Ficha e Lectio - Cristo, Rei do Universo A

FICHAS ANTERIORES:


LECTIO:

XESÚS CRISTO REI DO UNIVERSO 
(Ciclo A: 26 de novembro de 2017)

Con esta celebración de Xesús Cristo Rei do Universo estamos a finalizar o ano litúrxico. Xa no próximo domingo comeza, co tempo do Advento, unha nova andaina, o novo ano litúrxico.
E remata este tempo eclesial cunha festa englobante, universalizadora: Xesús, Rei do universo. É dicir: rei de toda a creación, da que nós formamos parte. Un universo que se estende, quizais infinitamente, cara a arriba e cara a abaixo. No grande, máis alá das galaxias das que ata agora temos noticia. No pequeno, máis abaixo das incribles pequenas estruturas que nos van descubrindo os investigadores.
Deus é infinito, non ten limite algún na súa grandeza, no seu poder, na súa bondade. Resulta lóxico por iso que o universo participe tamén dalgunha maneira da grandeza do seu Creador. Sobre todo tendo en conta que Deus Pai tiña desde sempre o proxecto de que o seu Fillo único se encarnaría ou faría home nun momento concreto da evolución do universo e da historia humana. Podemos dicir que o país, o “reino” do que Xesús ía ser rei non podía ser cousa cativiña e modesta. Tiña que ter unha certa proporción coa grandeza de Deus.
Porque Xesús non nega -a pesar da súa sinxeleza, humildade e proximidade a todos- que el sexa rei. Todo o contrario. En momentos cruciais da súa vida, preto por exemplo da súa morte inxusta e violenta, Xesús afirmará a súa realeza ante o mandatario romano Pilato que lle preguntaba expresamente por ela. “Eu son Rei”, responderalle. Por iso o título de “rei” figurará no letreiro sobre a cruz na que foi crucificado: “Xesús Nazareno, rei dos xudeus”. Un título que se vai converter de feito coa súa morte e resurrección en título universal: Xesús rei, non só dos xudeus, senón de toda a humanidade, de todo o universo.
Mais, como ben sabemos, a realeza de Xesús Cristo é moi distinta das realezas humanas. Por iso a Xesús non lle gustaba que, aínda séndoo en realidade, o considerasen rei ou o tratasen como tal. Fuxía de calquera pretensión dos seus oíntes ou seguidores de o proclamaren rei.
Xesús anuncia, en cambio, a súa mensaxe de fraternidade universal, alicerzada non no poder (tal como adoitan facer os reis da terra), senón no servizo. Lembrade aquelas palabras súas, que ben farían en ter en conta cantos reciben o encargo de administrar os bens públicos: “Sabedes –dinos el- que os que figuran como xefes das nacións as asoballan e lles impoñen a súa autoridade. Non ha ser así entre vós. Ó contrario, entre vós o que queira facerse grande ha ser servidor voso, e o que queira ser primeiro ha ser servo de todos; porque tampouco o Fillo do Home veu para que o sirvan, senón para servir e dar a súa vida en rescate por todos”.
Por iso, e de maneira moi xusta e axeitada, a liturxia deste día pon diante nosa, para a consideración de todos, a coñecida pasaxe de Mateo sobre o xuízo final, sobre a que poderiamos dicir que serían precisas moitas vidas para chegarmos a comprendela en toda a súa importancia e radicalidade. Porque alí se nos di que a regra ou a lei sobre a que se vai basear o xuízo definitivo sobre a nosa relación con Deus, é dicir, sobre a nosa relixiosidade, non vai ser propiamente a nosa suposta “relixiosidade” en canto tal, senón máis ben a nosa humanidade, o noso espírito e a nosa práctica de “servizo” humano ós demais.
Xesús, en canto rei e xuíz ó mesmo tempo, vai xulgarnos sobre o noso parecido con el. El é o Deus que se converte nun de nós, que se fai humano, que se fai próximo a todos e de maneira especial ós que máis precisan da súa proximidade e comprensión. Pois no seu reino non hai lugar para os que non comunguen con ese modo de ser e de se comportar.
Mais non se trata só diso: de facérmonos semellantes a el no seu modo de proceder. Non se trata só de cumprirmos cun mandato xeral ou abstracto. É que Xesús, polo feito mesmo de se ter encarnado, veu identificarse en certo modo con todos e cada un dos seres humanos. Con cada home ou muller, neno o vello, mozo ou moza. Ó se identificar así con todos, resulta que fomos todos en certo modo divinizados, convertidos pola graza de Deus en fillos tamén de Deus. De aquí a incríbel e inmensa dignidade que temos todos e cada un de nós, por máis que as aparencias externas poidan levarnos a engano.
Un pobre, un emigrante, un enfermo, un preso, etc. etc. teñen a mesma, se non maior, dignidade cós que non se atopan nesa situación. Porque son xustamente eles, e non outros, os que máis requiren a nosa atención, o noso aprecio, os nosos coidados.
Só se temos isto en conta, comprenderemos por que Xesús considera sen máis a estas persoas como explicitamente identificadas con el mesmo: “tiven fame e déstesme de comer; tiven sede e déstesme de beber; fun forasteiro e acolléstesme; estiven en coiro e vestístesme; enfermo e visitástesme; na cadea e viñéstesme ver”.
É ben posíbel que haxa persoas que realicen estas obras de amor e misericordia sen saberen elas mesmas -por considerárense por exemplo non crentes- que Xesús está presente nos presos, nos marxinados, etc. Mais pouco importa este tipo de descrenza se esas persoas se deixan levar polo que lles pide ou suxire o seu corazón, a súa conciencia. A eles responderalles tamén el coas palabras do texto de Mateo: “Canto fixestes cun destes irmáns meus máis pequenos, fixéstelo comigo”.
E non nos esquezamos. Hai necesidades físicas de moita xente (sobre todo nos tempos que corren), mais hainas tamén morais e afectivas. No evanxeo de hoxe fálasenos de ámbalas dúas. Xesús practicou este tipo de consolo moral e afectivo ata o último intre da súa vida. Cando na cruz un dos seus compañeiros de tormento lle di “Lémbrate de min cando chegues ó teu reino” apresurarase el a lle contestar agarimosamente: “Hoxe estarás comigo no Paraíso”.
Tendo á nosa beira compañeiros ou amigos coma Xesús, ata o propio morrer poderá converterse en cousa doada.

CREDO

ORACIÓN DOS FIEIS:

Diriximos as nosas oracións a Deus Pai, para que o seu Reino estea cada vez máis presente no noso mundo, dicindo: Veña o teu reino
TODOS: VEÑA O TEU REINO.

- Pola nosa Igrexa, para que dea sempre testemuño de esperanza, de espírito de concordia, de servizo ós pobres. 
TODOS: VEÑA O TEU REINO.
- Polos gobernantes dos países, para que camiñen polos vieiros da xustiza, da solidariedade e do ben común das persoas e dos pobos. 
TODOS: VEÑA O TEU REINO.
- Polos máis necesitados, polos que pasan fame, polos forasteiros, polos enfermos, polos presos, para que poidan experimentar o amor de Deus a través das nosas boas obras con eles. 
TODOS: VEÑA O TEU REINO.
- Por todos nós, para que a Eucaristía que estamos a celebrar nos axude a vivirmos a cotío máis unidos a Xesús Cristo e ós nosos próximos. 
TODOS: VEÑA O TEU REINO.

Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo noso Señor. AMÉN.


Manuel Cabada Castro

VER MÁIS:

Comentarios

Publicacións populares