FICHA E LECTIO: Pentecostés ciclo B

 FICHAS ANTERIORES: FICHA 1 / FICHA 2


LECTIO:

Linguas inflamadas

(23.V.2021)


            Pentecoste é o nome de orixe grega da festividade da vinda do Espírito Santo onda nós. Fai referencia ós “cincuenta” días de despois da Resurrección do Señor. Un número de días que non se ha entender literalmente senón de maneira simbólica. Día emocionante, grandioso, este da vinda do Espírito Santo onda nós, para se facer presente en cada un de nós, mulleres e homes do mundo enteiro de hoxe, mais tamén de tódalas épocas anteriores e das vindeiras.       

            A festa de Pentecoste está en paralelismo e, ó tempo, á maneira de contrapunto coa festa da Ascensión do Señor que celebrabamos o domingo pasado. Aledabámonos entón e dabámoslle grazas a Deus Pai polo ascenso glorioso de Xesús ós ceos despois da súa Resurrección. Coa Ascensión de Xesús estaba para sempre sinalado o camiño e construída a ponte (pra dicilo dalgunha maneira) entre a terra e o ceo, para acadarmos así vida e felicidade definitivas.     

            Hoxe, nesta festa do Espírito Santo, o que ocorre non é unha vez máis un “ascenso”, unha “Ascensión”, senón, máis ben ó revés, un “descenso”, unha vinda onda nós do Espírito Santo. Por mediación de Xesús ascendido ós “ceos”, é dicir, ascendido a esa nova situación gloriosa de Xesús, anticipo da que será a nosa, baixa o “Espírito” de Deus onda nós. Un “Espírito” que fica xa para sempre onda nós. O Espírito de Deus veu onda nós, está connosco e estarao sempre. A súa vinda non ten data de caducidade. Veu pra se quedar connosco. De modo que se é verdade que Xesús ascendeu ós ceos, non hai unha ascensión do Espírito Santo ó ceo, posterior á súa vinda onda nós. El mantense no interior do corazón de cada un de nós e nel quere permanecer como en casa propia.

            Por iso non semella estritamente moi cristián esa especie de sentimento de saudade ou morriña ante a Ascensión de Xesús ós ceos, tal como se expresaba, por exemplo, Frei Luis de León no seu famoso poema, que, traducido ó galego, comeza así:  “E deixas, Pastor Santo, / a túa xente no val fondo, escuro, / en soidade e mais pranto, / e vas rompendo o puro / ar, que conduce ó teu porto seguro?”. Pois a vinda,  o “descenso” do Espírito Santo onda nós liberounos máis ben de calquera morriña, enchendo plenamente calquera posíbel ou imaxinábel baleiro do Deus manifestado en Xesús. Porque o Espírito Santo vén sendo como a presenza de Deus entre nós alén do tempo histórico en que Xesús estivo connosco.

            Precisamente por iso, é dicir, grazas á vinda do Espírito Santo, enviado onda nós polo Pai e polo Fillo, podía dicir Xesús, a pesar da súa marcha, a pesar da súa “Ascensión”, que el mesmo “estará sempre connosco ata a fin do mundo”. Se Xesús é a imaxe, o retrato vivo de Deus Pai, o Espírito Santo é pola súa parte a presenza viva e actuante de Xesús, ascendido ós ceos, en tódalas persoas de boa vontade deste noso mundo deica a fin dos tempos.

            Nos Feitos dos Apóstolos, o Espírito de Deus énos presentado, na súa vinda onda nós, como “ruído dun forte golpe de vento” que o enche todo e como “linguas de lume” que se pousan sobre cada un dos presentes. Ocorre aquí unha transformación fonda dos apóstolos, que os fai sentirse a si mesmos “cheos do Espírito Santo”. De tal maneira que son quen de se daren a entender por cantos os escoitan. Dísenos alí que todos os comprendían perfectamente, coma se falasen na súa propia lingua, sendo así que de feito os que os escoitaban eran de moi diferentes linguas e nacións.

            Pois ben, tanto nos comezos do espallamento da boa nova de Xesús coma nos tempos de hoxe e de mañá o que nos fai moita falla a todos é ese “enchérmonos do Espírito Santo”, tal como ocorreu na primeira Pentecoste. Ese sentirmos en nós a presenza viva do Espírito Santo, que nos dá vigor e azos para anunciarmos a mensaxe de Xesús con liberdade, alegría e agradecemento. Coas palabras, e mellor aínda cos feitos, porque, no fin de contas, as palabras sen feitos nin teñen sentido nin capacidade de convicción.

            De que falaban os apóstolos, transformados en si mesmos pola presenza neles do Espírito Santo? Dinnos os Feitos dos Apóstolos que falaban “das grandezas de Deus”. Eles sentían en si mesmos o “grande” que era ese Deus que se nos dera a si mesmo no seu Fillo Xesús e que agora se facía presente coa forza e o poder transformador do Espírito.

            Por iso é hoxe sobre todo un día no que deberiamos repetir, no interior de cada un de nós e ó longo da eucaristía, aquela petición que a “Secuencia” formula deste xeito: “Ven, Espírito divino..., Ven, hóspede desexado... Entra ata o fondo da alma, divina luz, e enriquécenos... Ven, Espírito Santo, enche o corazón dos teus fieis...”

            Teriamos que concienciarnos de que este Deus que se nos comunica no Espírito Santo e que está na mesma orixe da igrexa é un Deus impetuoso e forte, como sería forte e impetuoso un vento que fose quen de derrubar rexos carballos ou castiñeiros. Un Deus libre e que ama a liberdade. Un Deus que se comunica e que se fai comprender en calquera lingua e cultura. Un Deus que non se ata a límites, prescricións ou ritos concretos. Porque a súa “grandeza” (esa da que lles falaban os apóstolos ós alí presentes) é unha grandeza divina.

            Sobre esta festa de Pentecoste lin nalgún sitio o seguinte co que concordo: “Na Igrexa somos moi pouco devotos do Espírito Santo. Porén, só no Espírito somos os cristiáns capaces das cousas que no noso falar e no noso obrar nos distinguen como cristiáns. Sen o Espírito nin seriamos adoradores do Pai, nin seguidores de Xesús, nin servidores dos pobres. Non seriamos nada”.

            Pois ben, para nos convertermos en fervorosos devotos deste Espírito de Deus, mergullándonos nel e concienciándonos así da súa presenza agarimosa en nós, pidámoslle cada un de nós a el mesmo que nos mande a súa luz, utilizando as palabras do comezo da “Secuencia” deste día: “Ven, Espírito divino, manda a túa luz do ceo”.

 

Manuel Cabada Castro


VER TAMÉN:

https://www.gruposdejesus.com/pentecostes-b-xoan-2019-23-2/




Comentarios

Publicacións populares