FICHA E LECTIO: Domingo 6 de Pascua - ciclo B
FICHAS ANTERIORES: FICHA 1 / FICHA 2
LECTIO:
Só
amar
(9.V.1921)
No
texto do evanxeo de hoxe, mais tamén na súa Primeira Carta (a da segunda
Lectura), amósasenos Xoán como un autor denso, fondo, que vai ó cerne dos
problemas. Alén da descrición dos acontecementos ocorridos en relación con
Xesús, a el gústalle profundar, reflexionar e sintetizar. Poderiamos dicir que
procede xa en certo modo coma un teólogo sistemático de tempos posteriores. Por
iso Xoán é simbolizado tradicionalmente en forma de aguia, pois á aguia
gústalle voar a gran altura e ten ademais visión aguda e penetrante.
Disto
dános el boa proba cando nos fala hoxe do amor: da súa centralidade na mensaxe
cristiá. Empregamos tantas veces esa palabra que ás veces pode ela converterse
en moeda gastada. E non debería ser así. Porque en realidade sen amor non pode
vivir ninguén. Cal é, pois, a orixe do amor para Xoán?
Nesta
primeira carta de Xoán dísenos que “o amor vén de Deus”; aínda máis, que “Deus
é amor”. Isto tanto para Xoán como para calquera cristián é algo moi claro,
porque a única maneira de sabermos como é Deus é vendo como se comporta o seu
fillo unixénito. Este dixera de si mesmo: “Quen me ve a min, ve o Pai”, é
dicir, ve a Deus. Pois ben, a experiencia que van tendo os apóstolos e
discípulos de Xesús con el é a de alguén que os estima e quere de verdade, que
os desculpa, que os perdoa, que dá a súa vida por todos e que resucita
garantíndonos vida e resurrección.
Os
discípulos de Xesús van aprendendo así a veren a Deus como alguén que, sobre
todo, ama sen límites. De cando en vez lémbrovos, para que non o deades a
esquecemento, que Deus é trindade de persoas que se aman: Deus-Pai, Deus-Fillo
e Deus-Espírito. Pero isto non pode converterse en algo abstracto ou baleiro,
nunha especie de invento ou entretemento para teólogos especulativos. A
Trindade de Deus é a conclusión á que xa chega a primeira reflexión cristiá
cando os seguidores de Xesús se van dando conta de que el fala de si mesmo como
Fillo, como o Fillo único e infinitamente querido de Deus-Pai. Pola súa parte,
Xesús enténdese a si mesmo como a imaxe perfecta do Pai, como manifestación
divina do mesmo Pai. De modo que en Deus hai polo menos, para dicilo dalgunha
maneira, unha dualidade de persoas: o Pai e o Fillo. E esta dualidade
converterase en trindade cando Xesús nos fale de que el e mailo Pai nos van
mandar aínda un terceiro, que nos encherá de consolación e que estará sempre
connosco, alegrándonos e amándonos como presenza viva en nós do Pai e do Fillo.
É a persoa divina que chamamos Espírito Santo.
Deus
vén sendo, así pois, como un círculo de amor e nese ámbito de amor quere que
entremos tamén nós, aínda que Deus se bastaría plenamente a si mesmo sen que
nós entrásemos nel. Mais des que Deus desde sempre decidiu irmandarse coa
humanidade toda no seu Fillo Xesús, pertencemos todos a esta atmosfera de amor
da Trindade de Deus, que vén sendo algo así como o aire que respiramos. Se nos
fallase ese aire non poderiamos seguir vivindo. Por iso cando unha persoa sente
que non é querida, que non é amada, deixa case automaticamente de querer seguir
vivindo.
Volvendo
ó texto de Xoán e tendo en conta que nos discípulos de Xesús estamos presentes
en certo modo todos nós, póñense en boca de Xesús estas palabras: “Como me amou
o Pai, así vos amei eu”. O comportamento de Xesús connosco non fai senón
prolongar ou repetir o amor que Deus-Pai lle ten a el. Deste modo, en Xesús e
con el somos todos queridos infinitamente por Deus-Pai. Isto é algo que supera
a nosa comprensión, porque en principio semella imposíbel que Deus nos poida
querer tanto.
Velaquí
vedes por que ten tanta importancia o de amármonos mutuamente. Ata tal punto
que se converte no verdadeiro e único mandamento que nos dá Xesús: “Este é o
meu mandamento: que vos amedes uns a outros como eu vos amei”. Repítese aínda o
mesmo pouco despois: “Mándovos isto: que vos amedes uns a outros”.
Xa
que logo, se queremos ser verdadeiros discípulos de Xesús e “cristiáns” de
verdade, non nos vale en modo algún presumir de cousas como estas: eu sonche
moi relixioso, moi amante de Deus, rezo moitísimo, eu cumpro con tódalas
normas, eu son moi obediente, etc., etc. Todo isto está moi ben, mais mentres
non poidamos con verdade dicir “eu quero ben a todos, eu amo a todos, eu son
amigo verdadeiro de todos”, nada do anterior nos será de proveito. Pois xa
sabedes ben aquilo que escribía o santo carmelita de Ávila Xoán da Cruz: “ó
atardecer da vida examinarante do amor”. Examinaranme, polo tanto, sobre se
arredor de min fun creando na vida un círculo de “servos”, aduladores e
dependentes, e non en troques –como debería ter sido- un círculo de “amigos” de verdade, libres e
independentes, tal e como fixo Xesús cos seus apóstolos e discípulos ós que
lles dicía: “Xa non vos chamo servos... A vós trateivos de amigos”.
A
verdade é que non se entende moi ben como se nos fai tan custosa e complicada
unha cousa que en principio semellaría fermosa e doada. Porque quen ama recibe
normalmente tamén amor e séntese polo tanto querido e feliz. Por iso, cando se nos
fala aquí deste “mandamento” de amármonos uns a outros, engádese aínda:
“Díxenvos estas cousas para que a miña alegría estea en vós, e a vosa alegría
sexa plena”.
Non
o dubidemos. Quen ama fai felices os que ama e é feliz tamén el mesmo. Nun
fermoso libriño de “Conversas” co P. Seixas (que tantas veces presidiu nesta
igrexa a eucaristía) preguntáballe o entrevistador por que todos lle querían ben. E el contestaba: “É
certo que teño moitos amigos e moita xente marabillosa que demostra terme
estima... O ter capacidade de amar os demais, incluso sensiblemente...
repercute nunhas boas relacións... Eu sempre procuro tratar ben a xente, con
agarimo e, polo xeral, son ben correspondido. Esta é unha faceta da miña vida
da que estou plenamente satisfeito, sempre tiven moitos e moi bos amigos”.
Que
bo sería se puidésemos, todos e cada un de nós, dicir algo semellante sobre nós
mesmos!
Manuel
Cabada Castro
VER TAMÉN:
Comentarios
Publicar un comentario