Ficha e Lectio - Domingo 32 Ordinario A
DEBUXOS DE:
Debuxos de:
LECTIO:
DOMINGO XXXII T. O.
(12 de novembro de
2017)
En
certa ocasión mandoume un amigo un chiste de Forges. Saberedes que, aínda que o
caricaturista naceu en Madrid, o seu pai é galego, apelidado Fraguas (aínda que
o fillo cambiou despois Fraguas por Forges). Pois ben, a caricatura presentaba
os pais duns rapaces e mais estes. O pai aparecía lendo nun xornal de gran
formato e a nai manexaba os mandos da tele. Os rapaces entraban con ademán
decidido onda eles e dicíanlles: “Acabamos de tirar a tele e mailo ordenador ó
patio. Isto é unha revolución. Esiximos que nos contedes contos... e cousas.
Iso”...
Pois
ben, con frecuencia se falaba antes da Biblia, do Antigo e do Novo Testamento,
como dunha “Historia Sagrada”. Sobre todo no Novo Testamento, como ben sabemos,
Xesús fala en parábolas, en “contos” poderiamos dicir, que conteñen grandes
verdades. Non só os rapaces, para poderen durmir, fecundar a súa imaxinación e
saber orientarse na vida, tódalas persoas precisamos de que nos conten
historias ben artelladas e que conteñan importantes verdades. Por iso teñen
tantos lectores as boas novelas.
Os
xornais, en cambio, mais sobre todo a tele e outros medios de comunicación
métennos, non poucas veces, tantas cousas na cabeza e na imaxinación que, no
canto de nos serviren para orientármonos e formármonos axeitadamente, o que non
poucas veces intentan facer é manipularnos e utilizarnos para os particulares
intereses políticos ou económicos daqueles que dirixen eses medios de
comunicación ou información.
A
“historia sagrada” ou –se queredes- o “conto” que Xesús nos refire hoxe é o das
dez mociñas que agardan a entrar na sala de vodas cando cheguen os noivos. Unha
vez máis, presenta Xesús o seu reino como un encontro festivo e un ledo xantar
de parentes e amigos do noivo. O reino de Deus é descrito así como o conxunto
dunha humanidade que celebra festivamente a irmandade mutua de tódalas persoas,
unidas entre si e mais co Deus pai e orixe de todo.
O
tema da luz é tamén importante. Xesús dixera xa noutras ocasións sobre si mesmo:
“Eu son a luz do mundo”. Mais tamén, e como consecuencia disto: “Vós sodes a
luz do mundo”. Alí onde está Deus, alí hai luz e claridade. Mais tamén onde queira
que esteamos nós, como cristiáns bos e consecuentes, deberiamos converternos en
luz para nós mesmos e para os demais. A luz crea calor e constrúe espazos novos
e abertos para podermos camiñar con seguridade e tranquilidade.
As
cinco mozas atoladas, das que nos fala a parábola, non se preocuparon moito de
seren luz para si mesmas nin para os demais. Velaquí o seu erro.
Lémbrome
moi ben de cando eu era aínda un rapaz nunha cativa parroquia desta galega terra
nosa. Cando anoitecía, ó principio, ademais do lume da lareira había algunha
candea acendida, ou un candil de aceite (semellante seguramente ós candís das
virxes do evanxeo). Despois e ás veces un candil de carburo. Nos anos corenta a
meu pai ocorréuselle facer alá abaixo, á beira dun regueiro, un cativo e
familiar muíño no que tamén había unha dínamo que producía algo de corrente
continua para así podermos ter luz eléctrica na nosa casa e nalgunhas outras
veciñas. “Ide botar a luz”, dicíanos el. E subiamos ó piso alto da casa para ir
pouco a pouco erguendo unha panca que por medio dun arame movía alá abaixo no
río un dispositivo que daba entrada a auga para producir o milagre da luz. A
luz da lámpada que estaba enriba da miña cabeza era primeiro de cor vermella e
tornábase despois xa máis clara e branca. Eu tiña a impresión de ser o facedor
da luz. Mais non. Só poñía os medios para que a forza da auga do río se
convertese onda min en lámpada marabillosa pra escorrentar a escuridade.
Si.
Temos que esforzármonos en amar a luz e en ser, en cuanto poidamos, luz tamén
para cantos se atopen connosco. Mais, en definitiva, luz non hai máis ca unha.
Unha luz que para nós, en canto crentes, é Xesús mesmo en canto manifestación
resplandecente do Pai-Deus e que ilumina, como se nos di tamén noutro texto do
Novo Testamento, “a todo home que vén a este mundo”.
O
evanxeo pode deixarnos se cadra un pouco de anguria polas cinco mociñas que se
durmiron e non estaban a punto cando chegou o noivo. Quizais por iso, agora que
estamos aínda relativamente preto do día no que nos lembrabamos dos nosos
defuntos, tráenos Paulo unhas palabras tranquilizadoras na súa carta ó
Tesalonicenses. “Non queremos –dísenos alí- que esteades desinformados acerca
dos mortos, para que non vos agoniedes coma os outros, os que non teñen
esperanza. Porque, se cremos que Xesús morreu e que resucitou, do mesmo xeito
Deus, por medio de Xesús, levará con El os que xa morreron”.
Xesús
é, pois, e serao sempre “Salvador”, como o seu mesmo nome hebreo significa. Mais
para que tal “salvación” se realice en todos e cada un de nós, temos que
procurar achegarnos a quen é luz e calor, con fe e confianza. Xesús non perde
nada da súa luz ó compartila connosco. E, pola nosa parte, tampouco perdemos nós
nada da luz recibida ó compartila cos demais.
Este
poñérmonos en contacto coa “luz do mundo”, realizámolo dunha maneira formal e
comunitaria na celebración eucarística. Mais tamén en calquera momento do día
no que persoalmente nos dirixamos a Deus na oración ou nos poñamos ó servizo
dos demais, cumprindo así ese segundo mandamento que é, como sabemos xa moi
ben, “semellante ó primeiro”. Así, desta dobre e unitaria maneira, amando a
Deus e os nosos próximos, é como iremos recargando unha e outra vez as nosas
pilas para sermos de verdade tamén nós “luz do mundo”, luz para os demais.
Mellor
é sermos nós mesmos pequenos soles. Mais tamén a lúa, aínda ser ter luz propia,
pode iluminar de noite -cando non raia o sol- os pasos dos camiñantes, as vidas
dos nosos irmáns. Dunha ou doutra maneira sexamos luz para todos.
CREDO
ORACIÓN DOS FIEIS
Suplicámoslle conxuntamente ó noso Pai Deus que
atenda a nosa oración, dicindo: Escóitanos, Pai.
TODOS: Escóitanos, Pai.
-
Fainos, Pai, atentos e dilixentes na espera e na esperanza de encontrármonos
confiadamente con teu fillo e irmán noso Xesús.
TODOS: Escóitanos, Pai.
-
Ilumina, Pai, o noso corazón para sabermos ver no teu fillo Xesús aquel que é a
luz verdadeira que orienta os nosos pasos no camiñar da vida.
TODOS: Escóitanos,
Pai.
- Axúdanos, Pai, a sermos tamén nós mesmos luz e
calor, recibidos de ti, que orienten os demais nos problemas e dificultades das
súas vidas.
TODOS: Escóitanos, Pai.
Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo
Noso Señor. AMÉN.
Manuel Cabada Castro
VER MÁIS:
Comentarios
Publicar un comentario