Pentecoste - ciclo A
DOMINGO DE
PENTECOSTE A
- MISA DO DÍA
Primeira Lectura Feit 2, 1-11
LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
Quedaron cheos do Espírito Santo
e puxéronse a falar
Cando
se cumpriron os días de Pentecoste, estaban todos xuntos no mesmo sitio. De
súpeto, veu do ceo un ruído coma dun forte golpe de vento que encheu toda a
casa onde estaban; e apareceron talmente coma linguas de lume, que, repartidas,
foron pousando unha sobre cada un deles.
Quedaron
cheos do Espírito Santo e puxéronse a falar noutras linguas, conforme lles
concedía o Espírito.
Había
daquela en Xerusalén xudeus piadosos de todas as nacións da terra. Ao se
producir aquel estrondo, xuntouse a xente e ficou moi desconcertada, porque
cada un os sentía falar na súa propia lingua. Pasmados e admirados, dicíanlles
uns a outros:
"Olla!
E todos estes que están aí a falar non son galileos? E logo como é que os
sentimos falar cada un de nós no noso propio idioma nativo? Partos, medos,
elamitas, xente da Mesopotamia, Xudea, Capadocia, Ponto, Asia, Frixia e
Panfilia, do Exipto e da parte de Libia contra Cirene, forasteiros romanos
tanto xudeus coma prosélitos, cretenses e árabes, sentimos falar nas nosas
linguas das grandezas de Deus".
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
SALMO
RESPONSORIAL Sal 103, 1ab e 24 ac. 29bc-30. 31 e 34
R/. (30): Manda, Señor, o teu
Espírito e renova a cara da terra.
Ou: Aleluia.
Alma miña, bendí o Señor.
Señor, meu Deus, ti es moi
grande,
Cantas son, Señor, as túas obras,
A terra está chea das túas
criaturas.
Retiras o teu alento, e expiran,
volvendo ao seu po.
Mandas o teu alento, e son
creados
e renovas a cara da terra.
Gloria ao Señor por sempre,
alégrese o Señor coas súas obras.
Que El acolla o meu cantar
e alegrareime eu no Señor.
Segunda Lectura 1 Cor 12, 3b-7. 12-13
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS todos nos bautizaron nun único
Espírito, para formarmos un único corpo
Irmáns:
Ninguén
que diga "Renegado sexa Xesús", fala movido polo Espírito de Deus; e
ninguén é capaz a dicir "Xesús é o Señor", se non é baixo o influxo
do Espírito Santo.
Hai
diversidade de dons, pero un mesmo Espírito. Hai diversidade de servizo s, pero
un mesmo Señor. Hai diversidade de realizacións, pero un mesmo Deus, que é quen
realiza todo en todos.
A
cadaquén dáselle a manifestación do Espírito para o ben común.
Porque igual que o corpo, sendo
un, ten moitos membros e todos estes membros, con seren moitos, non fan máis
dun corpo: así tamén Cristo.
Porque
a todos nos bautizaron nun único Espírito, para formarmos un único corpo: tanto
xudeus coma gregos, tanto escravos coma libres. E a todos se nos deu a beber un
único Espírito.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
SECUENCIA
Ven, Espírito divino,
manda a túa luz do ceo.
Pai amoroso do pobre
don, nos teus dons xeneroso,
luz que penetra nas almas,
fonte de todo consolo.
Ven, hóspede desexado,
descanso do noso esforzo,
tregua no duro traballo,
brisa nas horas de afogo,
e reconforta na dor.
Entra ata o fondo da alma,
divina luz, e enriquécenos.
Mira o baleiro do home
se Ti lle faltas por dentro,
mira o que pode o pecado
cando falta o teu alento.
Lava en nós todo o manchado,
rega o árido e sedento,
sanda as feridas do pobo;
amolece o que está teso,
pon calor onde hai friaxe,
dános bo discernimento.
Reparte os teus sete dons
segundo a fe dos teus servos.
Segundo a túa bondade,
dálle ao esforzo o teu premio,
salva a quen busca salvarse
e dános o gozo eterno.
Amén. Aleluia.
ALELUIA
Se non se canta, pódese omitir.
Aleluia, aleluia.
Ven, Espírito Santo, enche o
corazón dos teus fieis;
e acende neles o lume do teu
amor.
Aleluia.
Evanxeo Xn 20, 19-23
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Como me mandou a min o Pai, así
vos mando eu a vós: recibide o Espírito Santo
Naquel
día, o primeiro da semana, ao serán, estando pechadas as portas onde estaban os
discípulos, por medo dos xudeus, chegou Xesús e, poñéndose no medio, díxolles:
‑
Paz convosco.
Dito
isto, mostroulles as mans e mais o costado. Os discípulos alegráronse, vendo o
Señor.
El
díxolles outra vez:
‑
Paz convosco: coma o Pai me mandou a min, tamén eu vos mando a vós.
E
dito isto alentou sobre eles, e díxolles:
‑
Recibide o Espírito Santo: a quen lles perdoedes os pecados, quedaranlles
perdoados; a quen llelos reteñades, quedaranlles retidos.
Palabra do Señor R/. Loámoste,
Cristo
NON BASTA
COA PRESENZA DO ESPÍRITO. NECESITAMOS ACOLLELO, ABRÍNDOLLE A PORTA E INVITÁNDOO
A PASAR
Pentecoste A - 2014
ESCOITA ACTIVA
O tempo da Pascua chega
ao seu fin. Pentecostes invítanos a sentírmonos membros da comunidade cristiá
presente en cada recuncho do mundo. Non importa se somos moitos ou poucos. O
verdadeiramente importante é que nos sentimos unidos nunha mesma tarefa e comprometidos
no mesmo proxecto: ser o rostro da Igrexa alí onde esteamos. Non unha igrexa
morta, de pedras, por moita antigüidade que estas teñan, senón unha igrexa
viva, ilusionada e ilusionante, ao estilo de Xesús. Que saibamos sentir esta
alegría que nos axuda a conformar a comunidade en camiño que Xesús quixo e
comezou. Continuémola coa mesma forza e coas mesmas gañas.
CORAZÓN
MISERICORDIOSO
* Para que non perdamos nunca a conciencia de
recoñecernos Igrexa de Xesús, SEÑOR, QUE O ESPÍRITO CREZA EN NÓS.
* Para que deixemos de ser
Babel e comecemos a ser Pentecostes, CRISTO, QUE O ESPÍRITO CREZA EN NÓS.
* Para que potenciemos sempre
o que nos une, e non canto nos divide, SEÑOR, QUE O ESPÍRITO CREZA EN NÓS.
PALABRA ENRAIZADA
û
Do mesmo xeito que os
apóstolos foron capaces de facerse entender- inda que non falaban o mesmo
idioma que aqueles que estaban en Xerusalén-, tamén nós somos hoxe chamados a
poñer todas as nosas gañas e ilusións para darlle rostro de renovación, de
vida, de esperanza e de buscar canto une ás persoas, aos que somos Igrexa e non
temos nin medo nin vergoña de testemuñar esta convicción. Acoller a presenza do
Espírito en nós supón abrilo tamén para que esa presenza se pouse nas nosas
comunidades. Unhas comunidades que moitas veces parecen cansadas e vellas,
faltas de ilusión e sen gañas de cambiar, de renovarse, de saír da súa
comodidade e dos seus ritos. Nas nosas comunidades é verdade que non hai xente
nova; e se a hai, esta é ben escasa, pero iso non debera ser motivo para
deixarnos ir, para volvernos conformistas, para reducir a fe a facer xuízos
sobre os demais (aos que xulgamos como peores ca nós); ou a tentar repetir
comportamentos e xestos que inda que teñan moitos anos, e sempre se foran
facendo así, xa non teñen nin vida nin son capaces de transmitir a graza e a
ledicia do evanxeo. Razón ten Francisco cando nos chama a revisar os nosos
percorridos e a recoñecer que nos falta audacia e gozo para sentírmonos
agarimados, -todos e sen exclusión-, por Deus. Só quen é capaz de arriscar, de
saír da comodidade do que se fixo sempre para ir na procura do novo, está
respondendo á invitación de Xesús de deixarnos entender. E isto non podemos
facelo se non é tendendo pontes e derrubando muros. Pentecostes é a festa que,
un ano si e outro tamén, nolo vai recordando.
û
A
desesperanza, a tristura, o fastío, a vergoña, o medo... son actitudes sempre
contrarias a quen se sente e se sabe acompañado por Deus. Lembremos, e
insistamos as veces que faga falta: non estamos solos!. O Espírito é forza,
compañía, presenza, alento, luz... e calquera outra imaxe que nos axude a
entender que El espílenos e reforza as nosas conviccións dándonos os
empurróns que esteamos dispostos a aceptar del. El vaise manifestando de xeito
quedo, pero sempre presente en cada un; se sabemos descubrilo. Entenderemos
entón a razón pola que temos que unir forzas e deixar atrás vellas pelexas que
nos debilitan e restan forza para ser verdadeiras testemuñas no medio do mundo.
Un mundo entristecido e falto de ilusión, dentro do que nós temos hoxe, de
xeito máis insistente que nunca, a
tarefa de facelo xermolar. Como ten dito Xesús, “se o gran non cae na terra e
podrece, non pode dar froito”. Aí temos que estar nós, podrecendo para que o
froito se mostre como esforzo de todos e presenza comunitaria. Se un é o
Espírito, por que non pode ser unha tamén a comunidade?. Pero non unha
comunidade uniforme, aburrida e sen empuxe, senón unha comunidade plural,
complementaria e esforzándose por deixar pegada. A pegada ilusionante da Boa
nova de Xesús.
û
Por iso,
como nos di o Evanxeo, non podemos estar nin con medo nin coas portas pechadas.
Non pode ser o sinal de identificación dos seguidores de Xesús o temor nin o
afastamento dos demais. Non somos para refugarnos en cuarteis de inverno, senón
para estar presentes nas praias abertas do mar de esperanza que é o Evanxeo, e
que se vai estendendo de xeito calmo e gozoso para que poidamos bañarnos nel
con tranquilidade e cheos de confianza. Un mar que nos trae non tambores de
guerra, senón brisa de paz e entendemento. Un mar que non ten medo a que se
anoxe e se volva contra nós. O agasallo do Espírito que nos deixa Xesús
posibilita que naveguemos sen medo por este mar, acollendo a compaña do
Espírito que nos axuda a crecer e sentírmonos comunidade humana que busca canto
dignifica e alenta todo aquilo que supoña aceptar a pluralidade dunhas
comunidades que non se resignan a estar caladas ou a ser meros repetidores do
que se fixo sempre. Que saibamos acoller e aceptar o agasallo que nos fai Xesús,
para deixarnos estimular por El.
FRATERNIDADE
ORANTE
Abertos
ao aire renovador do Espírito, dicimos, logo, xunt@s:.
QUE NOS
DEIXEMOS RENOVAR POLA PRESENZA DO ESPÍRITO
ü Para que nos esforcemos por ser membros activos,
colaboradores e verdadeiras testemuñas da presenza da Igrexa no mundo de hoxe,
OREMOS.
QUE NOS
DEIXEMOS RENOVAR POLA PRESENZA DO ESPÍRITO
ü Para que nas nosas parroquias non nos deixemos levar
da preguiza, a apatía e a falta de ilusión á hora de por en marcha proxectos
novos ou unirnos a outros que xa están funcionando, OREMOS.
QUE NOS
DEIXEMOS RENOVAR POLA PRESENZA DO ESPÍRITO
ü Para que nos abramos ao aire estimulante do Espírito
para saber estar presentes en cada ámbito, en cada foro, en cada recuncho onde
se traballe por ser a voz dos explotados, dos esquecidos ou dos enganados polos
poderosos, OREMOS.
QUE NOS
DEIXEMOS RENOVAR POLA PRESENZA DO ESPÍRITO
Señor, que a presenza do Espírito nos abra a unha fe
renovada e sempre gozosa, apartada da rutina e mais do medo. P.X.N.S. Amén.
MIRADA
ESPERANZADA
A mellor imaxe do día de Pentecostes é a da “nova creación”. É posible unha
nova creación, é posible a novidade, é posible o home novo, é posible a
aspiración secreta que o home leva dentro, é posible unha raza nova de profetas
que anuncien a obra de Deus no mundo, é posible a renovación interior do home,
é posible unha NOVA HUMANIDADE que nace chea do Espírito Santo. Deixemos, logo,
atrás o Babel que divide e enfronta, para comezar a camiñar e construír esta
Nova Creación que nos trae Pentecostes, onde ninguén é imprescindible, pero todos
somos necesarios. Amén.
CANTO GOZOSO
Amigos
nas penas
ð GLORIA
ð LECTURAS:
ð OFERTORIO:
Misioneiro
ð COMUÑÓN:
POWER POINTS
Comentarios
Publicar un comentario