Carta dun ateo francés ó seu fillo


Creo que non podo estar máis dacordo con esta carta, hai moita xente que confunde ser ateo e anticlerical, cos primeiros se pode falar, cos segundos non, inda que se fala moito do "respecto" e a "liberdade", non poden entender nin aceptar ós que pensan, eu case diría sinten, distinto a eles (ollo que hai moitos crentes cos que tampouco se pode falar, a intransixencia e o fanatismo tamén pode ser pecado dos crentes, revisemos actitudes e non caiamos niso).



Carta que o socialista ateo francés Jean Jaurés fundador do xornal 
L´Humanité escribiu ao seu fillo, publicada en 1919.


Querido fillo:

   Pídesme un xustificante que che exima de cursar relixión, un pouco por ter a gloria de proceder de distinta maneira que a maior parte dos condiscípulos e temo que tamén un pouco para parecer digno fillo dun home que non ten conviccións relixiosas. Este xustificante, querido fillo, non cho envío nin cho enviarei xamais.

   Non é porque desexe que sexas clerical, a pesar de que non hai nisto ningún perigo, nin o hai tampouco en que profeses as crenzas que che exporá o profesor. Cando teñas a idade suficiente para xulgar, serás completamente libre pero teño o empeño decidido en que a túa instrución e a túa educación sexan completas, e non o serían sen un estudo serio da relixión.

   Parecerache estraña esta linguaxe despois de escoitar tan belas declaracións sobre esta cuestión; son, fillo meu, declaracións boas para arrastrar a algún pero que están en pugna co máis elemental bo sentido. Como sería completa a túa instrución sen un coñecemento suficiente das cuestións relixiosas sobre as cales todo o mundo discute? Quixeses ti, pola túa ignorancia voluntaria, non poder dicir unha palabra sobre estes asuntos sen expoñerte a soltar un disparate?

   Deixemos de lado a política e as discusións e vexamos o que se refire aos coñecementos indispensables que debe ter un home de certa posición. Estudas mitoloxía para comprender historia e a civilización dos gregos e dos romanos, e... que comprenderías da historia de Europa e do mundo enteiro despois de Xesucristo, sen coñecer a relixión, que cambiou a face do mundo e produciu unha nova civilización? Na arte,... que serán para ti as obras mestras da Idade Media e dos tempos modernos, se non coñeces o motivo que as inspirou e as ideas relixiosas que elas conteñen?

   Nas letras, podes deixar de coñecer non só a Bossuet, Fenelón, Lacordaire, De Maistre, Veuillot e tantos outros que se ocuparon exclusivamente de cuestións relixiosas, senón tamén a Corneille, Racine, Hugo,... nunha palabra a todos estes grandes mestres que deberon ao cristianismo as súas máis belas inspiracións? Se se trata de dereito, de filosofía ou de moral,... podes ignorar a expresión máis clara do Dereito Natural, a filosofía máis estendida, a moral máis sabia e máis universal? -este é o pensamento de J.Jacques Rousseau-.

   Até nas ciencias naturais e matemáticas atoparás a relixión: Pascal e Newton eran cristiáns ferventes, Ampere era piadoso, Pasteur probaba a existencia de Deus e dicía recobrar pola ciencia a fe dun bretón, Flammarion entrégase a fantasías teolóxicas...

   Quererás ti condenarte a saltar páxinas en todas as túas lecturas e en todos os teus estudos? Hai que confesalo: a relixión está intimamente unida a todas as manifestacións da intelixencia humana; é a base da civilización e é porse fóra do mundo intelectual e condenarse a unha manifesta inferioridade o non querer coñecer unha ciencia que estudaron e que posúen nos nosos días tanta intelixencia preclaras.

   Xa que falo de educación: para ser un mozo ben educado é preciso coñecer e practicar as leis da Igrexa? Só che direi o seguinte: nada hai que reprochar aos que as practican fielmente, e con moita frecuencia, hai que chorar polos que non as toman en conta. Non fixándome senón na cortesía no simple "savoir vivre", hai que convir na necesidade de coñecer as conviccións e os sentimentos das persoas relixiosas. Se non estamos obrigados a imitalas, debemos polo menos comprendelas para poder gardarlles o respecto, as consideracións e a tolerancia que lles son debidas. Ninguén será xamais delicado, fino, nin sequera presentable sen nocións relixiosas.

   Querido fillo: convéncete do que digo: moitos teñen interese en que os demais descoñezan a relixión, pero todo o mundo desexa coñecela. En canto á liberdade de conciencia e outras cousas análogas, iso é palabrería dos que rexeitan de ordinario os feitos e o sentido común.

   Moitos anti-católicos coñecen polo menos medianamente a relixión; outros recibiron educación relixiosa; a súa conduta proba que conservaron toda a súa liberdade.

   Ademais, non é preciso ser un xenio para comprender que só son verdadeiramente libres de non ser cristiáns os que teñen a facultade de selo, pois, en caso contrario, a ignorancia obrígalles á irreligión. A cousa é moi clara: a liberdade esixe a facultade de poder obrar en sentido contrario. Sorprenderache esta carta, pero precisa, fillo meu, que un pai diga sempre a verdade ao seu fillo. Ningún compromiso podería escusarme desa obriga.


   Recibe, querido fillo, o abrazo de


                                                                    O teu PAI



PD. PORQUE A PERSOA É MÁIS QUE O MATERIAL.






Comentarios

Publicacións populares