Encontran a sabedoría aqueles que a buscan - Sab 6, 12-16

Domingo 32 do Tpo. Ordinario - ciclo A


MÁNDASNOS VIXIAR, 
PAI FIEL

Mándasnos vixiar, Pai fiel,
estar diario cos ollos e co corazón abertos,
porque a vida está preñada de sorpresas.

Queres que teñamos os candís acesos,
a roupa posta e o pé disposto
para cando pases pola vida e á vida nos invites.

Non che gusta a xente adurmiñada,
que non é capaz de ver e distinguir,
nin de xulgar, nin de apreciar, nin de gozar.

Mándasnos vixiar, Pai fiel,
nas cousiñas liviás de cada xornada,
ante cada persoa que cruza a nosa porta:
posiblemente alí estas ti, vestido de diario,
vestido de carne e terra, de gozo ou de promesa.

Gústache ver os teus fillos
atentos, moi atentos, cando se trata de refacer a terra,
de refacer os pobos, as parroquias,
de virar a sorte, para ben, dos máis pequenos.

Mándasnos vixiar, Pai fiel,
ata que un día ti, enteiro,
sen escuridades nin mornezas,
sexas para nós a gran sorpresa,
remate e coroa de todas as sorpresas da vida.
Seremos quen de manter a lapa acesa?




Comentarios

Publicacións populares