Quen queira ser o primeiro, ha ser o servidor de todos - Mc 9,30-37

Domingo 25 ordinario - ciclo B



NON DIGAS QUE NON (O SINAL DO NENO)

Non digas que non.
Ti, coma min, coma todos,
tamén levas no teu interior esta pregunta:
quen é o máis importante?

Porque para ti, para min, para case todos,
do que se trata é disto: de ser o máis importante.

Na escola ensínannos a ser os máis listos.
Na Igrexa ensínannos a ser os máis perfectos.
Na televisión ensínannos a ser os máis famosos.
Na casa ensínannos a ser os máis ricos.

Case ninguén quere os últimos postos.
Case ninguén acepta ser servidor dos demais.

Xesús si.
Xesús escolleu o último lugar: fíxose servidor de todos.
A xente de letras case nunca entendeu a Xesús.
A xente de Igrexa case nunca entendeu a Xesús.
A xente de poder case nunca entendeu a Xesús.
A xente de cartos case nunca entendeu a Xesús.

E foi Xesús e colleu un neno,
e púxoo no medio coma sinal para toda a xente do mundo:
sinal da debilidade, ó que é bo achegarse,
sinal da tenrura de Deus da que carecen moitos corazóns,
sinal da humildade coa que cómpre camiñar na vida,
sinal dos postos sen importancia que busca o seguidor de Xesús,
sinal de Xesús mesmo, morto e resucitado,
por unha melloría radical do mundo que nos acolle.

REGAL "Un caxato para o camiño”

Comentarios

Publicacións populares