Viñemos de oriente adorar o rei - Mt. 2


EU OFRÉZOLLE AO NENIÑO

Eu ofrézolle ao Neniño,
por non ser menos cós Magos,
o meu corazón buscador
de Deus nos rostros humanos.

Eu ofrézolle tamén,
por non ser cós Magos menos,
a promesa de servilo
nas vidas dos máis pequenos.

Eu ofrézolle ao neniño
por non ser tal coma Herodes
renunciar ás falsidades
que tanto a vida nos roen.

Eu ofrézolle ó Neniño
coma Herodes por non ser,
as ganas de compartir
o meu poder e saber.

Eu ofrézolle ó Neniño
que a estrela veu mostrar
ser un chisquiño de luz
que a outros poida guiar.

Eu ofrézolle ó Neniño
que a estrela amosar veu
andar polo seu camiño
ata que o vexa no ceo.

Eu ofrézolle ó Neniño
que naceu traendo paz,
paz para o Terceiro Mundo
feita de xustiza e pan.

Eu ofrézolle ó Neniño
que traendo paz naceu
toda a loita dos pobres
para teren vida de seu.

Comentarios

Publicacións populares