29 de xuño - S.Pedro e S. Paulo
SOLEMNIDADE DE SAN PEDRO E SAN
PAULO
13º TO. A
Primeira Lectura Feit 12, 1-11
LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
Agora sei de certo que o Señor libroume das mans de Herodes
Naqueles días, o rei
Herodes botou man dalgúns membros da Igrexa, para os maltratar. Mandou matar
con espada a Santiago, irmán de Xoán, e, vendo que iso lles agradaba aos
xudeus, mandou prender tamén a Pedro.
Era a semana da
Pascua. Prendeuno, logo, e meteuno na cadea, gardándoo con catro piquetes de
catro soldados cada un. Quería presentalo diante do pobo despois da Pascua.
Mentres Pedro estaba retido no cárcere, a Igrexa rezaba intensamente a Deus por
el.
A noite antes de que
Herodes o presentara diante do pobo, estaba Pedro durmindo entre dous soldados,
ligado con dúas cadeas, e unhas sentinelas facían a garda diante da porta da
prisión.
De súpeto, presentouse
o anxo do Señor, e unha luz resplandeceu na cela, tocándolle no costado,
espertou a Pedro e díxolle:
- Érguete correndo!
E caéronlle as cadeas
das mans.
Entón díxolle o anxo:
- Pon o cinto e calza
as sandalias.
E así o fixo. Despois
díxolle:
- Bota o manto por
riba e sígueme.
Pedro saíu e seguiuno,
sen se dar conta que era realidade o que se facía por medio do anxo, pois
coidaba que era unha visión. Atravesaron a primeira garda e logo a segunda, e
chegaron á porta de ferro que daba á cidade e abriu de seu. E ao saíren á rúa,
logo o deixou o anxo.
Entón Pedro, volvendo
en si, dixo:
- "Agora
realmente vexo que o Señor mandou o seu anxo, para me librar das mans de
Herodes e de todo o que esperaba o pobo xudeu".
Palabra
do Señor R/.
Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 33, 2-3.
4-5. 6-7. 8-9
R/. (5): O Señor líbrame de todos os meus temores.
Bendigo o Señor en todo instante,
teño sempre na boca a súa loanza.
Eu gloríome no Señor:
que escoiten os humildes e se alegren.
Exaltade comigo o Señor,
loemos xuntos o seu nome.
Eu busquei o Señor, El respondeume,
libroume de todos os temores.
Contempládeo, e quedaredes radiantes,
os vosos rostros non os cubrirá a vergonza.
Este pobre clamou, e o Señor escoitouno,
librouno de todos os apuros.
O anxo do Señor acampa entre os seus fieis
e dálles seguridade.
Probade e vede o bo que é o Señor:
feliz quen a El se acolle.
Segunda Lectura 2 Tim 4, 6-8.
17-18
LECTURA DA SEGUNDA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO A TIMOTEO
Finalmente impónseme a coroa de xustiza
Benquerido irmán:
A min xa me queda
pouco para derramar o meu sangue e o meu pasamento está a chegar.
Combatín unha boa
loita, rematei a miña carreira, conservei a fe.
O que me resta é a
coroa da xustiza que me está reservada. E o Señor, que é xuíz xusto, hama
entregar aquel día.
E non só a min senón a
todos os que arelan a súa vinda gloriosa.
Pero o Señor asistiume
e deume forza para que eu rematase a predicación e todas as nacións a
escoitasen. E libroume da boca do león.
O Señor hame librar de
toda obra perversa e hame manter salvo para o seu reino celestial.
Para El a gloria polos
séculos dos séculos. Amén.
Palabra
do Señor R/.
Grazas a Deus
ALELUIA Mt 16,18
Se non se canta, pódese omitir
Aleluia, aleluia.
Ti es Pedro, e sobre esta pedra vou edificar a miña Igrexa,
e as portas do inferno non prevalecerán en contra dela.
Aleluia.
Evanxeo Mt 16, 13-19
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Ti es Pedro, e dareiche as chaves do Reino dos Ceos

‑ Quen di a xente que
é o Fillo do Home?
Eles responderon:
‑ Uns din que Xoán
Bautista; outros, que Elías; outros, que Xeremías ou algún dos profetas.
El insistiu:
‑ E vós, quen dicides
que son eu?
Respondeu Simón Pedro:
‑ Ti es o Mesías, o
Fillo de Deus vivo.
E Xesús contestoulle:
‑ Ditoso ti, Simón,
Fillo de Xonás, porque non cho revelou nin a carne nin o sangue, senón meu Pai,
que está nos ceos.
E eu dígoche:
"Ti es Pedro, e
sobre esta pedra vou edificar a miña Igrexa, e as portas do inferno non
prevalecerán en contra dela.
Dareiche as chaves do
Reino dos Ceos; todo o que ates na terra, ficará atado nos ceos; e todo o que
desates na terra, ficará desatado nos ceos".
Palabra
do Señor R/.
Loámoste, Cristo
DEUNOS AS CHAVES NON PARA PECHÁRMONOS CON ELAS E
FACER DEFENSAS NUMANTINAS, SENÓN PARA ABRIR PORTAS E VENTÁS QUE FAN POSIBLE O
DIÁLOGO CUN MUNDO PLURAL NO QUE TODOS SOMOS IMPORTANTES...AÍNDA QUE NINGUÉN É
IMPRESCINDIBLE
ESCOITA ACTIVA
A imaxinería relixiosa
sempre representa a Pedro cunhas chaves na man. Esta representación ten a súa
orixe no Evanxeo que hoxe imos proclamar na celebración: Xesús entrégalle as
chaves. Pero contra o que moitas veces se ten interpretado, estas chaves non
son para pechar portas e ventás e atrincheirarse fronte ao mundo, senón todo o
contrario: son as chaves que abren portas e ventás para permitir o diálogo, o
encontro e a comunicación con outras maneiras de pensar, con outras concepcións
antropolóxicas ou con outras propostas morais. O Evanxeo, porque é alegría e
gozo, ofrécese sempre como camiño de encontro e entendemento, é comunicación e
diálogo. Que mellor día ca hoxe, no que celebramos a festa de Pedro e Paulo,
para tomarmos conciencia de que o noso ser cristiáns é unha chamada a saír ao
encontro e comunicar coa nosa vida e feitos que Deus nos chama a construír unha
sociedade asentada sobre a rocha, non da imposición, senón do diálogo, a
fraternidade e a colaboración!.
Dispoñamos logo o noso corazón a participar
desta celebración con este ánimo que nos une a achega uns aos outros.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
û Porque moitas chaves na
nosa vida serviron para pecharnos nos nosos medos, e non para abrirnos a
colaborar cos demais, SEÑOR, QUE NOS DEIXEMOS RENOVAR POR TI.
û Porque facemos
pouco para achegarnos e preocuparnos uns polos outros, CRISTO QUE NOS
DEIXEMOS RENOVAR POR TI.
û Porque nos sobran
prexuízos e nos falta capacidade de unir, perdoar e traballar xuntos, SEÑOR,
QUE NOS DEIXEMOS RENOVAR POR TI.
PALABRA ENRAIZADA
* UN
DEUS QUE NOS COIDA: A celebración deste día debe axudarnos a
que nos preguntemos se de verdade a imaxe que temos de Deus é a que nos
presenta o Evanxeo ou é máis ben unha imaxe herdada e chea de prexuízos e
falsas comprensións de Deus. Unha das cousas que mellor nos axudan a entender
que se esconde detrás da palabra Deus non son os ritos nin tampouco os
costumes, senón a lectura e a escoita, repousada e atenta, dos textos da
Palabra que proclamamos nas celebracións. Deus non aparece como aquel que o
sabe todo, que o quere todo ou que o pode todo. Non, todo o contrario. Deus
preséntasenos como un “alguén” (é importante distinguir aquí que non é algo,
senón alguén; un Deus persoal) que terma e coida de nós. Vén sendo ese Pai/Nai
capaz de agarimar, escoitar, comprender e acompañar aos seus fillos/as. Un
Deus, que coma a maioría dos nosos pais e nais, son capaces de respectar as
nosas decisións -inda que moitas veces non lles gusten– porque valoran a
liberdade e a capacidade de elixir sobre o intento, a tentación, de dirixir,
mandar ou impoñer o seu propio criterio. Do mesmo xeito que entendemos a nosa
relacións cos nosos pais/nais, así debemos tamén entender a nosa relación con
Deus. Cóidanos, quérenos, preocúpase..., pero deixa que sexamos nós os que
tomemos as propias decisións; mesmo se nos equivocamos. El invítanos a seguir
un camiño; pero é unha invitación, non impón. Tócanos a nós responder si ou
non. Os primeiros cristiáns foron entendéndoo, inda que tamén lles custou. A
lectura do libro dos Feitos dos apóstolos vainos mostrando como é esta
pedagoxía de Deus: unha pedagoxía que segue a ter vixencia porque non pasou de
moda. Deixémonos educar por ela, e non permitamos que ninguén, nin no nome de
Deus nin no nome dos homes, nos domestique. Segue a haber moitos Herodes no
mundo de hoxe!

* UN
DEUS DE DON E GRATUIDADE: E coidado e compaña
non poden darse senón é na gratuidade e no don. Son estes dous aspectos
fundamentais na vida de quen queira levar con dignidade o nome de seguidor de
Xesús. El non garda para si, comparte a súa experiencia. Pona ao servizo de
quen queira acollela e vivila. Pero entendamos ben, compártea, non a impón. As
chaves que lle entrega a Pedro son unhas chaves que, desde o don e a gratuidade
que El ofrece, pasan a ser chaves que abren e invitan a entrar. Non son chaves
que serven para pecharse na intolerancia e no fundamentalismo de quen se cre
mellor cós outros, e vai xulgando e condenando a quen non pensa, non di ou non
fai coma el. Xesús non pide que sexamos imitadores -imitador é quen repite o
que outro fai–. El pídenos que sexamos seguidores creativos, renovadores e
sempre dispostos a poñer a orella en disposición de escoitar o que outros
poidan dicirnos. Só así poderemos, tamén nós, abrir as pechaduras coas chaves
que fan que o reinado de Deus se vaia desenvolvendo xa desde aquí co gozo de
facer do Evanxeo vida chea de esperanza. Aos ollos de Deus nós non somos
xuíces, senón irmáns. O xuíz xulga e dita sentencia. O irmán e a irmá escoitan,
axudan, perdoan... e sempre tenden a súa man.
FRATERNIDADE ORANTE
Recemos como Igrexa que
se sabe en comuñón co proxecto de salvación que nos ofrece Xesús, e digamos xuntos:
QUE ABRAMOS PORTAS Á ESPERANZA COAS TÚAS CHAVES DE
XUSTIZA E MISERICORDIA
*
Para que a Igrexa de Xesús, hoxe presidida na comuñón
polo Papa Francisco, estea sempre disposta a abrir portas que traian aire de
renovación e creatividade pastoral, OREMOS.
QUE ABRAMOS PORTAS Á ESPERANZA COAS TÚAS CHAVES DE
XUSTIZA E MISERICORDIA
*
Para que saibamos tamén nós renovar as nosas
comunidades parroquiais, ofrecendo propostas ilusionantes, novas e renovadoras,
que sirvan de testemuño para os que están afastados pola nosa falta de
convencemento e de alegría evanxélica, OREMOS.
QUE ABRAMOS PORTAS Á ESPERANZA COAS TÚAS CHAVES DE XUSTIZA
E MISERICORDIA
*
Para que non calemos diante das inxustizas que vemos
cada día ao noso redor, e non deixemos que novos manipuladores volvan
enganarnos con mensaxes que só buscan xogar con nós como se fosemos
monicreques, aproveitando sacar á nosa conta os mellores réditos para eles,
OREMOS.
QUE ABRAMOS PORTAS Á ESPERANZA COAS TÚAS CHAVES DE
XUSTIZA E MISERICORDIA
Señor,
que as chaves que lle entregaches a Pedro sexan sempre chaves que abran portas
e renoven o aire das nosas comunidades, e nos forcen a tomar iniciativas
pastorais novas, solidarias e non excluíntes. P.X.N.S. Amén.
MIRADA DE ESPERANZA
Estás nas mans de Deus.
Por que perdes a paz? Teslle medo a El? Onde poderías estar máis seguro?
Esperta a túa confianza. El está en todo momento. Sínteo: o Señor
sostenme (Sal.3). El vela por min (Sal 30).El coida de min (Sal 39).
Tes amigos. Persoas que te queren. Goza da súa compaña e amizade. Pero ti sabes
que Deus é o mellor que tes. Repíteo unha e outra vez: Ti es o meu ben
(Sal.15).Ti a defensa da miña vida (Sal 26).Ti es a miña forza salvadora (Sal
17).
De cantas cousas te
preocupas. Todo é pouco para sentirte ben. Só en Deus atoparás paz. Con
El nada che falta (Sal 22). El sabe o que o teu corazón desexa. Fala
con El: Canto te quero, Señor (Sal 17). Só ti me fas
vivir tranquilo (Sal 4).
Mira o futuro con
confianza. Que che poden facer? Que é o peor que che poida pasar? Abandónate a
Deus. Ninguén te quere coma El: Señor, nas túas mans poño a miña vida
(sal 30).
(J.Antonio Pagola, Salmos para rezar desde la vida, p.43)
CANTO GOZOSO
LECTURAS:
Como che cantarei?
OFERTORIO:
Misioneiro
COMUÑÓN:
POWER POINTS
Comentarios
Publicar un comentario