Misa en galego ciclo B - 3º Dom. Ordinario (22/1/12)
3º DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO - CICLO B
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA XONÁS
Convertéronse os ninivitas da súa mala vida
Veulle de segunda vez a palabra do Señor a Xonás:
‑ Érguete, vai a Nínive, a gran cidade, e proclámalle a mensaxe que eu che dei.
Xonás ergueuse e marchou a Nínive, conforme á palabra do Señor. Nínive era unha cidade enormemente grande, de tres días para atravesala.
Xonás comezou a entrar na cidade o camiño dun día e predicaba así:
‑ Dentro de corenta días Nínive será destruída.
Os homes de Nínive creron en Deus e proclamaron o xaxún. Vestíronse de saco desde o máis grande ao máis pequeno.
Viu Deus as súas obras, como se convertían do seu mal camiño, e arrepentiuse do mal que dixera que lles ía facer, e non llelo fixo.
Palabra do Señor
R/. Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 24, 4bc-5ab. 6-7bc. 8-9
R/. (4a): Amósame, Señor, os teus camiños.
Amósame, Señor, os teus camiños,
ensíname os teus sendeiros,
diríxeme na túa verdade, apréndeme,
que ti es o meu Deus salvador:
todo o día te estou a esperar.
Lémbrate, Señor, da túa compaixón e da túa misericordia,
pois existen desde sempre.
Dos erros e das culpas da miña mocidade non te lembres:
acórdate de min segundo a túa misericordia,
pola túa bondade, Señor.
O Señor é bo e recto:
por iso lles ensina o camiño aos pecadores;
El dirixe na xustiza os humildes,
e amósalles o seu camiño aos pobres.
Segunda Lectura 1 Cor 7, 29-31
LECTURA DA 1ª CARTA DO APÓSTOLO S.PAULO AOS CORINTIOS
Pasou a configuración deste mundo
O que vos digo, irmáns, é que o tempo é contado. O que importa, é que os que teñen muller vivan coma se non a tivesen; os que choran, coma se non chorasen; os que están alegres coma se non se alegrasen; os que comercian, coma se non tivesen nada; os que gozan no mundo, coma se non gozasen.
Porque o mundo, na súa configuración actual, está a pasar.
Palabra do Señor
R/. Grazas a Deus
Se non se canta, pódese omitir
Aleluia, aleluia.
Chega o Reino de Deus;
convertédevos e crede no Evanxeo.
Aleluia.
Evanxeo Mc 1, 14-20
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Facede penitencia e crede no Evanxeo
Cando prenderon a Xoán, marchou Xesús a Galilea e anunciaba o Evanxeo de Deus, dicindo:
‑ O tempo está cumprido e chega o Reino de Deus; convertédevos e crede no Evanxeo.
Camiñando pola ribeira do mar de Galilea, viu a Simón e mais a Andrés, o irmán de Simón, que estaban largando o aparello no mar, pois eran pescadores. Díxolles Xesús:
‑ Vinde comigo, e fareivos pescadores de homes.
Eles deixaron de contado as redes e seguírono.
Un pouco máis adiante viu a Santiago, o fillo de Zebedeo, e mais a Xoán, seu irmán; tamén eles estaban na barca arranxando as redes. E de seguida os chamou.
Eles deixaron a seu pai, Zebedeo, na barca cos xornaleiros, e marcharon con el.
Palabra do Señor
R/. Loámoste, Cristo
SOMOS PERSOAS VOCACIONADAS: XUNTÉMONOS E VAIAMOS
PÓRTICO
Hoxe, a nosa celebración ten como eixo fundamental o da vocación. Podemos dicir, sen medo a equivocármonos, que a presenza de Xesús, a forza da súa palabra, a orixinalidade dos seus comportamentos, o atractivo de toda a súa persoa, foi facendo que houbese xente contemporánea súa, que decidise seguilo no que facía e dicía. Hoxe, vinte séculos despois, cabería preguntármonos se nós tamén o seguimos polo que nos aporta ou se estamos diante dun seguimento simplemente costumista, sen ningún peso na nosa vida.
Porque, certamente, con algúns dos seus discípulos e discípulas, Xesús recorreu vilas e aldeas de Galilea, anunciándolle á xente un xeito novo de entender a Deus e de facer vida en comunidade. Pero onte, coma hoxe, non se trata só de falar: hai que achegarse á xente do pobo, principalmente a aquela que ten a vida máis ameazada e diminuída por pobrezas, enfermidades, marxinacións, desesperanzas ou depresións. A comunidade nova de Xesús é unha comunidade de xente vocacionada para facerlle a vida máis agradable aos demais.
Que a celebración que agora comezamos nos axude a vivir esta vocación ao servizo desde a diversidade de dons e carismas.
O PERDÓN
« Porque son demasiadas as veces nas que carecemos de iniciativa, ilusión e imaxinación á hora de botar as redes, caendo na imposición e na vulgaridade,
SEÑOR, QUE VIVAMOS A NOSA VOCACIÓN CRISTIÁ.
SEÑOR, QUE VIVAMOS A NOSA VOCACIÓN CRISTIÁ.
« Porque moitas veces o noso individualismo, a nosa autosuficiencia e o noso afán de protagonismo fan que se rompa a unidade nas nosas familias, nas nosas comunidades, cos nosos veciños,
CRISTO, QUE VIVAMOS A NOSA VOCACIÓN CRISTIÁ.
CRISTO, QUE VIVAMOS A NOSA VOCACIÓN CRISTIÁ.
« Porque son moitas as cousas que na nosa vida nos atan e escravizan, impedíndonos dar pasos cara adiante no teu seguimento,
SEÑOR, QUE VIVAMOS A NOSA VOCACIÓN CRISTIÁ.
SEÑOR, QUE VIVAMOS A NOSA VOCACIÓN CRISTIÁ.
REMUÍÑO



ORACIÓN DA COMUNIDADE
Cando Xesús chama, faino para que sexamos felices. Poñamos entón a nosa vida nas súas mans, para que a alente e a acompañe, e digámoslle:
QUE CAMIÑEMOS NA UNIDADE

QUE CAMIÑEMOS NA UNIDADE

QUE CAMIÑEMOS NA UNIDADE

QUE CAMIÑEMOS NA UNIDADE
Grazas, Señor, por descubrirnos que construír o teu Reino é empeñarse en mellorar as cousas, e facer do lugar onde esteamos a casa de todos. P.X.N.S. Amén.
PARA A REFLEXIÓN
Señor, ti chamas por min
e eu teño medo a dicirche que si.
Búscasme, e eu intento esquivarte;
insistes, e calo;
achégaste, e resístome;
e así non acabo de entender que desexas de min.
Ti esperas de min unha entrega sen reservas,
chea de ilusión e de xenerosidade.
Eu, ás veces, estou disposto a realizala...
pero as mais das veces,
cando me dou conta do que teño que sacrificar,
de que teño que nadar contracorrente,
de que teño que renunciar ás miñas seguridades,
dubido, desconfío, plántome.
Señor, sufro na ansia, combato na noite.
Ás veces dubido; outras, quero.
Son así, Señor.
Ti sábelo.
Dáme forzas para non rexeitarte.
Ilumíname na vocación á que Ti me chamas.
Estou disposto, Señor.
Oriéntame e guíame.
CANTOS
· ENTRADA: Amigos nas penas
· LECTURAS: Amósame, Señor, os teus camiños
· OFERTORIO: Canta o sol, canta o mar
Comentarios
Publicar un comentario