Día de Tódolos Santos
Bo día para lembrar con agarimo
aos nosos santiños no ceo,
eses que non aparecen nos santorais
pero que levamos no corazón...
Lecturas do día:
http://xanostesaqui.webnode.es/lecturas-da-misa/dias-especiais/novembro/todolos-santos/
Pai Deus,
sentimos ledicia "lembrando",
pasando polo corazón, aos nosos antepasados e familiares defuntos;
sentimos ledicia
porque nos podemos presentar diante túa
apoiados e recomendados por persoas moi queridas,
cuxos nomes están escritos para sempre no libro da vida.
Dámosche grazas, Señor, polas nosas raíces,
por aqueles que nos puxeron neste mundo que é o teu mundo.
Como a árbore sedenta de altura e profundidade ao mesmo tempo,
afundimos as nosas raíces na terra nai
e seguimos mirando con esperanza e alegría o horizonte da vida,
ese ceo que lentamente imos facendo posible na nosa historia.
Dámosche grazas, Señor,
porque atopamos e seguimos atopando na nosa vida
persoas de corazón transparente, amantes da paz,
cheos de misericordia, desexosos de xustiza, sinxelos de corazón...
Dámosche grazas, Señor, por toda a xente de boa vontade,
e pola bondade que puxeches en cada un de nós,
bondade en parte traballada e en parte recibida.
Señor, que a súa claridade invada os nosos corazóns,
que a súa sinxeleza nos envolva coa súa forza.
Señor, que a súa transparencia nos ilumine,
que a súa xustiza nos axude a vivir como irmáns.
Señor, que a súa esperanza abra nosos limitados horizontes,
que a súa oración nos encha de paz persoal e familiar...
Eles son, Señor, o mellor testemuño da túa presenza entre nós.
E con Todos os Santos e os nosos familiares defuntos,
seremos capaces facer realidade o que eles nos ensinaron,
para gloria túa e felicidade de todos e cada un de nós. Amén.
Isidro Lozano L.
Comentarios
Publicar un comentario