Ficha e Lectio - Domingo 6 Ordinario B
FICHAS ANTERIORES:
Fichas de Catequesis de Galicia:
LECTIO:
DOMINGO VI T. O.
(11. II. 2018)
Marcos
continúa a nos falar de Xesús como curador desde as entrañas bondadosas súas.
Manifesta el así o agarimo co que Deus Pai nos quere a todos sen prevencións
nin distincións. Pois sabemos ben xa que Xesús é a manifestación mesma do
Deus-Pai invisíbel. Lembrémonos do dito de Xesús: “Quen me ve a min, ve o Pai”.
Se ollamos, polo tanto, como actúa Xesús, estamos a ver tamén como é Deus e, en
consecuencia, como debemos comportarnos nós.
Para
apreciarmos nalgunha medida o atrevemento de Xesús ó tocar e curar da gafeira
(laceira ou lepra) o enfermo que se achegou a el, hai que ter en conta o
contexto cultural e relixioso do xudaísmo. A persoa afectada por esa
enfermidade era visto como alguén que se comportara mal. A lepra era o seu
sinal. Legalmente era un “impuro” e contaxiaba os demais. Por iso nin se podía
achegar el a ninguén nin tampouco os demais se podían achegar a el. Do
contrario, convertíanse tamén eles en pecadores, en “impuros”. Por iso os
leprosos tiñan que vivir en sitios abandonados ou desérticos. A comida, que
recibían de familiares, deixábana estes a unha certa distancia para evitar
calquera perigo de quebrantar a lei converténdose eles mesmos en impuros e
pecadores. Mais Xesús rompe aquí tamén
coas normas sociais e relixiosas para anunciar así que por enriba de calquera
convención social somos todos irmáns, irmáns del e irmáns entre nós, en canto
fillos dun mesmo Pai. Marcos cóntanos que Xesús se “estremeceu”, ou sexa, que
se lle conmoveron as entrañas ante este irmán seu que a sociedade e a relixión,
da que o mesmo Xesús participaba, excluíra ou marxinara de maneira tan
drástica. Se Xesús fose, para entendérmonos, un “fundamentalista” da lei, tería
que lle recriminar ó gafo que en vez de lle pedir que o curase debería el berrar,
como mandaba a lei: “son impuro, son impuro”. Para que, ó oíren iso, tanto
Xesús coma calquera outra persoa non se puxesen en perigo de se converter tamén
eles en “impuros” e pecadores. Xesús, pola contra, lonxe de proceder así,
“estende a súa man, –tal como nos conta Marcos– tócao” e cúrao.
O
mal xa estaba feito, podemos dicir. Porque, aínda que Xesús se pon “moi serio”
(como se di no texto de Marcos) e lle insiste ó curado en que non diga nada,
senón que se limite a comunicar ós sacerdotes que está san, el non é capaz de
aturar a alegría que leva consigo sen comunicárllela a cantos atopa. Como consecuencia,
Xesús non pode, pois, agora entrar nas vilas e ten que ficar “fóra” –como tamén
nos refire Marcos- “nos arredores apartados”. É dicir, Xesús mesmo, o curador
da gafeira, xustamente por ter “tocado” un gafo, convértese el mesmo agora
legalmente en “gafo”, en “pecador”, en excluído ou marxinado social. Aínda así
ou quizais precisamente por iso, dinos Marcos que a xente “seguía acudindo a el
de todas partes”. Como vedes, Xesús non fuxe da xente socialmente mal vista,
senón que se achega a ela. Quere a todos coma irmáns, porque son de verdade
irmáns seus. E quen, se non é un “desnaturalizado”, non quere e cura, se pode,
a seu irmán?
Falando
de gafos ou leprosos, lembro un día máis neste contexto o Padre Seixas. Comentaba
no último domingo que el, cando só tiña 25 anos, pedira ó Pai Xeral dos
xesuítas que o destinase a traballar nalgunha institución de leprosos. Mais
como non o conseguiu del, pediu traballar con outros excluídos sociais, os
negros. Polo menos puido traballar con obreiros en diversos lugares do mundo,
tamén aquí en Vigo. Sempre quixo, coma Xesús, achegarse ós marxinados, tocalos,
para así lles ofrecer e dar alegría e sen renunciar, chegado o caso, a un chisco
de humor. Velaquí algúns testemuños disto. Primeiro da súa estancia na
República Dominicana: “En certa ocasión acudiu a dar a Extrema Unción a un
ancián de oitenta anos que estaba a morrer. Na habitación había tres mulleres:
a esposa e as dúas concubinas. O Dereito parece que lle esixía botar as dúas
concubinas, pero isto parecíalle ofensivo para elas; así que tomou dúas
candeas, déullelas a cada unha e díxolles: ‘Xa que o axudastes a ben vivir,
axudádeo a ben morrer”. “Refuxiaba –segue a dicir o mesmo informante- na súa
casa os desertores, fosen do exército que fosen, e os negros que atravesaban a
fronteira de Haití. Quedoulle para sempre desa época de Santo Domingo un amor e
un agarimo especial polos negros”.
E
agora algúns testemuños da súa estancia aquí en Vigo: “Logrou en Vigo empalmar
fenomenalmente coa colonia negra, mozos negros procedentes do Zaire, o Congo,
Guinea, etc. Fixo matrimonios entre eles, bautizos, etc. e saía comer con eles
esas galdrumadas africanas das que volvía encantado. Tiña unha graza especial
para empalmar coas xentes máis estrañas: vendedores de prensa ou de xeados,
taxistas, etc., sempre xente humilde e marxinada. Foi sempre moi amante dos
marxinados e das culturas marxinadas”. “Parábase con tódolos ‘morenos’ que
atopaba en Vigo e procuraba buscarlles comida e traballo, parábase cos xitanos,
axudou nas horas heroicas ós obreiros de Citroën e do sector naval”.
Como
vedes, os gafos ou leprosos, cos que Seixas pediu desde un principio poder traballar
e ós que quería como Xesús “tocar”, foron de feito para el as persoas marxinadas.
Coma Xesús, Seixas trataba a todos como irmáns seus, pero de maneira especial os
máis excluídos dos bens destinados para todos.
Neste
sentido, como este domingo é o día da “Campaña contra a fame no mundo”,
promovida por “Mans Unidas”, e ó tempo celebramos a “Xornada Mundial do Enfermo”,
teñamos hoxe presentes na nosa mente a tantos como, aínda nos tempos de hoxe, continúan
a pasar fame e esforcémonos en traballar do modo máis eficaz que poidamos para
que deixe dunha vez de existir o grave escándalo de que, mentres que no mundo
morren millóns de nenos e persoas por enfermidades perfectamente curábeis, se
destinen crecentes recursos para guerras e se recorten en cambio para
alimentos.
Sexamos,
pois, nas nosas vidas curadores da humanidade e non cómplices da inhumanidade.
CREDO
ORACIÓN DOS FIEIS:
A Deus, Pai de todos, presentámoslle a nosa oración comunitaria, dicindo
“Escóitanos, Pai”.
TODOS:
Escóitanos, Pai
1. Pedímosche, Pai, pola túa Igrexa, á que
confiaches prolongar no tempo a misión do teu Fillo, para que asuma de forma
clara a defensa e liberación dos excluídos e marxinados.
Todos: Escóitanos, Pai .
2. Pedímosche, Pai, polos gobernantes, para que
tomen medidas eficaces para axudar os pobos máis necesitados.
Todos: Escóitanos, Pai .
3. Pedímosche, Pai, ó celebrarmos hoxe tamén a “Xornada
Mundial do Enfermo”, polos enfermos do mundo enteiro para que poidan sentirse
queridos e ben acompañados na súa enfermidade.
Todos: Escóitanos, Pai.
Concédenos,
Deus Pai de todos, termos os mesmos sentimentos do teu Fillo, que se conmoveu
ante o gafo e actuou eficazmente contra a súa marxinación. Pedímoscho
por Xesús Cristo, noso Señor. AMÉN.
Manuel Cabada Castro
VER MÁIS:
Comentarios
Publicar un comentario