Corpus Christi - ciclo A
SANTÍSIMO CORPO
E SANGUE DE CRISTO CICLO A
Primeira Lectura Dt 8, 2-3.
14b-16a
LECTURA DO LIBRO DO DEUTERONOMIO
Deuche de comer o maná, que ti non coñecías nin teus pais
Faloulle Moisés ao pobo e
díxolle:
‑ Has de te lembrar do
camiño que o Señor, o teu Deus, te fixo percorrer polo deserto durante estes
corenta anos para aflixirte e pórte a proba e sabes o que había nas túas intencións,
se ti querías gardar os seus mandamentos ou non. El aflixiute, facéndote pasar
fame, e logo deuche de comer o maná, que ti non coñecías nin teus pais, para
che mostrar que o home non ha de vivir só de pan, senón de toda palabra que sae
da boca do Señor.
Acordaraste do Señor, o teu
Deus, que te sacou do país de Exipto, da situación de escravitude e foi o teu
guía por un deserto grande e terrible, entre serpentes de mordedura queimante e
escorpións, a través dunha terra reseca, sen gota de auga; e que fixo saír para
ti auga da máis dura das pedras e che deu a comer no deserto o maná, que teus
pais non coñecían.
Palabra
do Señor R/.
Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 147,
12-13. 14-15. 19-20
R/. (12a): Glorifica ao Señor, Xerusalén.
Ou: Aleluia.
Glorifica o Señor, Xerusalén,
loa, Sión, o teu Deus,
que reforza os ferrollos das túas portas,
e bendí os teus fillos no teu seo.
El establece paz nos teus confíns,
é el quen te farta con flor de trigo.
El mándalle á terra a súa mensaxe,
e a súa palabra corre lixeira.
Anuncia a súa palabra a Xacob,
os seus estatutos e mandatos a Israel.
Non fixo así cos outros pobos,
non lles manifestou os seus mandatos.
Aleluia.
Segunda Lectura 1 Cor 10,
16-17
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS
Moitos formamos un único pan, un só corpo
Irmáns:
A copa da bendición
que bendicimos, non é unha comuñón co sangue de Cristo? O pan que partimos, non
é unha comuñón co corpo de Cristo?
E como hai un único
pan, tamén nós, sendo moitos, formamos un único corpo, porque todos
participamos dese único pan.
Palabra
do Señor R/.
Grazas a Deus
SECUENCIA, AD LIBITUM: Lauda, Sion, Salvatorem
Loemos o Salvador,
o noso guía e pastor,
cun cantar afervoado.
Loémolo xenerosos,
pois don tan marabilloso
nunca o daremos loado.
A razón de tal loanza,
o pan vivo no que alcanza
o pobo gozosa vida.
Ós doce en leda irmandade
fora entregado en verdade
na cea de despedida.
Ampla e sonora cantiga:
que fale a alma e bendiga
con indicible ledicia.
Hoxe é a recordación
da primeira institución
desta mesa sen malicia.
Na mesa do novo Rei,
nova Pascua, nova lei,
o tempo vello termina.
O novo vence ao que é vello,
a verdade ao seu espello,
e a luz a noite ilumina.
na súa memoria e querer
o que na Cea el fixera.
Seguindo no seu camiño
consagramos pan e viño
cal hostia de amor sincera.
Dogma para o pobo cristián:
en carne tórnase o pan
e o viño faise sangue.
A fe confirme animosa
o que a razón pretensiosa
non entende nin abrangue.
Baixo unha humilde aparencia
de signos, late a presenza
de cousas marabillosas.
Mantenza a carne, e bebida
o sangue, Cristo todo vida
en cada parte gozosa.
Quen o come, toma enteiro
o seu corpo sobranceiro
non diviso nin rompido.
Come un e comen mil,
tanto este coma aquil,
e non se dá consumido.
Os bos e os malos o comen,
con dispar sorte o consomen:
lance de vida ou de morte.
Morte ao malo, vida ao bo,
única mesa de unión
pero moi distinta sorte.
Partido xa o sacramento,
non dubides, olla atento
que tanto encerra o fragmento
coma todo o corpo enteiro.
Non hai no fondo fisura,
só o signo se fractura,
nin o amor nin a feitura
reve do que é verdadeiro.
O pan dos anxos foi feito
de camiñantes proveito;
pan para os fillos é feito,
que non para darlle aos cans.
En símbolos persignado:
con Isaac inmolado,
año pascual ofrendado,
para os devanceiros maná.
Bo pastor, pan sobranceiro,
pan para o pobo esmoleiro,
mantennos e sé o guieiro
que nos conduza certeiro
ata as fontelas da vida.
Ti, Señor de canto hai,
que termas de nós, mortais,
fainos os teus comensais
coas multitudes triunfais
na mesa en ti compartida. Amén.
Ou, máis breve: Ecce panis
O pan dos anxos foi feito
de camiñantes proveito;
pan para os fillos é feito,
que non para darlle aos cans.
En símbolos persignado:
con Isaac inmolado,
año pascual ofrendado,
para os devanceiros maná.
Bo pastor, pan sobranceiro,
pan para o pobo esmoleiro,
mantennos e sé o guieiro
que nos conduza certeiro
ata as fontelas da vida.
Ti, Señor de canto hai,
que termas de nós, mortais,
fainos os teus comensais
coas multitudes triunfais
na mesa en ti compartida. Amén.
ALELUIA Xn 6, 51
Se non se canta, pódese omitir
Aleluia, aleluia.
Eu son o pan vivo, que baixou do ceo, di o Señor;
quen coma deste pan, vivirá para sempre.
Aleluia.
Evanxeo Xn 6, 51-58
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
A miña carne é verdadeira comida, o meu sangue é verdadeira bebida
- Eu son o pan vivo
que baixou do ceo: se alguén come deste pan, vivirá para sempre; e o pan que eu
darei, é a miña carne, para a vida do mundo.
Discutían entón entre
eles os xudeus:
‑ Como pode este
darnos a comer a súa carne?
Díxolles entón Xesús:
‑ Con toda verdade
volo aseguro: se non comedes a carne do Fillo do Home e non bebedes o seu
sangue, non teredes vida en vós. Quen come a miña carne e bebe o meu sangue,
ten vida eterna e eu resucitareino no derradeiro día. Pois a miña carne é
verdadeira comida e o meu sangue é verdadeira bebida.
Quen come a miña carne
e bebe o meu sangue, permanece en min e eu nel. Do mesmo xeito que o Pai que me
mandou vive e eu vivo polo Pai, así tamén quen me coma vivirá por min. Este é o
pan que baixou do ceo; non semellante ao que comeron os vosos pais, que mesmo
así morreron: quen come este pan, vivirá para sempre.
Palabra
do Señor R/.
Loámoste, Cristo
BEBAMOS DA FONTE DA EUCARISTÍA, FONTES
DE DEREITOS
E DIGNIDADE COMPARTIDA
ESCOITA ACTIVA
Na celebración desta mañá, celebración do Corpo e
Sangue do Señor, o pan da Eucaristía faise de novo presenza e compromiso.
Presenza porque Deus volve querer quedar entre nós dun xeito vivo e real: no
pan ofrecido e acollido para ser logo compartido con quen o necesite.
Compromiso porque canto celebramos non queda dentro das paredes do templo,
senón que ten que movernos a ser pan para quen o precise. Pan de xustiza, pan
de fraternidade, pan solidario, pan de visita aos enfermos, pan de acollida a
quen está só, perdido ou desorientado... pan, sempre pan que se converte en
alimento que afasta de nós a tentación de que endureza pola nosa preguiza, pola
nosa indiferenza ou pola nosa falta de ilusión e esperanza. O Deus convertido
en pan chámanos a abrir o noso corazón para que canto fagamos sexa sempre
acción en defensa daqueles que menos teñen, máis necesitan e aos que ninguén
lles presta atención porque os consideran de menos. O amor de Deus que hoxe se
manifesta coa celebración deste día é amor de presenza e dignidade; sacramento
de encontro e recoñecemento do Deus que non só non nos deixou solos, senón que
nos deu o mandado do amor para que vaiamos e pregoemos a súa nova; nova que non
pode ser outra ca da fraternidade que tod@s conformamos.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
Neste día do teu Corpo e Sangue, que loitemos contra a
indiferenza diante do sufrimento dos demais, SEÑOR, RENOVA EN NÓS O COMPROMISO DE CARIDADE.
Neste día do teu Corpo e Sangue, que non caiamos na
tentación de volver a cabeza diante da inxustiza na que viven os que están máis
preto de nós, CRISTO, RENOVA EN NÓS O
COMPROMISO DE CARIDADE .
Neste día do teu Corpo e Sangue, que non deixemos que
a cegueira diante de inxustiza e a explotación sexa promovida polos nosos
comportamentos, SEÑOR, RENOVA EN NÓS O
COMPROMISO DE CARIDADE.
PALABRA ENRAIZADA
* ALIMENTO: Nunca coma hoxe houbo tanta comida no mundo. Pero
tamén nunca coma hoxe son millóns as persoas que non teñen pan para comer e
alimentarse cada día. É máis, neste primeiro mundo do que disque nós formamos
parte, son cada vez máis as persoas que non teñen que comer. Escoitamos unha e
outra vez novas que se refiren a nenos aos que as súas familias non poden
alimentar; escoitamos como servizos sociais e organizacións solidarias fan
campañas para recadar cartos ou alimentos cos que poder paliar as carencias de,
cada vez máis familias que por non ter traballo non teñen nin para comer.
Acostumados a escoitar isto unha e outra vez, volvémonos indiferentes e non lle
prestamos atención. Pero detrás destas novas atopamos persoas de carne e oso
coma nós, ás que a dureza da vida vai facendo sentir que a fraternidade da que
tantas veces falamos os cristiáns, non é tal. Por iso nunca tanto coma hoxe
urxe que tomemos conciencia da nosa misión de ser alimento para os irmáns.
Alimento de pan, pero tamén alimento de canto supoña que a dignidade é igual
para todos, inda que moitos non acaben de crelo; que a xustiza , inda que
tarde, sempre chega e pon a cada quen no seu sitio; que a solidariedade non é
unha palabra baleira e desgastada de tanto usala, senón unha actitude permanente
e sincera das persoas que seguen crendo que as cousas poden cambiar....que
outra Igrexa, que outras parroquias, que outros cristiáns son posibles. E non
esquezamos que ser alimento suponnos deixar de mirar atrás e camiñar cos pés na
terra e construíndo futuro; decatándonos de que falar de cambios na Igrexa é
falar de cambios en nós; cambios na maneira de comportarnos, cambios en volver
ao Evanxeo -o importante-, e non vivir das rendas de ritos e costumes, que na
maioría dos casos non entendemos, non chegan ao fondo dos corazóns, pero
seguimos mantendo por unha cuestión puramente rutineira e estética: sempre se
fixo así, e que preciosos son!. Se ao falar de outras realidades da vida
ofreceramos este argumento, seguro que aínda estariamos a lavar no río, a
acender a luz de carburo ou a bañarnos quecendo a auga na lareira. Pero non:
nestas cousas todos queremos cambiar e aproveitar o que nos favoreza a vida.
Por que nos custa tanto seguir este mesmo argumento cando falamos da nosa vida
de fe?. Poñamos o oído atento á Palabra de Deus, e esforcémonos por ser
alimento ante tantas fames como atopamos ao noso redor neste mundo tan
tecnoloxizado, pero que cada vez reduce ás persoas á máis absoluta das
soidades.
* COMPARTIDO E REPARTIDO: Pero este alimento ten que ser compartido ou non
será. E ha ser así porque o que nos define e identifica aos cristiáns é o ser
comunidade. Isto supón poñer en común posibilidades, capacidades e medios, para
que todos poidamos gozalo. A dificultade vén de que levamos tantos anos sen
pensar nisto nin prestarlle atención que nos resulta estraño. Mesmo coidamos
que non ten nada que ver coa fe, á que reducimos a oracións memorizadas ou
celebracións sen vida. Paulo, na carta aos corintios que acabamos de escoitar,
lémbranos algo que deberiamos coñecer en profundidade: formamos un só corpo.
Pero é un corpo conformado por moitos membros, e cada un deles é igual de
importante. Como importantes son cada unha das persoas que estamos no mundo. A
grandeza deste día do Corpo e Sangue de Xesús está na chamada que se nos fai a
ter altura de miras para que este corpo que conformamos sexa corpo vivo e
solidario; corpo que loita pola xustiza e non cala diante do engano; corpo que
non se deixa dominar polo poder nin polos poderes que buscan acalarnos ou
entreternos para quen non tomemos conciencia da realidade do mundo. Se cada un
dos que celebramos esta festa deixaramos a un lado o puramente folclórico e
comezaramos a pensar desde as persoas que xa chegou o tempo de dicir basta, a
festa do Corpo e Sangue do Señor sería verdadeira revolución evanxélica ao
servizo da xente, e non dos intereses dos que mandan e gustan que calemos.
Compartir e repartir fainos caer na conta de que xuntos somos capaces de acadar
moito. Separados e cada un ao seu, non só non acadamos nada, senón que seguimos
favorecendo que os de sempre se enriquezan á conta nosa.
* NUNHA EXPERIENCIA DE
AMOR: A toma de conciencia
de todo isto vémola no significado da Eucaristía: pan ofrecido, compartido e
repartido. Non pan para sacarlle ao que menos ten. Tampouco pan para ofrecelo
como esmola por parte de quen ten moito e dá do que lle sobra, senón pan que se
reparte porque o amor é o guieiro que nos leva a recoñecer ao irmán que o
necesita. Un amor que non xulga, senón que sae ao encontro para ofrecerse e
darse. Este si que é verdadeiro alimento!.
FRATERNIDADE ORANTE
Neste día do Corpo e Sangue de Xesús. Festa da
presenza de Deus con nós, unámonos nesta oración comunitaria dicindo xuntos:
QUE NON DEIXEMOS QUE NINGUÉN NOS ROUBE A DIGNIDADE QUE
NOS DECHES
* Para que cantos formamos a Igrexa non renunciemos
nunca a traballar por defender a vida e a dignidade que puxeches en nós ao
facernos fillos, OREMOS.
QUE NON DEIXEMOS QUE NINGUÉN NOS ROUBE A DIGNIDADE QUE
NOS DECHES
* Para que nas nosas comunidades parroquiais non lle
deamos as costas ás familias que neste momento de crise e falta de traballo
necesitan da nosa axuda e da nosa colaboración para poder subsistir, OREMOS.
QUE NON DEIXEMOS QUE NINGUÉN NOS ROUBE A DIGNIDADE QUE
NOS DECHES
* Neste día rezamos tamén polos milleiros de voluntarios
que, desde distintas Cáritas das
parroquias, traballan para que a dignidade das persoas que están a sufrir as
consecuencias da falta de traballo nin se vexa nin ameazada nin roubada, OREMOS.
QUE NON DEIXEMOS QUE NINGUÉN NOS ROUBE A DIGNIDADE QUE
NOS DECHES
* Para que cantos hoxe queremos celebrar esta festa do
Corpo e Sangue do Señor non esquezamos nunca que a fe non se reduce a meterse
nunha igrexa media hora cada semana, senón en esforzarse e traballar para que a
salvación que nos ofrece Xesús teña o rostro de cantos necesitan ser
escoitados, acompañados e axudados, OREMOS.
QUE NON DEIXEMOS QUE NINGUÉN NOS ROUBE A DIGNIDADE QUE
NOS DECHES
Grazas, Señor, por lembrarnos que temos que ser
memoria viva da túa presenza humanizadora e solidaria, ofrecendo o corazón e
tendéndolle a man a quen puidera necesitarnos. P.X.N.S. Amén.
MIRADA DE ESPERANZA
Quen ten ollos para ver
e oídos para oír
descobre seguramente
indiscutibles signos de
esperanza.
Os débiles descobren
que se fan fortes e invencibles
na medida en que se
xuntan,
en que se unen:
non para pisar os
dereitos dos demais,
senón para impedir que
sexan pisados
os seus dereitos
fundamentais…,
que non son un agasallo
dos gobernos,
nin dos poderosos,
senón un agasallo do Pai.
Hélder Cámara
CANTO GOZOSO
Ti es camiño e verdade
LECTURAS:
OFERTORIO:
COMUÑÓN:
POWER POINTS
Comentarios
Publicar un comentario