Domingo 32 de Ordinario A
DOMINGO XXXII ORDINARIO - CICLO A
Primeira Lectura Sab 6, 12-16
LECTURA DO LIBRO DA SABEDORÍA
Encontran a sabedoría aqueles que a buscan
Raiante e perenne é a
sabedoría
e enxérgana sen dificultade os que a aman;
déixase atopar dos que a procuran.
Adiántase a se dar a coñecer polos que a arelan.
Quen madrugue por ela
non ha de cansar:
atoparaa chantada a carón da súa porta.
O matinar nela é xa o
cumio da prudencia,
quen por ela deixa o sono axiña se verá libre de preocupacións,
pois ela de seu vai de acá para alá á procura dos que dela sexan
dignos,
aparéceselles benigna nos vieiros,
sáelles ao encontro en calquera proxecto.
Palabra
do Señor R/.
Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 62, 2.
3-4. 5-6. 7-8
R/. (2b): De ti ten sede a miña alma, Señor, meu
Deus.
Deus, o meu Deus es ti, por ti madrugo,
de ti ten sede a miña alma,
por ti devece o meu corpo,
coma terra reseca, sedenta, sen auga.
Miro cara a ti no santuario,
para ver o teu poder e a túa gloria.
A túa misericordia é preciosa máis cá vida,
lóante os meus labios.
Toda a miña vida hei bendicirte
levantando no teu nome as miñas mans.
Coma de graxa e manteiga, hei quedar satisfeito,
han loarte xubilosos os meus labios.
No leito lémbrome de ti,
nas vixilias da noite penso en ti.
Ti es o meu auxilio,
á sombra das túas ás estou contento.
Segunda Lectura 1 Tes 4,
13-18 (longa)
LECTURA DA 1ª CARTA DO APÓSTOLO S.PAULO AOS TESALONICENSES
Deus levará consigo, por medio de Cristo, os que morreron
Irmáns:
Non queremos que
esteades mal informados acerca dos mortos, para que non vos agoniedes coma os
outros, os que non teñen esperanza.
Porque, se cremos que
Xesús morreu e que resucitou, do mesmo xeito Deus, por medio de Xesús, levará
con El os que xa morreron.
Iso é o que vos
dicimos apoiados na palabra do Señor: que nós, os que vivimos, os que quedemos
para a Vinda do Señor, non teremos vantaxe sobre os que xa morreron; pois a un
sinal de mando, á voz do arcanxo e ao son da trompeta de Deus, o Señor en persoa
baixará do ceo: entón os cristiáns defuntos resucitarán primeiro; despois, nós,
os que quedemos vivos, seremos arrebatados xunto con eles nas nubes, para irmos
ao encontro do Señor no aire e así estaremos sempre co Señor. Polo tanto, consoládevos uns a outros con
estas palabras.
Palabra
do Señor R/.
Grazas a Deus
______________________________________________________________________
Ou: 13-14 (máis breve)
LECTURA DA 1ª CARTA DO APÓSTOLO S.PAULO AOS
TESALONICENSES
Irmáns:
Non queremos que
esteades mal informados acerca dos mortos, para que non vos agoniedes coma os
outros, os que non teñen esperanza.
Porque, se cremos que
Xesús morreu e que resucitou, do mesmo xeito Deus, por medio de Xesús, levará
con El os que xa morreron.
Palabra
do Señor R/.
Grazas a Deus
ALELUIA Mt 24, 42a. 44
Se non se canta, pódese omitir
Aleluia, aleluia.
Vixiade e estade preparados,
porque á hora que non pensades
virá o Fillo do home.
Aleluia.
Evanxeo Mt 25, 1-13
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Velaí o noivo. Saíde recibilo
Naquel
tempo, díxolles Xesús aos seus discípulos esta parábola:
‑ O Reino dos Ceos
parecerase a dez virxes que, collendo os seus candís, saíron recibir o noivo.
Delas, cinco eran atoladas e cinco asisadas.
As atoladas colleron
os candís, pero non levaron aceite consigo; as asisadas, en troques, cos candís
levaron tamén as aceiteiras cheas.
Como o noivo tardaba,
pegoulles o sono a todas e quedaron durmidas.
A media noite oíuse
berrar: "Velaquí o noivo. Saíde recibilo".
Erguéronse de seguida
todas aquelas virxes e axeitaron os seus candís.
Entón as atoladas
dixeron ás asisadas: "Dádenos do voso aceite, que os nosos candís
esmorecen".
Responderon as
asisadas: "Non vaia ser que non chegue para nós e para vós; mellor será
que vaiades onda quen o vende e llo merquedes para vós".
No intre que elas ían
mercalo, chegou o noivo, e as que estaban preparadas entraron con el no
banquete de vodas, e pechouse a porta.
Máis tarde chegaron
tamén as outras virxes chamando: "Señor, Señor, ábrenos".
Pero el respondeulles:
"Dígovolo de verdade: Non vos coñezo".
Daquela, vixiade, xa
que non sabedes nin o día nin a hora.
Palabra
do Señor R/.
Loámoste, Cristo
ENTRADA:
LECTURAS:
OFERTORIO:
COMUÑÓN:
Comentarios
Publicar un comentario