Ficha e Lectio - Domingo 33 de Ordinario A
FICHAS ANTERIORES:
LECTIO:
DOMINGO XXXIII T. O.
(19 de novembro de
2017)
A
parábola dos talentos quere aprendernos a nos comportar como axentes activos na
creación. Nunca deberiamos esquecer que Deus, cando crea, cando fai xurdir o
mundo e a nós nel, realiza esa tarefa facendo reflectir nela o que el mesmo é.
Agora ben, o Deus cristián é plenitude de vida e de amor entre Pai, Fillo e
Espírito. Plenitude de actividade. Por iso, cando el nos fai, fainos tamén
activos e vitais. Unha materia, unha vida ou unha humanidade inertes e pasivas
é algo que non pode ter senso ningún. Iso significaría que Deus se negaría a si
mesmo ó se expresar no mundo e en nós.
É
algo así como cando, por exemplo, os pais dan vida ós seus fillos. Eles, á
maneira de Deus, co amor que mutuamente se teñen, colaboran na creación dun
mundo humano, vivo e activo. Porque ¿que son os fillos, por pequerrechos que
sexan, senón un impulso de vida, de actividade que se vai multiplicando cada
vez máis? Son os propios pais os primeiros sorprendidos pola súa incríbel
vitalidade.
As
cousas do mundo, incluídos nós mesmos, son así e todo moi diferentes, malia ter
todo unha mesma orixe divina. En realidade é unha diferenza que reflicte tamén
dalgunha maneira a diferenza das tres persoas divinas do único Deus.
Pois
ben, a parábola de Xesús dos diferentes talentos que Deus esparexe entre as
persoas humanas hai que situala no contexto destas diferenzas. Cada un recibe
de Deus, a través da propia bioloxía e do particular contexto social, dons
distintos.
Mais
o que verdadeiramente importa é que cada quen poña ó servizo dos demais os dons
que Deus lle deu. Porque -como ben sabemos- Deus non precisa dos nosos
servizos. El é en si mesmo absolutamente autosuficiente. Precísanos, en cambio,
cantos, máis preto ou máis lonxe de nós, teñen algunha relación connosco. Unha
vez máis, a medida ou a tradución máis correcta e exacta do noso suposto amor a
Deus é o amor que teñamos ós nosos irmáns.
Para
nós non debería existir meirande alegría cá de poder ter ocasión de traballar
polo ben dos demais, pois son irmáns nosos. Xesús non deixa ben os
preguiceiros, que non se preocupan por se converter en axuda e apoio dos que
están ó seu lado. O mundo funcionaría sen dúbida moito mellor se cada un
pensase máis nos outros ca en si mesmo. Esta é a verdadeira actividade que se
nos pide que exerzamos cos talentos recibidos. Porque só nos foron dados para
facelos frutificar e aumentar poñéndoos ó servizo dos demais.
Escribíame
hai xa algún tempo un bo amigo tras publicar o seu primeiro libriño nos comezos
da súa actividade docente universitaria: “Renunciei ós dereitos de autor e todo
o que recade irá parar a unha ONG coa que colaboro, que se dedica a proxectos
de xustiza social (especialmente na súa vertente educativa) en América Latina,
África, Asia e tamén en zonas pobres do noso país... A partir de agora, tódolos
meus libros, sexan literarios ou académicos, irán (en todo ou en parte)
dedicados a diversas ONG ou Fundacións... Cada día fago o esforzo consciente de
seguir tendo claro que a miña vocación é a que é. Non é ser un ‘profesional da
ensinanza’, senón unha persoa que constrúe mundo desde a tarima dunha
universidade. Descubrín que ese é o meu lugar, e non outro, e esfórzome niso”.
Isto
vén sendo -engado eu agora- unha das moitas maneiras de cumprirmos nos nosos
tempos o mandado evanxélico de pór os propios talentos ó servizo dos máis
necesitados. É o mesmo que facía aquela “muller forte” dos tempos antigos, ben
loada no libro dos Proverbios da Primeira Lectura pola súa laboriosidade e pola
súa xenerosidade cos necesitados: “Bota as mans á roca e os seus dedos
manexan o fuso. Tende a palma ó indixente e achega as súas mans ó mendigo”.
Non
quero rematar este cativo comentario das lecturas sen facer lembranza de algo ocorrido
hai agora vinte e oito anos, no día 16 deste mes de novembro (este xoves
pasado) do ano 1989. Pois coido que está en liña co que acabo de comentar e non
quero que esta miña anual lembranza sexa só miña senón tamén en certo modo vosa.
Nese día, en Centroamérica, foron asasinados pola represión militar, podemos
dicir martirizados -tendo en conta que a palabra de orixe grega “mártir”
significa ser “testemuña”- dous bos amigos meus xesuítas. En total foron
martirizados no abrente dese día seis xesuítas e mais dúas mulleres que
traballaban con eles. Os que eu coñecía de ter convivido con eles durante os
nosos estudos de teoloxía no Tirol austríaco eran Ignacio Ellacuría e Segundo
Montes, o primeiro orixinario do País Vasco e o segundo de Valladolid. Tanto Ignacio
como Segundo puxeron, como se nos pide no evanxeo, os seus “talentos” ó servizo
da construción do reino de Xesús. Non agacharon eses dons seus nun burato,
senón que os puxeron ó servizo da igualdade e da fraternidade. Con Ignacio
Ellacuría convivín durante case dous anos desde o mes de outono de 1960 ata o
verán de 1962. Eramos compañeiros de piso con porta de entrada ás nosas
respectivas habitacións fronte a fronte. El estivera xa antes en Centroamérica.
Serio e ó tempo amábel, teimoso en levar a cabo canto emprendía. Cando volveu
para alá ó final dos seus estudos, o seu propósito era empregar os seus talentos
ó servizo das que el chamaba “maiorías populares”, para que acadasen unha vida
digna, non sometida ó capricho e á violencia dos poderosos. Pouco antes de ser
eliminado, puiden aínda saudalo ó seu paso por Madrid de volta ó lugar do
martirio.
Con
Segundo Montes convivira xa antes de nos volver ver en Innsbruck. Alí cursamos
xuntos tres anos de teoloxía e recibimos tamén a ordenación sacerdotal no mesmo
día. Debido a isto, foi moita a relación de amizade que tiven con el. Cando foi
asasinado xunto cos seus compañeiros era el o superior ou responsábel daquela
pequena comunidade xesuítica.
En
fin, se os exemplos valen máis cás palabras que o vento leva, sírvanos hoxe esta
curta lembranza para animármonos pola nosa parte a poñer os nosos diversos
talentos ó servizo da boa nova, é dicir, da fraternidade e igualdade entre
todos.
CREDO
ORACIÓN DOS FIEIS:
Pidámoslle a Deus Pai que nos axude a poñer os bens e
talentos que del recibimos ó servizo dos nosos irmáns, especialmente dos máis
necesitados, dicindo: Escóitanos, Pai.
TODOS: Escóitanos, Pai.
- Concédenos, Pai, seguirmos os impulsos que puxeches nos
nosos corazóns para entregármonos ós demais, non pretendendo que eles estean ó
noso servizo.
Todos: Escóitanos, Pai.
Todos: Escóitanos, Pai.
- Convértenos, Pai, en activos promotores da igualdade e
fraternidade entre todos, sen deixármonos levar pola preguiza ou polo
desinterese en relación cos problemas e angustias dos necesitados e marxinados
do mundo.
Todos: Escóitanos, Pai.
Todos: Escóitanos, Pai.
- Concédelles, Pai, ós gobernantes espírito
responsábel para administraren e distribuíren con xustiza os bens de todos.
Todos: Escóitanos, Pai.
Todos: Escóitanos, Pai.
Pedímoscho, Pai, por Xesús
Cristo, noso Señor. AMÉN.
Manuel
Cabada Castro
VER MÁIS:
Comentarios
Publicar un comentario