Misa en galego ciclo B - 4º Dom. Ordinario (29/1/12)
IV DOMINGO - CICLO B
Primeira Lectura Deut 18, 15-20
LECTURA DO LIBRO DO DEUTERONOMIO
Farei xurdir un profeta e poñerei as miñas palabras na súa boca
Díxolle Moisés ao pobo:
O Señor, o teu Deus, fará xurdir, no medio de ti, de entre os teus irmáns, un profeta coma min.
Facédelle caso, tal como llo pediches ao Señor, o teu Deus, no Horeb o día de asemblea, dicindo: Non quero seguir escoitando a voz do Señor, meu Deus, nin ver máis esta grande labarada, para non morrer.
E entón o Señor díxome: Fixeron ben en dicir isto. Fareilles xurdir un profeta coma ti do medio de seus irmáns e porei as miñas palabras na súa boca e falaralles todo o que eu lle mande, e a aquel que non lles faga caso ás miñas palabras, as que o profeta anuncie no meu Nome, eu pedireille contas.
Pero o tal profeta, se ten o atrevemento de dicir no meu Nome cousas que eu non lle mandei dicir e fala no nome de deuses alleos, entón morrerá ese profeta.
Palabra do Señor
R/. Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 94, 1-2. 6-7. 8-9
R/. (8): Oxalá escoitedes hoxe a voz do Señor!
Non endurezades os vosos corazóns.
Vinde, cantémoslle ao Señor,
Aclamemos a nosa rocha salvadora;
acheguémonos á súa presenza dándolle grazas,
aclamémolo con cancións.
Vinde, adorémolo prostrados,
axeonllémonos diante do Señor, que nos creou,
pois el é o noso Deus,
e nós somos o seu pobo, o rabaño que el guía.
Oxalá escoitedes hoxe a súa voz:
non endurezades os vosos corazóns, coma en Meribah,
coma o día de Masah, no deserto,
onde os vosos pais me tentaron:
provocáronme, por máis que tiñan visto os meus feitos.
Segunda Lectura 1 Cor 7, 32-35
LECTURA DA 1ª CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS
A virxe considera o que corresponde a Deus para ser santa
Irmáns:
Eu quixera vervos libres de preocupacións. O non casado preocúpase das cousas do Señor, da maneira de lle agradar.
Pero o casado preocúpase das cousas do mundo, da maneira de lle agradar á muller; e así está dividido.
A muller non casada, o mesmo cá doncela ceibe, preocúpanse das cousas do Señor, procurando seren santas de corpo e alma.
Pero a casada preocúpase das cousas do mundo, da maneira de lle agradar ao seu home.
Dígovos isto polo voso propio interese, non para vos amarrar botándovos un lazo; ao contrario, para vos guiar no que é honesto e leva sen divisións ao Señor.
Palabra do Señor
R/. Grazas a Deus
ALELUIA Mt 4, 16
Se non se canta, pódese omitir
Aleluia, aleluia.
O pobo asentado nas tebras viu unha inmensa luz
e para os asentados na rexión e na sombra da morte amenceu a luz.
Aleluia.
Evanxeo Mc 1, 21-28
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Ensinábaos coma quen ten autoridade
Naquel tempo viñeron a Cafarnaúm e, ao chegar o sábado, Xesús púxose a ensinar na sinagoga.
Todos estaban abraiados da súa doutrina, pois ensinaba coma quen ten autoridade, non coma os letrados. E cadrou que había naquela sinagoga un home posuído por un mal espírito, e púxose a berrar:
‑ Que temos que ver contigo, Xesús de Nazaret? Seica viñeches para acabar connosco? Ben sei quen es ti: ti es o Santo de Deus.
Xesús mandoulle:
‑ Cala, e bótate fóra dese home.
O espírito malo sacudiuno, pegou un berro moi alto e saíu del. Todos ficaron pasmados, e discutían entre si, dicindo:
‑ Que é isto? Unha nova doutrina, e con autoridade; enriba, dálles ordes aos espíritos malos, e eles obedéceno.
E a súa sona espallouse de contado por toda a rexión de Galilea.
Palabra do Señor
R/. Loámoste, Cristo
UN CORAZÓN SEN DIVIDIR QUE SIRVA ÁS PERSOAS E NON AO PODER
Pórtico
A historia da Igrexa é longa e vén de moi atrás. Non xorde agora, senón que ten dous mil anos de historia; unha historia na que van aparecendo luces e sombras. Unha destas sombras que se repite moito é a da unión entre o poder e a acción da Igrexa, como se o seu fin fose crecer e desenvolverse como institución poderosa, rica e aliada cos que mandan. Inda que a realidade, considerada nunha visión ampla e verdadeiramente eclesial –a Igrexa somos todos–, non foi así, na súa cúpula, nos que mandan, podemos dicir que é verdade que sempre buscou ter poder, mandar, acumular capacidade de influencia. Porén, os textos que hoxe imos proclamar fálannos de que é necesario que o noso corazón estea sempre ao servizo das persoas, non do poder e dos que mandan. A autoridade da que nos fala Xesús non é a que se impón polas leis, as normas ou o control da conciencia, senón a autoridade de quen fala con liberdade, de quen busca a solidariedade, de quen se esforza por poñerse no lugar do outro, non para impoñer, senón para que ninguén teña que facer o seu camiño solo e abandonado de todos. Que a celebración que agora comezamos nos axude a descubrilo para que o poidamos logo vivir.
Perdón
- Ti que nos ensinas que o Evanxeo é unha escola de servizo, non de poder e imposición, SEÑOR, OXALÁ ESCOITEMOS A TÚA VOZ.
- Ti que nos invitas a que as nosas palabras busquen unir e non enfrontar nin dividir, CRISTO, OXALÁ ESCOITEMOS A TÚA VOZ.
- Ti que non queres que deixemos que o noso corazón se divida e esqueza que o seu cometido é amar e acoller, SEÑOR, OXALÁ ESCOITEMOS A TÚA VOZ.
Remuíño
- Onte, hoxe, tamén mañá, o Señor segue a suscitar profetas –homes e mulleres sen medo a actuar e dicir movéndose polos seus principios e a fidelidade a Deus e ás persoas-, que nos van lembrando cal é o noso camiño e como no noso xeito de actuar en moitas ocasións nos imos afastando da nosa relación con Deus e con canto El creou. O noso xeito de ver a vida, de reaccionar diante de diversas situación, de afrontar a busca de solucións e respostas diante dos problemas que van e nos van xurdindo, fai que moitas veces esquezamos o que é un sinal de identificación na nosa vida: a Palabra que Deus nos dirixe para facernos crecer como persoas e levarnos a estar a gusto coa nosa vida. Hoxe, coma onte, tamén como mañá, segue a haber persoas que co seu testemuño van poñendo de manifesto que é posible ser fiel ao proxecto de Deus, que paga a pena empeñarse nel e por el, que non andamos equivocados se queremos seguilo e convertelo en eixo da nosa vida. Profetas hainos, o que non hai é, moitas veces, disposición por parte nosa de prestarlles atención, de escoitalos, e de buscar onde están. E esa presenza é posible porque Deus non nos deixa, senón que terma de nós, como Pai/Nai agarimoso que se preocupa polos seus fillos. Que as palabras que saen da boca dos profetas sexan para nós alento no esforzo de recoñecer a presenza de Deus no noso mundo, e compromiso en canto nos faga persoas ás que o corazón non se lles divide entre a fidelidade ao poder e a dispoñibilidade ao servizo. Oxalá saibamos, tamén hoxe, escoitar a súa voz!.
- Non ter o corazón dividido suponnos aos crentes ter sempre claro que a razón de ser do noso actuar, do noso abrirnos a ser xustos, solidarios, honestos... é non esquecer que só na persoa e desde a persoa se pode asentar –enraizar– a nosa convición relixiosa. Deus faise presente na súa totalidade, e sen división, na capacidade de amar onde descubramos o respecto aos demais. Unha capacidade que non debe xirar ao redor do que un ten ou de canto manda, senón en como serve, en como está dispoñible para compartir tempo, ilusións e capacidades con aqueles aos que lles falte. Non ter o corazón dividido pide de nós mente aberta para non enredarnos en poder, dominio, prestixio ou autoritarismo, senón en esforzarnos por entender que servir non é servirse nin aproveitarse de ninguén, e menos dos máis débiles.
- Facer este proceso, que sabemos que non é doado, chámanos a poñer corazón e reflexión ao servizo de construír parroquias, barrios, familias... nas que os seus alicerces estean non na conta de resultados, senón na capacidade de non calar cando nos enganan, cando nos ocultan información fundamental, cando xogan con nós coma se fósemos números, cando... e sempre coa autoridade moral da que é capaz quen está convencido de que, inda que sexa política e socialmente correcto facelo así, non deixa que lle poñan mordaza nin tampouco queda sentado comodamente na súa cadeira vendo como ocorren as cousas e as sofren os que menos teñen e sen posibilidade de defenderse. Iso é autoridade moral. O contrario chámase autoritarismo. E este non era o que practicou Xesús. Non nos deixemos caer na alienación dos que nos queren facer crer que non pasa nada: que os ricos seguen a vivir ben, que consomen, gastan e gozan... e aos pobres non lles queda máis que velo e calar. Non, se nos rebelamos estamos a poñer as primeiras pedras para que as cousas cambien. Fagámolo desde a autoridade de Xesús!
Oración da comunidade
Porque queremos servir, e facelo convencidos de que a unión fai a forza, como comunidade dicímoslle ao Señor:
QUE A DESESPERANZA NON ANIÑE NO NOSO CORAZÓN
Para que na Igrexa aprendamos a descubrir que só no servizo á persoa, e non ao poder, se nos descubre o rostro de Xesús nos irmáns e nas irmás, OREMOS
QUE A DESESPERANZA NON ANIÑE NO NOSO CORAZÓN
Para que nas nosas parroquias nos esforcemos por deixar atrás os comentarios que tanto feren e separan, para empezar a poñer tempo e capacidade de facer cousas ao servizo de todos, OREMOS.
QUE A DESESPERANZA NON ANIÑE NO NOSO CORAZÓN
Para que non caiamos na tentación do autoritarismo, senón que comecemos a crecer na pedagoxía da autoridade moral que cre o que fai e transmite o que vive, OREMOS.
QUE A DESESPERANZA NON ANIÑE NO NOSO CORAZÓN
Señor, con confianza e co corazón sempre a aberto e sen exclusións, presentamos a nosa oración comunitaria. P.X.N.S. Amén.
REFLEXIÓN
DECÁLOGO PARA UN COMPROMISO ÉTICO NO QUE QUEREMOS CONSTRUÍR:
1. Unha Ética da liberación, nun mundo dominado por múltiples e crecentes opresións.
2. Unha Ética da xustiza, nun mundo estruturalmente inxusto: ¡Actúa con xustiza nas relacións cos teus semellantes!.
3. Unha Ética da gratuidade, nun mundo onde impera o cálculo, o interese, o beneficio, o negocio: ¡Sé xeneroso!
4. Unha Ética da compaixón, nun mundo marcado pola dor e o sufrimento das vítimas: ten entrañas de misericordia! cos que sofren. Colabora a aliviar o seu sufrimento.
5. Unha Ética da alteridade, da acollida e da hospitalidade para cos estranxeiros, nun mundo que exclúe aos de fóra. A diferenza enriquécete.
6. Unha Ética da solidariedade, nun mundo onde impera o “amigismo”. Traballa por un mundo onde collamos todos e todas!
7. Unha Ética comunitaria e fraterna. Colabora na construción dunha comunidade de persoas iguais, non clónicas!
8. Unha Ética da paz, inseparable da xustiza, nun mundo de violencia estrutural causada pola inxustiza do sistema: Se queres a paz, traballa pola paz e a xustiza.
9. Unha Ética da vida, de todas as vidas, a dos seres humanos e a da natureza; da vida dos pobres e oprimidos, que se ve constantemente ameazada.
10. Unha Ética da incompatibilidade entre Deus e o diñeiro, nun mundo onde se compaxina facilmente a fe en Deus e a adoración aos ídolos.Comparte os bens!
(Texto sobre unha idea de Koinonía)
CANTOS
ENTRADA:
Camiñando pola vida
Camiñando pola vida
LECTURAS:
Benaventurados
Benaventurados
OFERTORIO:
Grazas, Señor, graciñas
Grazas, Señor, graciñas
COMUÑÓN:
Acharte presente
Acharte presente
Comentarios
Publicar un comentario