13 ene. 2012

Misa en galego ciclo B - 2º Dom. Ordinario (15/1/12)

DOMINGO II  TEMPO ORDINARIO  - CICLO B

Primeira Lectura      1 Sam 3, 3b-10. 19
LECTURA DO PRIMEIRO LIBRO DE SAMUEL
Fala, Señor, que o teu servo escoita

            Naqueles días, Samuel estaba deitado no santuario do Señor, onde estaba a arca de Deus.
            O Señor chamou por Samuel e este respondeulle:
     ‑ Aquí estou.
     E, coa mesma, foi correndo onda Elí e díxolle:
     ‑ Aquí estou, pois chamaches por min.
     Elí díxolle:
     ‑ Eu non te chamei; vai e déitate.
     E Samuel volveu deitarse.
     O Señor chamou de segundas por Samuel.
     Samuel ergueuse e foi onda Elí, e díxolle:
     ‑ Aquí estou, pois chamaches por min.
     Elí respondeulle:
     ‑ Eu non te chamei, meu fillo; vai e déitate.
     Daquela Samuel non coñecía o Señor, pois a palabra do Señor aínda non se lle revelara.
     O Señor chamou por terceira vez a Samuel, quen se ergueu e foi onda Elí, e díxolle:
     ‑ Aquí estou, pois chamaches por min.
     Entón decatouse Elí de que era o Señor quen chamaba o rapaz, e díxolle a Samuel:
      ‑ Vai e déitate, e se te chama outra vez, dirás: "Fala, Señor, que o teu servo escoita".
     Samuel marchou e deitouse no seu sitio.
     O Señor presentouse e chamou coma as outras veces:
     ‑ Samuel, Samuel!
     E Samuel dixo:
     ‑ Fala, Señor, que o teu servo escoita.
            Samuel ía crecendo; o Señor estaba con el e non deixou sen cumprimento ningunha palabra súa.
                       
     Palabra do Señor                                    
     R/. Grazas a Deus

SALMO RESPONSORIAL        Sal 39, 2 e 4ab. 7-8a. 8b-9. 10

R/.  (8a e 9a):  Aquí veño, Señor, para facer a túa vontade.

Esperei arelante no Señor:
el volveu cara a min os seus ollos
e escoitou o meu lamento.
Púxome na boca un cantar novo,
un himno de loanza ao noso Deus.

Sacrificios e ofrendas non os queres,
pero formáchesme uns oídos.
Non pides holocaustos nin sacrificios de expiación;
entón eu digo: "Aquí veño".

No texto do libro está escrito de min
que debo facer a túa vontade.
Meu Deus, iso é o que eu quero,
e o teu mandato está no meu corazón.

Proclamei a túa xustiza diante da grande asemblea,
non pechei os meus labios: ben o sabes, Señor.


Segunda Lectura      1 Cor 6, I3c-I5a. I7-20
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS
Os vosos corpos son membros de Cristo

            Irmáns:
            O corpo non é para a fornicación, senón para o Señor; e o Señor é para o corpo. E Deus, que resucitou xa a Cristo, tamén nos ha resucitar a nós polo seu poder.
            Non sabedes que os vosos corpos son membros de Cristo? E quen se xunta ao Señor, é un mesmo espírito con El. Fuxide da impureza.
            Calquera pecado que o home poida cometer, cae fóra do corpo; pero quen comete impureza peca contra o seu propio corpo.
            Ou non sabedes que o voso corpo é templo do Espírito Santo que está en vós, que o recibistes de Deus e que polo tanto non sodes donos de vós?
            Porque, en verdade, compróusevos a bo prezo. Glorificade, polo tanto, a Deus co voso corpo.
                       
   Palabra do Señor                          
   R/. Grazas a Deus


ALELUIA  Xn 1, 41. 17b
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Encontramos o Mesías, que é Cristo,
por medio del déusenos a graza e a verdade.
Aleluia.

Evanxeo      Xn 1, 35-42
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Viron onde paraba e quedaron con el

            Naquel tempo, estaba Xoán con dous dos seus discípulos e, vendo a Xesús que camiñaba, dixo:
            ‑ Velaquí o Año de Deus.
            Cando os dous discípulos oíron o que el falara, fóronse detrás de Xesús. Volveuse Xesús e, vendo que eles o seguían, preguntoulles:
            ‑ Que buscades?
            Eles respondéronlle:
            ‑ "Rabbí" (que quere dicir "Mestre"), onde paras?
            El díxolles:
            ‑ Vide e veredes.
            E eles foron e viron onde paraba e quedaron con el aquel día. Era contra as catro da tarde.
            Un dos dous que escoitaron a Xoán e seguiron a Xesús era Andrés, o irmán de Simón Pedro. Vai e atopa primeiro a Simón, o seu propio irmán, e dille:
            ‑ Encontramos o Mesías (que quere dicir Cristo).
            E levouno onda Xesús. Ao velo, díxolle Xesús:
            ‑ Ti es Simón, o fillo de Xoán. Ti haste chamar Cefas (que quere dicir Pedro).

                                   Palabra do Señor                             
                                   R/. Loámoste, Cristo


DEUS FALA, PERO NÓS NON O DAMOS ESCOITADO
PÓRTICO
Como lle ocorreu a Samuel, tamén nós somos moitas veces incapaces de escoitar a voz de Deus. Unha voz que nos chega de moitas maneiras e xeitos; unha voz que non se pon afónica, ao contrario, segue permanentemente invitando, chamando, consolando... a quen precisa dela. A mágoa é que nós, precisando e moito desa voz esperanzada e clara, non acabamos de prestarlle a atención debida. Mesmo ás veces manifestamos que El deixou de falarnos, porque non damos percibido a súa voz. Non será que, atarefados como andamos en cousas menos importantes, queremos xustificarnos, cargando sobre El unha ausencia, que só indica que non foi El, senón nós os que nos temos apartado?. Rompamos, logo, este círculo vicioso, e dispoñámonos a escoitar a súa voz. Hoxe pode ser ese día.

PERDÓN
  • Cando falas, Señor, dámosche as costas porque a túa voz nos compromete e esixe, por iso dicímosche: SEÑOR, QUE DEIXEMOS RESOAR A TÚA VOZ EN NÓS.
  • Cando falas, Cristo, sempre nos invitas a escoitarte na capacidade que poñemos en estar preto dos irmáns que nos necesitan, por iso  suplicámoste: CRISTO, QUE DEIXEMOS RESOAR A TÚA VOZ EN NÓS.
  • Cando falas, Señor, sempre nos chamas a poñer o noso corazón en canto nos fai medrar como persoas e nos descubre que a solidariedade só se pode expresar desde o amor, por iso pedímosche: SEÑOR, QUE DEIXEMOS RESOAR A TÚA VOZ EN NÓS.

REMUÍÑO
ð        Estamos a vivir nun momento da historia no que sobran palabras e faltan silencios. Sobran palabras porque todo o mundo coida que ten algo que dicir, e para tal fin utiliza algún dos moitos medios ao seu alcance. Así, non é de estrañar que, dun ou doutro xeito, teñamos unha saturación de palabras, o que trae como consecuencia que non deixamos tempo para o silencio, a reflexión, o pensamento pausado que vai madurando no tempo e co tempo. Algo así lle pasaba tamén a Samuel. Entre tantas palabras non era capaz de distinguir a voz de Deus, por iso confundíaa con outras. Resultáballe descoñecida. Pero Deus, que non se rende facilmente, insiste unha e outra vez para que lle fagamos oco na nosa vida, para que lle prestemos atención á súa palabra, para que o descubramos no decorrer dos acontecementos de cada día. Deste xeito, aínda que tarde (cousa que a Deus, que ten unha perspectiva diferente á nosa, non lle importa), Samuel acaba escoitando e recoñecendo a súa voz. E unha vez recoñecida, e sabendo a fondura que esa voz achega, ábrese á confianza e deixase levar polo agarimo dunha palabra que ten a Deus como principio, acompañante e meta no camiño da vida. Por iso, cheo de confianza, responde: “fala, Señor, que o teu servo escoita”. Tamén hoxe, a cada un e cada unha de nós, Deus nos vai falando, vai dirixindo a súa voz, vai espallando o eco da súa palabra; pero moitas veces, como lle ocorría a Samuel, non somos capaces de distinguila, de escoitala, de recoñecela, porque a nosa atención está noutras palabras. Porén, El non cansa, como non cansou con Samuel, e segue a chamarnos, a facernos oír a súa voz. Oxalá nos esforcemos por recoñecela no medio do balbordo dun mundo cheo de voces, si; pero escaso de palabras que entusiasmen, enchan, alenten e aleden.
ð        A nosa resposta en positivo, libre e esperanzada abriranos á confianza da nosa relación con Deus. O “aquí estou, Señor” de cada un e cada unha de nós ha ser a esixencia de converter a nosa vida non na rutina do sucederse dos días, senón no esforzo por facer presente as actitudes que emanan desa palabra que chega a nós a través da voz do compromiso ético, da responsabilidade á hora de facer cousas a favor dos demais, da superación da tentación do individualismo e do derrotismo que afirman que o importante é un e que non se pode facer nada máis que pensar nun e no dun. O aquí estou de cada un e cada unha de nós pasa pola vida, polo que facemos, polo modo de facelo, pola dispoñibilidade cara aos demais, pola actitude positiva a pesar dos nubeiros e dificultades que seguimos atopando cada día. Porque, se non fose así, como nos poderiamos confesar crentes e afirmar a importancia e interioridade da fe na nosa vida?. Ter fe non é crer no que non vemos, senón actuar desde Aquel en quen que cremos.
ð        Entenderon moi ben isto os seu discípulos, e Xoán hoxe cóntanolo no Evanxeo. E entendérono porque descubriron canto lles achega e canto os enchía estar ao seu lado, por iso quedaron con El. Tamén nós podemos quedar con El, ou mellor, deixar que El quede connosco. Pero non vai depender tanto do que El faga –esta é a nosa percepción equivocada–, senón do que nós fagamos para que El quede. Unha vez máis, no respecto á nosa liberdade, de nós depende acollelo e deixar que nos acompañe no camiño que imos facendo. Pero para iso, antes é necesario atoparse con El. Fariamos o esforzo de buscalo?.


ORACIÓN DA COMUNIDADE
Acheguémonos á mesa do altar e poñamos enriba dela as nosas ledicias e tamén as nosas dificultades, para que o Señor nos acompañe e alente neste noso percorrido pola vida. Digamos xuntos:
FALA, SEÑOR, QUE TE ESCOITAMOS
*       Pola Igrexa, por cada un e cada unha de nós, para que descubramos que quen non é capaz de liberarse de todo apego, de toda comodidade, de todo prexuízo, de toda riqueza, de toda vontade de dominio, está afogando a voz de Deus na súa vida, OREMOS.
FALA, SEÑOR, QUE TE ESCOITAMOS
*       Nas dificultades que xera unha sociedade que se empeña en crecer esquecendo as persoas e primando o materialismo dos resultados, queremos, Señor, ser unha Igrexa solidaria, fraterna e sinxela. OREMOS.
FALA, SEÑOR, QUE TE ESCOITAMOS
*       No desacougo que nos produce unha empresa que pecha, unha familia onde todos están no paro, moitas persoas ás que non se lles abren as portas, que saibamos ser, Señor, parroquia unida, solidaria e acolledora, OREMOS.
FALA, SEÑOR, QUE TE ESCOITAMOS
*       No día que a Igrexa dedica ás Migracións, pedimos por todas as persoas que veñen doutros países, continentes e culturas, para que esteamos sempre dispostos a abrirlles as nosas portas e saír ao seu encontro, OREMOS.
FALA, SEÑOR, QUE TE ESCOITAMOS
*       Por todos e todas nós, para que na nosa vida busquemos tempiños de oración e interiorización dunha Palabra que nos chama a dar testemuño esperanzado, sen medo nin vergoña, dunha fe comprometida, solidaria e profética, que non xustifique inxustizas, silencios cómplices, explotación ou discriminacións de calquera xeito, OREMOS.
FALA, SEÑOR, QUE TE ESCOITAMOS
Que o teu agarimo, Señor, nos acompañe no camiñar cotián, para que saibamos escoitarte a través da contemplación do mundo que puxeches nas nosas mans. P.X.N.S. Amén.


PARA A REFLEXIÓN
Niso de buscar escusas
son, Señor, especialista.
Diante da urxencia dunha resposta
atopo sempre argumentos
para non dar golpe.
Pero Ti disme: vén e verás.

Asegúroche, Señor,
que miro, vexo e respondo
segundo a miña comenencia.
Moitos días vexo e non miro nada.
Estou durmido diante das persoas marxinadas
e feridas do noso mundo,
e creo que aquí non pasa nada.
Outros días vexo dobre
e atopo unha inxustiza a cada paso.
Penso que isto non ten arranxo
e digo: nada se pode facer.
Pero Ti disme: vén e verás.

E cando me poño mans á obra
son moitas as persoas que afirman
que iso non vai con nós,
que o noso é outra cousa,
que non debemos facer política
nin espertar a quen durme debaixo da figueira.
Pero Ti disme: vén e verás.

E eu, confiando en Ti,
agarro forte da túa man
e déixome arrolar pola túa voz
que, paseniñamente, como un murmurio,
me canta:
Vén, vén e verás.

CANTOS
  • ENTRADA: Vinde axiña
  • LECTURAS: Escoita ti
  • OFERTORIO: Sede o sal
  • COMUÑÓN: Seguirei os teus pasos
 POWER POINT 



No hay comentarios:

Publicar un comentario