Domingo 1 de Coresma B
1º DOMINGO DE
CORESMA - CICLO B
Primeira Lectura Xén 9, 8-15
Alianza de Deus con Noé liberado
das augas do diluvio
LECTURA DO LIBRO
DA XÉNESE
Deus
díxolle aínda a Noé e mais a seus fillos:
‑
"Vou establecer a miña alianza
convosco e cos vosos descendentes, con todos os animais que están convosco, os
paxaros, os gandos e as feras todas do monte, cantos saíron da arca e agora
viven na terra.
Fago
convosco esta alianza: Endexamais será outra vez destruída vida ningunha polas
augas do diluvio; non haberá outro diluvio que estrague a terra".
E
Deus engadiu:
‑
"Este será o sinal da alianza que eu fago convosco e con todos os seres
vivos que vos fan compaña, para todos os tempos: Poño o meu arco nas nubes,
sinal da miña alianza coa terra. Cando amoree nubes sobre a terra e apareza o
arco nelas, lembrarei a miña alianza convosco e con todos os seres vivos, e non
haberá máis augas de diluvio que destrúan a vida.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
SALMO
RESPONSORIAL Sal 24, 4bc-5ab. 6-7bc. 8-9
R/. (cf. 10): Os camiños do
Señor son todos misericordia e lealdade,
para os que gardan a súa
alianza.
Amósame, Señor, os teus camiños,
ensíname os teus sendeiros,
diríxeme na túa verdade, apréndeme,
que ti es o meu Deus salvador.
Lémbrate, Señor, da túa compaixón
e da túa misericordia,
pois existen desde sempre.
Acórdate de min segundo a túa
misericordia,
pola túa bondade, Señor.
O Señor é bo e recto:
por iso lles ensina o camiño aos
pecadores;
El dirixe na xustiza os humildes,
e amósalles o seu camiño aos
pobres.
Segunda Lectura 1 Pe 3, 18-22
Agora salvouvos o bautismo
LECTURA DA
PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PEDRO
Benqueridos
irmáns:
Cristo
morreu unha vez polos vosos pecados,
o xusto polos pecadores, para vos
achegar a Deus;
sufriu a morte na carne, pero
recibiu vida no espírito.
Foi
daquela cando lles foi proclamar a salvación
mesmo aos espíritos encadeados,
que foran rebeldes,
cando, nos tempos de Noé,
Deus, cheo de paciencia,
estábaos agardando, mentres se
construía a arca;
dentro dela, uns poucos,
en total oito persoas,
salváronse pola auga;
esta auga simbolizaba o bautismo
que vos salva a vós,
non por ser unha limpeza do corpo
lixoso,
senón por ser o compromiso con
Deus dunha conciencia honrada,
pola mediación de Xesús Cristo
resucitado,
que subiu ao ceo e está á dereita
de Deus,
despois que se lle someteron os
anxos, os poderes e as forzas.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
VERSÍCULO Mt 4, 4b
O home non vive só de pan,
senón de toda palabra que procede
da boca de Deus.
Evanxeo Mc 1, 12-15
Era tentado por Satán e os anxos
servíano
LECTURA DO SANTO
EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Naquel
tempo, o Espírito encamiñou a Xesús ao deserto. Alí permaneceu corenta días,
alí o tentou Satán; vivía entre as feras, e servíano os anxos.
Cando
prenderon a Xoán, marchou Xesús a Galilea a anunciar a Boa Nova de Deus,
dicindo:
‑
O tempo está cumprido, e chega o Reino de Deus; convertédevos, e crede na Boa
Nova.
Palabra do Señor R/. Loámoste,
Cristo
Comentarios
Publicar un comentario