Domingo 25 de Ordinario - ciclo B
25º DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO –
CICLO B
Primeira Lectura Sab 2, 12.
17-20
LECTURA DO LIBRO DA SABEDORÍA
Condenémolo a unha morte ignominiosa
Dixeron os malvados:
Espreitemos o home
xusto que nos dá tanto noxo
e se opón aos nosos feitos,
botándonos na cara as transgresións da lei,
reprochándonos faltas da nosa educación.
Examinemos se son
veraces as súas razóns,
comprobemos como é o seu finar.
Se o xusto é fillo de
Deus, virá El a acorrelo
e ceibarao da man dos seus inimigos.
Poñámolo na proba da
aldraxe e do tormento
para constatarmos a súa mansedume
e experimentarmos a súa resistencia
ao mal!
Condenémolo a unha
morte ignominiosa,
pois, segundo el fala, terá quen o protexa!
Palabra do Señor R/.
Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 53,
3-4. 5. 6 e 8
R/. (6b): O Señor é quen sostén a miña vida.
Oh Deus, polo teu nome sálvame,
co teu poder faime xustiza.
Oh Deus, escoita a miña súplica,
atende as miñas palabras.
Érguense contra min homes soberbios,
homes violentos buscan a miña vida,
sen teren a Deus en conta.
Mais Deus é a miña axuda,
o Señor é quen sostén a miña vida.
Ofrecereiche un sacrificios voluntario,
enxalzarei, Señor, o teu nome que é bo.
Segunda Lectura Sant 3, 16 --
4, 3
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SANTIAGO
O froito da xustiza seméntase na paz para aqueles que cultivan a paz
Irmáns benqueridos:
Onde hai receos e
liortas, dáse tamén alí o descontento e toda caste de ruindades. Pola contra, a
sabedoría que vén do ceo é primeiramente pura e despois pacífica, sinxela,
acolledora, chea de misericordia e de bos froitos, imparcial, sen finximento. O
froito da xustiza seméntano coa paz os que van facendo a paz.
De onde veñen esas
guerras e liortas que se dan entre vós? Non será das vosas cobizas, que loitan
no voso interior?
Degoirades e non
tedes; enrabechádesvos e andades cheos de envexa e non logrades cousa;
combatédesvos e facédesvos a guerra e non conseguides porque non o pedides e,
se pedides, non recibides, porque pedides só co devezo de satisfacerdes as vosas
cobizas.
Palabra do Señor R/.
Grazas a Deus
ALELUIA Cf. 2 Tes 2, 14
Se non se canta, pódese omitir
Aleluia, aleluia.
Deus chamounos por medio do Evanxeo,
para lograrmos a gloria do noso Señor Xesús Cristo.
Aleluia.
Evanxeo Mc 9, 30-37
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
O Fillo do Home é entregado... Quen queira ser o primeiro, ha ser o servidor
de todos
Naquel tempo, Xesús e mais
os seus discípulos marcharon, atravesando a Galilea sen enredar nela, porque
non quería que o soubese ninguén; pois ía informando os discípulos,
dicíndolles:
‑ Ao Fillo do Home
vano entregar nas mans dos homes, que o matarán; pero, despois de morto,
pasados tres días, ha resucitar.
Eles non entendían o
que lles dicía, pero non se atrevían a preguntarllo.
Chegaron a Cafarnaúm,
e, cando estaban na casa, preguntoulles:
‑ De que viñades
discutindo polo camiño?
Eles calaron, porque
no camiño discutiran entre si sobre quen era o máis importante. Xesús
sentou, chamou polos Doce e díxolles:
‑ O que queira ser o primeiro,
que sexa o derradeiro entre todos e o servidor de todos.
Despois colleu un neno
e púxoo no medio deles, abrazouno, e díxolles:
‑ Quen acolla no meu
nome a un destes nenos, acólleme a min; e quen me acolla a min, non é a min a
quen acolle, senón a Aquel que me mandou.
Palabra do Señor R/.
Loámoste, Cristo
HAI
PERSOAS QUE SERVEN UN DÍA E SON BOAS.
HAI OUTRAS QUE SERVEN UN ANO E
SON MELLORES.
OUTRAS SERVEN MOITOS ANOS E SON MOI BOAS...
PERO TAMÉN
HAI AS QUE SERVEN TODA A VIDA:
ESAS SON IMPRESCINDIBLES E IMPORTANTES
TOMADO DE : remoldapalabra.blogspot.com
PÓRTICO
Na nosa sociedade é importante o home
de prestixio, seguro de si mesmo, que acadou o éxito nalgún campo
da vida, que sobresae por riba dos demais. Asemade, é importante a
muller estupenda fisicamente, bela (aínda que só sexa por fóra),
que acapara portadas das revistas, que ten ao seu lado un home
“relevante”, con poder e con cartos....
Porén, a Palabra volve insistir unha e
outra vez en que eses non son criterios morais válidos para
catalogar á xente como “importante”. Segundo o criterio de Xesús
son importantes eses miles e milleiros de homes e mulleres anónimos,
de rostro descoñecido, a quen non se lles fará nunca ningunha
homenaxe nin se lles adicará ningunha portada de revista; pero que
se desviven no servizo desinteresado aos demais, ocupándose e
preocupándose da felicidade doutras persoas.
Que a celebración que agora comezamos
nos axude a espertar do soño no que estamos mergullados para
descubrir que servir é ledicia.
O
PERDÓN
A pesares de non termos descuberto que
a túa novidade consiste en facer grande o pequeno e o
insignificante, SEÑOR, NON NOS DEIXES DA TÚA MAN.
A pesares de que seguimos perdendo
tempo, enerxía e esforzo en discusións inútiles que non fan máis
que amargar a nosa vida e a dos demais, CRISTO, NON NOS DEIXES DA TÚA
MAN.
A pesares de que non acabamos de
entender que seguirte a Ti, supón e esixe sinxeleza,
compromiso,dispoñibilidade e servizo e non boato, beatería,
prácticas baleiras e ambición de poder e prestixio, SEÑOR, NON NOS
DEIXES DA TÚA MAN.
REMUÍÑO
A primeira lectura, do libro da
Sabedoría, fálanos do difícil que é camiñar polo carreiro da
xustiza. Si, porque ilustra moi ben dúas actitudes na vida e diante
da vida: a dos xustos, é dicir, a das persoas que viven e queren
vivir nunha sociedade de dereito, xusta, en paz, solidaria e
respectuosa; e a das persoas para as que o fin sempre xustifica os
medios (chantaxe, traizón, crítica despiada....), aquelas que non
teñen escrúpulos, que burlan a lei, que buscan prebendas, que
pisotean dereitos... Sóanos o conto?. Porque tod@s nós, en maior ou
menor medida, en certos aspectos da vida, somos das persoas que
nadamos entre dúas augas, arrimándonos ao sol que máis quenta. Na
nosa vida, tamén na nosa vida de fe, ás veces somos coma botellas
de refresco con gas: ao comezo, cando quitamos a cortiza, todo é
forza, vitalidade, entusiasmo.... Pero, co tempo, na posta en
práctica dos compromisos bautismais, nas decisións que debemos
tomar, nas opcións que temos que sopesar.... chega un momento de
proba: críticas ao redor, camiño diferente ao da meirande parte da
sociedade, @s amig@s cada vez enténdennos menos, perdemos a
tranquilidade..... e chega a sensación de fracaso, a apatía, mesmo
o baleiro. Xurde entón a idea de que non pagou a pena ter dedicado
tempo, esforzo, ilusións.... Perdemos o gas e deixámonos ir polo de
sempre, polo que fan todos, polo que se leva.... esquecendo dúas
cousiñas importantes. Por unha banda o feito de que cando unha
sociedade vai mal (como está ocorrendo agora mesmo), fai falla un
cambio desde a raíz, cómpre volver comezar, porque non se pode
aprender xustiza nunha sociedade inxusta; non se pode aprender a ser
solidarios nunha sociedade que explota; non se pode amar a paz nun
mundo cheo de violencia física e verbal; non se pode aprender a ser
persoa nun mundo inhumano.... xa que aprendemos do que vemos e
vivimos e cando o que se di está en contradición co que se fai,
aprendemos tamén a mentir e a enganar, a explotar e a matar. Doutra
banda, non menos importante, esquecemos que Deus non nos deixa sol@s,
senón que vai pondo no noso camiño persoas que nos tenden a man e
que nos axudan a erguernos demostrándonos que nos queren, que se
preocupan por nós, que non nos abandonan... o que fai que a pesares
das dificultades e das cruces da vida non deberiamos nunca perder o
norte: Deus. El invítanos a ver a realidade con outros ollos e danos
forza e alento para volver comezar de novo.
Un recomezar sempre desde a tolerancia,
o respecto e o diálogo. Moitas veces non somos capaces de entender e
asumir que os cristiáns e as cristiás somos un grupo dentro da
sociedade, dentro dunha sociedade plural e democrática chamada a
construírse desde o respecto dos Dereitos Humanos, e iso fainos caer
na tentación da imposición e da intolerancia, que levan a
enfrontamentos, descualificacións e a crear un clima de crispación
que non é bo para ninguén, e menos para as persoas que nos
consideramos seguidoras de Xesús de Nazaré, que deberamos ter como
compromiso facer do mundo a casa de tod@s. Parapetados na nosa
verdade, autosuficientes, non estamos dispostos a escoitar, e moito
menos aceptar a quen pensa, reza, opina, ama ou actúa dun xeito
distinto ao noso. En definitiva, pásanos o mesmo que lles ocorría a
aqueles aos que lle escribía Santiago: tod@s queremos ser “machos
dominantes da manada” e, desde esta perspectiva, comezamos a ver o
resto do mundo coma un obstáculo a eliminar ou coma alfombra sobre a
que pisar. Xorden entón as divisións, as loitas, os ciumes.....
Hoxe é un bo día para recomezar desde a óptica de que “o froito
da paz é a xustiza” e que acoller o Reino é acoller á persoa de
Xesús. Se non conseguimos entender isto estaremos sempre na disputa,
na tensión, no enfrontamento e na división que tanto dano fan.
Só así aprenderemos, tamén nós, a
responder á pregunta que Xesús lle fai aos seus discípulos: de que
falabades polo camiño?. Certamente non era de servizo, de entrega ou
de compromiso. Non, tristemente eles tamén se deixaran embaucar,
tamén se deixaran ir e falaban de prestixio, poder, importancia....
Que pouco cambiou o conto despois de dous mil anos de
historia!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!! Non entenderan nada... Non entendemos
nada. E Xesús, explicóullelo e explícanolo hoxe a nós: “quen
queira ser primeiro, que se faga último e servidor”. Estamos tan
afeitos a escoitar esta frase que é pouca a impresión que nos
causa, a pesares de que non entendemos moi ben que para ser primeiros
teñamos que ser últimos. E non o entendemos porque nos falta fe,
porque non confiamos de verdade en Xesús. Por se acaso preferimos
ter os nosos propios medios, os nosos propios recursos, as nosas
reservas e as nosas seguridades para non quedar de últimos, porque
iso sería unha catástrofe, unha traxedia....Xesús propón como
modelo aos nenos, símbolo das persoas pequenas, daquelas que o mundo
non ten en conta: pobres, parados, marxinados, enfermos, desposuídos,
escravos....e tantas e tantas persoas ás que ignoramos ou miramos
por riba do ombreiro por estar os nosos ollos pousados nos grandes e
poderosos. Nestas palabras de Xesús resoa a parábola do xuízo
final. O neno é o famento, o nu, o que está no cárcere, o
marxinado... O que fai grandes non é dominar, senón servir aos máis
pequenos e desprezados. Tod@s nós (xerarquía, relixiosas e leig@s),
que formamos a Igrexa de Xesús debemos seguir con fidelidade as súas
palabras e o seu exemplo se non queremos enredarnos nas formas
mundanas de pensar e actuar. Calquera afán de dominio, de búsqueda
de poder ou de prestixio; calquera afán de manipular ou de sobresaír
sobre os demais ocultará o rostro de Cristo que debemos
transparentar. Será un antitestemuño. Cando aprenderemos?.
ORACIÓN
DA COMUNIDADE
Abramos o noso corazón á oración
compartida, tendo nela presentes as dores, loitas e sufrimentos dos
nosos irmáns e das nosas irmás, e digamos:
QUE DESCUBRAMOS A LEDICIA DE SERVIR
Para que tod@s nós, que formamos a túa
Igrexa, mostremos cos nosos feitos que vivimos para servir a todas as
persoas, e non buscando prestixio, poder, loanza efémera ou
recoñecemento, OREMOS.
QUE DESCUBRAMOS A LEDICIA DE SERVIR
Polas nosas comunidades, para que
deixemos de perder tempo, esforzo e ilusión en discusións estúpidas
e baleiras e, pola contra, busquemos a paz que é froito da xustiza,
OREMOS.
QUE DESCUBRAMOS A LEDICIA DE SERVIR
Recén comezado un novo curso escolar,
hoxe queremos ter presentes na nosa oración dun xeito especial aos
nenos e aos mozos. Para que tomemos conciencia de que un pobo
progresa cando sabe acoller, coidar e educar ben ás novas xeracións,
OREMOS.
QUE DESCUBRAMOS A LEDICIA DE SERVIR
Tamén pedimos polos educadores, que
desgastan a súa vida, as súas forzas e os seus nervios xunto aos
estudantes. Para que valoremos e agradezamos sempre a súa labor, que
é unha das máis grandes para a construción dunha sociedade
crítica, xusta e igualitaria, OREMOS.
QUE DESCUBRAMOS A LEDICIA DE SERVIR
Por cada un e cada unha de nós, que
queremos camiñar no seguimento de Xesús, para que o fagamos sempre
con dispoñibilidade, esperanza, alegría e diálogo, manifestando na
nosa vida a ledicia de sermos servidor@s, OREMOS.
QUE DESCUBRAMOS A LEDICIA DE SERVIR
Grazas, Señor por darnos a verdadeira
sabedoría que brota do Evanxeo: para ser grande cómpre ser servidor
de tod@s. PXNS. Amén.
PARA
A REFLEXIÓN
Non digas que non.
Ti, coma min, coma tod@s,
tamén levas no teu interior esta
pregunta:
quen é o máis importante?.
Porque para ti, para min, para case
tod@s,
do que se trata é disto: de ser o máis
importante.
Na escola ensínannos a ser os máis
listos.
Na Igrexa ensínannos a ser os máis
perfectos.
Na televisión ensínannos a ser os
máis famosos.
Na casa ensínannos a ser os máis
ricos.
Case ninguén quere os últimos postos.
Case ninguén acepta ser servidor dos
demais.
Xesús si.
Xesús escolleu o último lugar: fíxose
servidor de todos.
A xente de letras case nunca entendeu a
Xesús.
A xente de Igrexa case nunca entendeu a
Xesús.
A xente de poder case nunca entendeu a
Xesús.
A xente dos cartos case nunca entendeu
a Xesús.
E foi Xesús e colleu un neno,
e púxoo no medio coma sinal para toda
a xente do mundo:
sinal da debilidade, á que é bo
achegarse,
sinal da tenrura de Deus da que carecen
moitos corazóns,
sinal da humildade coa que cómpre
camiñar na vida,
sinal dos postos sen importancia que
busca o seguidor de Xesús,
por unha melloría radical do mundo que
nos acolle.
M. REGAL “Un caxato para
o camiño” (pax. 226-227)
CANTOS
ENTRADA:
Amigos nas penas
LECTURAS:
Benaventurados
OFERTORIO:
Déixate querer
COMUÑÓN:
Quédate, Señor,
connosco
POWER
POINT
Comentarios
Publicar un comentario