Domingo 34 - Cristo Rei do Universo A
PRIMEIRA
Ez 34, 11-12. 15-17:
Vós sóde-lo meu rabaño, eu xulgo entre ovella e ovella
PROCLAMACIÓN
DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE EZEQUIEL
Di o Señor:
-Velaí, eu en persoa virei
seguírlle-las pisadas ás miñas reses e buscalas.
12O mesmo que mira o pastor polos años,
o día en que el se atopa diante do rabaño dispersado,
así eu vou mirar polas miñas reses,
e vounas salvar, sacándoas de tódolos sitios
por onde se espallaron un día de nubes e escuridade.
15Eu mesmo apacentarei o meu rabaño,
e eu en persoa fareino acougar
-é o meu Señor, Iavé, quen fala-.
16Buscarei a ovella perdida,
farei volve-la extraviada,
vendarei a que ten a pata partida,
fortalecerei á feble,
pero farei que perezan a gorda e a forte.
Apacentarei o meu rabaño conforme a xustiza.
17¡Oíde vós, meu rabaño! Así fala o meu Señor, Iavé:
-Vede, eu vou xulgar entre ovella e ovella,
entre carneiros e castróns.
SALMO
RESPONSORIAL Sal 22, 1-2a. 2b-3. 5-6
R/
(1): O Señor é o meu pastor: nada me falta.
O Señor é o meu pastor: nada me falta.
2Os pastos verdecentes lévame a repousar,
lévame a beber ás augas tranquilas:
3El repón as miñas forzas.
Guíame por vereas rectas,
por mor do seu nome.
5Ti pos para min a mesa,
á cara dos meus inimigos;
únxesme con perfume a cabeza,
e a miña copa reborda.
6A túa bondade e o teu amor vanme seguindo
tódolos días da vida.
Eu habitarei na casa do Señor
ó longo dos meus días.
SEGUNDA
1 Cor 15, 20-26. 28:
Entregaralle o Reino a Deus Pai, para que Deus sexa todo
en todo
PROCLAMACIÓN
DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS CORINTIOS
Irmáns e irmás:
20Cristo resucitou dos mortos, coma primicia dos que
dormen. 21Porque xa que por un home entrou a morte, tamén por un home chegou a
resurrección dos mortos. 22Igual que todos morren por Adam, así tamén por Cristo todos
revivirán. 23Pero cada un no seu intre: primeiro, Cristo; logo, no Día da súa Vinda, os que
sexan de Cristo; 24despois será a fin, cando lle entregue o Reino a Deus Pai, unha vez
destruído todo Principado, toda Potestade e toda Dominación. 25Porque é necesario que El reine ata
que poña a tódolos seus inimigos por debaixo dos seus pés. 26A morte será o
derradeiro inimigo destruído.
28E cando lle teña todo sometido, entón tamén o propio
Fillo se someterá a quen lle someteu a El todo: para que Deus sexa todo en todo.
ALELUIA
Mc 11, 9. 10:
¡Bendito o que ven no nome do Señor!
¡Bendito o Reino do noso pai David que ven!
EVANXEO
Mt 25, 31-46:
Sentará sobre o trono da súa gloria e separará uns dos
outros
PROCLAMACIÓN
DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Dilles Xesús ós seus discípulos:
31Cando veña o Fillo do Home na súa gloria e tódolos
anxos con el, sentará no seu trono glorioso. 32Diante del xuntaranse tódalas nacións; e
separará uns dos outros, como xebra o pastor as ovellas das cabras. 33E poñerá as ovellas á
súa dereita e as cabras á súa esquerda.
34Entón dirá o Rei ós da súa dereita:
"Vinde, benditos do meu Pai; recibide a herencia do
Reino preparado para vós desde a creación do mundo. 35Porque tiven fame e déstesme de
comer; tiven sede e déstesme de beber; fun forasteiro e acolléstesme; 36estiven espido e
vestístesme; enfermo e visitástesme; estiven na cadea e viñéstesme ver".
37Entón preguntaranlle os xustos:
"Señor, ¿cando te vimos famento e che demos de
comer; ou sedento e che demos de beber? 38¿Cando te vimos forasteiro e te acollemos; ou espido e
te vestimos? 39¿Cando te vimos enfermo ou na cadea e te visitamos?"
40O rei contestaralles:
"Asegúrovos que canto fixestes cun destes irmáns
meus máis pequenos fixéstelo comigo".
41E diralles logo ós da súa esquerda:
"Arredade de min, malditos; ide para o lume eterno
preparado para o Satán e para os seus anxos. 42Porque tiven fame e non me destes de comer;
tiven sede, e non me destes de beber; 43fun forasteiro e non me acollestes; estiven
espido e non me vestistes; enfermo ena cadea e non me visitastes".
44Eles replicaranlle:
"Señor, ¿cando te vimos famento ou sedento,
forasteiro ou espido, enfermo ou na cadea e non che acudimos?"
45El responderalles:
"Asegúrovos que canto deixastes de facerlle a un
destes máis pequenos, deixastes de mo facer a min.
46Daquela irán estes ó castigo eterno, e os xustos á
vida eterna".
LECTURAS:
Veña o teu Reino
OFERTORIO:
COMUÑÓN:
Comentarios
Publicar un comentario