta nos faría a nós deixarnos levar por un espírito así de
“forte”, que nos levase por onde el quere...
Mais
así como Xesús non consideraba o
“deserto” como o seu lugar natural, como o seu hábitat –nisto certamente
diferenciábase moito el de Xoán Bautista-, así tamén, no noso caso, a nosa
soidade con Deus, as nosas renuncias, as nosas penitencias coresmais non
deberían ter outro sentido senón o de convertérmonos en instrumentos vivos e
operativos no servizo a Deus Pai, confraternizando deste xeito con tódolos seus
fillos e irmáns nosos. Dinos Marcos que foi despois de superar Xesús as
tentacións e despois tamén de que os poderosos deste mundo lle pechasen a boca
a Xoán Bautista encadeándoo no cárcere cando empezou Xesús a anunciar o Reino
de Deus, a Boa Nova.
Non
son eu, desde logo, partidario de considerar o tempo de Coresma coma un tempo
tristeiro, un tempo de non poder xa pasalo ben coma no Antroido, cando a xente
que aínda dispón dalgúns aforros pode quizais ver algún día na mesa lacón con
grelos, para empezar, e despois filloas, orellas ou ricas lambetadas. Dígoo non
por isto, senón porque tamén na Igrexa houbo dende hai algún tempo cambios na
secular liturxia coresmal. Por exemplo, o normal agora é que non se diga xa en
ningures no Mércores da Cinza a fórmula máis antiga coa que nos colocaban antes
a cinza na cabeza dicíndonos: “Lémbrate de que es po e en po te has converter”.
A mensaxe é agora moito máis alegre e, desde logo, moito máis cristiá:
“Convértete e cre no Evanxeo”, é dicir, na boa, na alegre noticia. Cal é esa
boa nova? Pois nada máis e nada menos que a boa, a alegre nova de Xesús mesmo,
é dicir, a de que Deus está connosco, de que Deus nos quere coma fillos del que
somos e de que calquera persoa que estea ó meu lado (ou lonxe de min) é irmán
meu... Xa sabemos que o papa Francisco se atreveu por fin a poñer a “alegría”
como centro do evanxeo, da boa e alegre nova.
Por
iso, pola miña parte, prefiro empregar a palabra tradicional galega de
“Antroido” (ou “Entroido”), e non a de “Carnaval”, porque “Antroido” ten que
ver coa “entrada” na Coresma. Non hai polo tanto un “corte” ou separación entre
o Antroido e a Coresma. O Antroido non é máis cá porta aberta, alegre e
festeira, á alegría que nos trae o evanxeo de Xesús. Por iso a cinza do comezo
da Coresma vai acompañada, moi acertadamente, desa nova fórmula, “Convértete e
cre no evanxeo”, é dicir, cre na “alegre nova” de Xesús.
Claro
que para que esta alegría da Coresma sexa como debe ser ten que poder incluír
nela a alegría de cantos se senten no mundo discriminados: sen poder comer o
que precisan, sen poder dispoñer de bens que a outros lles sobran, etc. Porque
a mensaxe coresmal “Convértete e cre no Evanxeo” leva consigo tomar conciencia
viva e práctica de que, se todos somos fillos de Deus e irmáns de Xesús,
ninguén debería ter motivo para me acusar de que non me comporto con el coma
verdadeiro irmán.
Esta
é, pois, a fermosa tarefa deste tempo coresmal que acabamos de comezar.
Pidámoslle ó Espírito de Deus que nos empuxe, “enerxicamente” como a Xesús, ó
“deserto” da nosa conversión a Deus Pai e á visión de tódalas persoas como irmáns
verdadeiros nosos.
CREDO
ORACIÓN DOS FIEIS
Deus, noso Pai, Ti amosáchesnos
en Xesús o camiño da verdade e da vida e nel aprendíchesnos tamén a superarmos
as tentacións do Maligno. Dirixímosche a Ti a nosa oración de fillos, dicindo:
ESCÓITANOS, PAI.
-
Que a
fama ou o poder mundanos non nos seduzan no espallamento da túa boa nova.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
-
Que
non adoremos ou idolatremos cousa ou persoa ningunha no mundo, senón soamente quen
Ti nos amosaches como Palabra túa, Xesús.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
-
Que
neste tempo de Coresma e en toda a nosa vida non nos deixemos levar senón polo
espírito da austeridade connosco e da xenerosidade e fraternidade con todos,
especialmente cos máis necesitados.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
Pedímoscho, Pai, por Xesús
Cristo, fillo teu e irmán noso. AMÉN.
Manuel
Cabada Castro
VER MÁIS:
Comentarios
Publicar un comentario