Ficha e Lectio - 1 Advento B
FICHAS ANTERIORES:
Debuxos de:
FICHAS DE CATEQUESISDEGALICIA:
LECTIO:
DOMINGO
I DE ADVENTO
(Ano B: 3 de decembro de 2017)
Damos
comezo hoxe, con este primeiro domingo de Advento, ó novo ano
litúrxico, coa vista posta xa na festa do Nadal que celebraremos
antes dun mes. O tempo corre e nós con el ou el con nós.
“Advento”
significa vinda, chegada. Irémonos, pois, preparando, neste e nos
próximos domingos, para a lembranza comunitaria e festiva da vinda,
da chegada do Deus feito home onda nós. Un acontecemento que marca
misteriosamente a historia humana toda.
Ano tras
ano, estamos así convidados, impulsados a “esperar”. A esperar
sempre. Unha esperanza que ten os seus alicerces nunha fe robusta. A
fe nun Deus Pai Todopoderoso –tal como se di na fórmula do Credo-
que se nos manifestou en Xesús para a nosa liberación e felicidade.
Porque
esta nosa esperanza renovada na manifestación humana de Deus no
Nadal é en realidade unha esperanza que está previamente apoiada e
fundamentada no feito mesmo de que Deus está xa desde sempre
connosco.
Mais o
Deus do Advento non é só un Deus futuro, un Deus que virá. É
conxuntamente un Deus que veu, que vén e que virá. Un Deus que é,
ó mesmo tempo, pasado, presente e futuro.
Pasado,
porque des que o mundo é mundo e des que existe a humanidade alí
está xa Deus, construíndonos, dándonos vida e agarimándonos. Nel
estamos todos desde sempre, tal e como nolo explica o mesmo apóstolo
Paulo: “Nel, é dicir, en Deus, vivimos, nos movemos e existimos”.
Deus é desde sempre o facedor e sustentador de todo. Del procede e
nel está desde sempre a humanidade toda.
O
acontecemento histórico do Deus que se encarnou e que puxo, como se
nos comenta no evanxeo de Xoán, “a súa tenda entre nós” tivo
xa lugar hai máis de dous mil anos. Fíxose entón un de nós, un
coma nós. Así e para sempre entrou Deus na nosa historia humana,
emparentando, para dicilo dalgunha maneira, con todos e cada un dos
seres humanos e de maneira especial cos máis humildes, necesitados e
marxinados.
A Deus
non o deberiamos esperar coma se el non tivese estado xa antes onda
nós. Mais este Deus que veu xa onda nós, segue a vir, está vindo
onda nós a cotío, en cada intre concreto da nosa vida. Está sempre
presente na nosa interioridade, na nosa propia conciencia, mais tamén
no noso exterior, nas persoas todas coas que un día e outro nos
atopamos, ben sexa de maneira esperada ou imprevista. Lembrade aquel
dito de Xesús: “Eu estarei convosco ata a fin do mundo” . Ou
aquel outro: “Onde dous ou tres están reunidos no meu nome, alí
estou eu no medio deles”.
Por
iso, cando a Igrexa nos convida neste tempo de Advento a esperar,
faino sabendo que é Deus mesmo, o que desde sempre está xa
connosco, quen nos dá as forzas, a graza, para podermos así ter
azos para esperalo. Esperar a súa constante e repetida chegada,
porque a el nunca seremos capaces de recibilo en toda a súa grandeza
sobrehumana e absolutamente infinita.
Deus
non é algo así coma unha lección que se aprende dunha vez no cole
e sobre a que xa non precisariamos volver. Pois Deus é sempre algo
que nin nesta vida nin na vindeira chegaremos a comprender
plenamente. Para iso teriamos que ser nós mesmos absolutamente
infinitos, é dicir, coma Deus, o que é imposíbel.
Por
iso, para nós, Deus está sempre a chegar. Os nosos corazóns
deberían estar en todo intre ateigados de esperanza. Unha esperanza
que é ela mesma un inmenso e prezado galano, un inconcibíbel
agasallo, que Deus mesmo nos dá para podermos estar así en
disposición de recibilo.
De
maneira especial neste tempo de Advento deberiamos repetir a
invocación que comunitariamente proclamamos na Eucaristía:
“Anunciamos a túa morte, proclamamos a túa resurrección. Ven,
Señor Xesús!”.
Este desexo
e petición de que Xesús veña a todos e cada un de nós, a toda a
humanidade e de maneira especial ós máis necesitados da súa axuda
e do seu consolo, é o lema que debería presidir todo este tempo de
Advento que hoxe comezamos.
Un
desexo de que o Deus que se fai un de nós no Nadal se converta en
pensamento ardente e concreta vida práctica en todos nós. Porque a
súa vinda onda nós no Nadal, participando así en todo da nosa
humanidade, é un acontecemento que, por sabido e aceptado que sempre
sexa, non deixará endexamais de nos sorprender por pouco que nel
pensemos. Por iso toda preparación vén sendo cativa, todo “advento”
queda curto, en relación cun acontecemento tan inimaxinábel e
incríbel.
Este
“esperar” do Advento non é un esperar pasivo ou adurmiñado.
Precisamente o texto do evanxeo de Marcos convídanos a todos a
sermos responsábeis nas nosas particulares angueiras e quefaceres, a
“estarmos en vela”, a mantermos viva a conciencia e a non
deixármonos vencer polo sono: “Estade á espreita e atentos”,
“vixiade”, “estade en vela”. Unha responsabilidade a nosa que
tampouco debería ser angustiosa, senón confiada, porque quen vén,
aquel a quen esperamos, é en definitiva o Deus que se nos fixo
intimamente familiar.
Por
iso remato xa indicando que o mellor xeito de practicarmos este
espírito de “esperanza”, específico do Advento, é xustamente o
de levar á práctica o que a vinda de Xesús nos anunciará e nos
porá diante dos ollos. É dicir: o exercicio consciente e constante
dunha irmandade verdadeira e real entre todos, en canto irmáns que
somos todos dese Xesús que no Nadal se vai facer para sempre irmán
noso, irmán maior noso.
CREDO
ORACIÓN DOS
FIEIS:
Hoxe
comezamos, Pai, a espera do Advento. Esperamos o teu fillo Xesús e
con el esperámoste a Ti, Pai, para podermos crear así espazos de
alegría e esperanza para todos. Dirixímosche, pois, Pai noso, a
nosa oración, dicindo: Escóitanos,
Pai.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
- Dános, Pai
-ti que desde sempre estás xa connosco-, entendemento e corazón
para desexar e esperar neste tempo de Advento o teu fillo Xesús,
salvador e liberador noso.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
- Axúdanos,
Pai, a preparármonos para a chegada de Xesús no Nadal practicando
entre nós a fraternidade que el nos anunciará.
TODOS: ESCÓITANOS,
PAI.
- Fai, Pai,
que coa túa graza e coas boas obras levemos todos unha vida digna e
xusta para recibirmos con alegría a Xesús ó final dos tempos na
súa derradeira vinda onda nós.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
PEDÍMOSCHO,
PAI, POR XESÚS CRISTO NOSO SEÑOR. AMÉN.
Manuel
Cabada Castro
VER TAMÉN:
Comentarios
Publicar un comentario