MOTU PROPRIO "ANTIQUUM MINISTERIUM"

CARTA APOSTÓLICA

EN FORMA DE «MOTU PROPRIO»

 

ANTIQUUM MINISTERIUM

 

DO SUMO PONTÍFICE

FRANCISCO

COA QUE SE INSTITÚE

O MINISTERIO DE CATEQUISTA


FOTO TOMADA DE: https://www.vaticannews.va/   

 

1. O ministerio de Catequista na Igrexa é moi antigo. Entre os teólogos é opinión común que os primeiros exemplos atópanse xa nos escritos do Novo Testamento. O servizo do ensino atopa a súa primeira forma xerminal nos “mestres”, aos que o Apóstolo fai referencia ao escribir á comunidade de Corinto: « Na Igrexa dispuxo Deus primeiro apóstolos, logo profetas, en terceiro lugar mestres. Despois os que teñen poder de facer milagres; finalmente os que teñen don de curacións, de asistencia, de goberno, de falar distintas linguas. Ou é que todos son apóstolos? Todos son profetas? Todos son mestres? Todos fan milagres? Todos teñen o don de curar? Todos falan en moitas linguas? Todos saben interpretar? De todos modos, cobizade os carismas mellores. Pero, ademais aínda vos vou mostrar o camiño por excelencia.» (1 Co 12,28-31).

O mesmo Lucas ao comezo do seu Evanxeo afirma: « Decidín eu tamén, despois de me informar con tino desde as orixes, escribirchos ordenadamente para ti, ilustre Teófilo, a fin de que coñezas ben a firmeza das ensinanzas nas que te instruíron.» (1,3-4). O evanxelista parece ser moi consciente de que cos seus escritos está a proporcionar unha forma específica de ensino que permite dar solidez e forza a cuantos xa recibiron o Bautismo. O apóstolo Paulo volve tratar o tema cando recomenda aos Gálatas: «Cando un vaia á doutrina onda outro, faga parceiro dos seus bens ao que lla ensina.» (6,6). O texto, como se constata, engade unha peculiaridade fundamental: a comuñón de vida como unha característica da fecundidade da verdadeira catequese recibida.

 

2. Desde as súas orixes, a comunidade cristiá experimentou unha ampla forma de ministerialidade que se concretou no servizo de homes e mulleres que, obedientes á acción do Espírito Santo, dedicaron a súa vida á edificación da Igrexa. Os carismas, que o Espírito nunca deixou de infundir nos bautizados, atoparon nalgúns momentos unha forma visible e tanxible de servizo directo á comunidade cristiá en múltiples expresións, ata o punto de ser recoñecidos como unha diaconía indispensable para a comunidade. O apóstolo Paulo faise intérprete autorizado disto cando testemuña: « Hai diversidade de dons, pero un mesmo Espírito.  Hai diversidade de servizos, pero un mesmo Señor. Hai diversidade de realizacións, pero un mesmo Deus, que é quen realiza todo en todos. A cadaquén dáselle a manifestación do Espírito para o ben común. A un o Espírito dálle palabra de sabedoría; a outro dálle palabra de ciencia o mesmo Espírito; a aqueloutro o mesmo Espírito concédelle fe. A un este mesmo Espírito dálle o don de curacións; a outro, o don de facer milagres; a outro, o don da profecía; a outro, discernimento de espíritos. A un, don de falar distintas linguas; a outro, o saber interpretar esas linguas. Pero todo isto é un e o mesmo Espírito quen o realiza, repartindo a cada un en particular, como a El lle parece.» (1 Co 12,4-11).

Por tanto, dentro da gran tradición carismática do Novo Testamento, é posible recoñecer a presenza activa de bautizados que exerceron o ministerio de transmitir de forma máis orgánica, permanente e vinculada ás diferentes circunstancias da vida, o ensino dos apóstolos e os evanxelistas (cf. Conc. Ecum. Vat. II, Const. dogm. Dei Verbum, 8). A Igrexa quixo recoñecer este servizo como unha expresión concreta do carisma persoal que favoreceu grandemente o exercicio da súa misión evanxelizadora. Unha mirada á vida das primeiras comunidades cristiás que se comprometeron na difusión e o desenvolvemento do Evanxeo, tamén hoxe insta á Igrexa a comprender cales poidan ser as novas expresións coas que continúe sendo fiel á Palabra do Señor para facer chegar o seu Evanxeo a toda criatura.

 

3. Toda a historia da evanxelización destes dous milenios mostra con gran evidencia o eficaz que foi a misión dos catequistas. Bispos, sacerdotes e diáconos, xunto con tantos consagrados, homes e mulleres, dedicaron a súa vida ao ensino catequética a fin de que a fe fose un apoio válido para a existencia persoal de cada ser humano. Algúns, ademais, reuniron ao redor de si a outros irmáns e irmás que, compartindo o mesmo carisma, constituíron Ordes relixiosas dedicadas completamente ao servizo da catequese.

Non se pode esquecer aos innumerables laicos e laicas que participaron directamente na difusión do Evanxeo a través do ensino catequístico. Homes e mulleres animados por unha gran fe e auténticas testemuñas de santidade que, nalgúns casos, foron ademais fundadores de Igrexas e chegaron mesmo a dar a súa vida. Tamén nos nosos días, moitos catequistas capaces e constantes están á fronte de comunidades en diversas rexións e desempeñan unha misión insubstituíble na transmisión e afondamento da fe. A longa lista de beatos, santos e mártires catequistas marcou a misión da Igrexa, que merece ser coñecida porque constitúe unha fonte fecunda non só para a catequese, senón para toda a historia da espiritualidade cristiá.

 

4. A partir do Concilio Ecuménico Vaticano II, a Igrexa percibiu con renovada conciencia a importancia do compromiso do laicado na obra da evanxelización. Os Pais conciliares subliñaron repetidamente que necesaria é a implicación directa dos fieis laicos, segundo as diversas formas en que pode expresarse o seu carisma, para a “plantatio Ecclesiae” e o desenvolvemento da comunidade cristiá. «Digna de encomio é tamén esa lexión tan benemérita da obra das misións entre os xentís, é dicir, os catequistas, homes e mulleres, que cheos de espírito apostólico, prestan con grandes sacrificios unha axuda singular e enteiramente necesaria para a propagación da fe e da Igrexa. Nos nosos días, o oficio dos Catequistas ten unha importancia extraordinaria porque resultan escasos os cregos para evanxelizar tantas multitudes e para exercer o ministerio pastoral» (Conc. Ecum. Vat. II, Decr. Ad xentes, 17).

Xunto ao rico ensino conciliar, é necesario referirse ao constante interese dos Sumos Pontífices, do Sínodo dos Bispos, das Conferencias Episcopais e dos distintos Pastores que no transcurso destas décadas impulsaron unha notable renovación da catequese. O Catecismo da Igrexa católica, a Exhortación apostólica Catechesi tradendae, o Directorio Catequístico Xeneral, o Directorio Xeral para a Catequese, o recente Directorio para a Catequese, así como tantos Catecismos nacionais, rexionais e diocesanos, son expresión do valor central da obra catequística que pon en primeiro plano a instrución e a formación permanente dos crentes.

 

5. Sen ningún menoscabo á misión propia do Bispo, que é a de ser o primeiro catequista na súa Diocese xunto ao presbiterio, co que comparte a mesma cura pastoral, e á particular responsabilidade dos pais respecto da formación cristiá dos seus fillos (cf. CIC c. 774 §2; CCEO c. 618), é necesario recoñecer a presenza de laicos e laicas que, en virtude do propio bautismo, se senten chamados a colaborar no servizo da catequese (cf. CIC c. 225; CCEO cc. 401. 406). Nos nosos días, esta presenza é aínda máis urxente debido á renovada conciencia da evanxelización no mundo contemporáneo (cf. Exhort. ap. Evangelii gaudium, 163-168), e á imposición dunha cultura globalizada (cf. Carta enc. Fratelli tutti, 100. 138), que reclama un auténtico encontro coas novas xeracións, sen esquecer a esixencia de metodoloxías e instrumentos creativos que fagan coherente o anuncio do Evanxeo coa transformación misioneira que a Igrexa emprendeu. Fidelidade ao pasado e responsabilidade polo presente son as condicións indispensables para que a Igrexa poida levar a cabo a súa misión no mundo.

Espertar o entusiasmo persoal de cada bautizado e reavivar a conciencia de estar chamado a realizar a propia misión na comunidade, require escoitar a voz do Espírito que nunca deixa de estar presente de maneira fecunda (cf. CIC c. 774 §1; CCEO c. 617). O Espírito chama tamén hoxe a homes e mulleres para que saian ao encontro de todos os que esperan coñecer a beleza, a bondade e a verdade da fe cristiá. É tarefa dos Pastores apoiar este itinerario e enriquecer a vida da comunidade cristiá co recoñecemento de ministerios laicais capaces de contribuír á transformación da sociedade mediante «a penetración dos valores cristiáns no mundo social, político e económico» (Evangelii gaudium, 102).

 

6. O apostolado laical posúe un valor secular indiscutible, que pide «tratar de obter o reino de Deus xestionando os asuntos temporais e ordenándoos segundo Deus» (Conc. Ecum. Vat. II, Const. dogm. Lumen gentium, 31). A súa vida cotiá está entrelazada con vínculos e relacións familiares e sociais que permiten verificar até que punto «están especialmente chamados a facer presente e operante á Igrexa naqueles lugares e circunstancias en que só pode chegar a ser sal da terra a través de eles» (Lumen gentium, 33). Con todo, é bo lembrar que ademais deste apostolado «os laicos tamén poden ser chamados de diversos modos a unha colaboración máis inmediata co apostolado da Xerarquía, do mesmo xeito que aqueles homes e mulleres que axudaban ao apóstolo Paulo na evanxelización, traballando moito polo Señor» (Lumen gentium, 33).

A particular función desempeñada polo Catequista, en todo caso, especifícase dentro doutros servizos presentes na comunidade cristiá. O Catequista, en efecto, está chamado en primeiro lugar a manifestar a súa competencia no servizo pastoral da transmisión da fe, que se desenvolve nas súas diversas etapas: desde o primeiro anuncio que introduce ao querigma, pasando polo ensino que fai tomar conciencia da nova vida en Cristo e prepara en particular aos sacramentos da iniciación cristiá, ata a formación permanente que permite a cada bautizado estar sempre disposto a «responder a todo aquel que vos pida razón da esperanza que levades dentro» (1 P 3,15). O Catequista é ao mesmo tempo testemuña da fe, mestre e mistagogo, acompañante e pedagogo que ensina en nome da Igrexa. Unha identidade que só pode desenvolverse con coherencia e responsabilidade mediante a oración, o estudo e a participación directa na vida da comunidade (cf. Pontificio Consello para a Promoción da Nova Evanxelización, Directorio para a Catequese, 113).

 

7. Con clarividencia, san Paulo VI promulgou a Carta apostólica Ministeria quaedam coa intención non só de adaptar os ministerios de Lector e de Acólito ao novo momento histórico (cf. Carta ap. Spiritus Domini), senón tamén para instar as Conferencias Episcopais a ser promotoras doutros ministerios, incluído o de Catequista: «Ademais dos ministerios comúns a toda a Igrexa Latina, nada impide que as Conferencias Episcopais pidan á Sede Apostólica a institución doutros que por razóns particulares crean necesarios ou moi útiles na propia rexión. Entre estes están, por exemplo, o oficio de Ostiario, de Exorcista e de Catequista». A mesma premente invitación reapareceu na Exhortación apostólica Evangelii nuntiandi cando, pedindo saber ler as esixencias actuais da comunidade cristiá en fiel continuidade coas orixes, exhortaba a atopar novas formas ministeriais para unha pastoral renovada: «Tales ministerios, novos en aparencia pero moi vinculados a experiencias vividas pola Igrexa ao longo da súa existencia -por exemplo, o de catequista […]-, son preciosos para a implantación, a vida e o crecemento da Igrexa e para a súa capacidade de irradiarse ao redor dela e cara aos que están lonxe» (San Paulo VI, Exhort. ap. Evangelii nuntiandi, 73).

Non se pode negar, por tanto, que «creceu a conciencia da identidade e a misión do laico na Igrexa. Cóntase cun numeroso laicado, aínda que non suficiente, con arraigado sentido de comunidade e unha gran fidelidade no compromiso da caridade, a catequese, a celebración da fe» (Evangelii gaudium, 102). Diso dedúcese que recibir un ministerio laical como o de Catequista dá maior énfase ao compromiso misioneiro propio de cada bautizado, que en todo caso debe levar a cabo de forma plenamente secular sen caer en ningunha expresión de clericalización.

 

8. Este ministerio posúe un forte valor vocacional que require o debido discernimento por parte do Bispo e que se evidencia co Rito de Institución. En efecto, este é un servizo estable que se presta á Igrexa local segundo as necesidades pastorais identificadas polo Ordinario do lugar, pero realizado de maneira laical como o esixe a natureza mesma do ministerio. É conveniente que ao ministerio instituído de Catequista sexan chamados homes e mulleres de profunda fe e madurez humana, que participen activamente na vida da comunidade cristiá, que poidan ser acolledores, xenerosos e vivan en comuñón fraterna, que reciban a debida formación bíblica, teolóxica, pastoral e pedagóxica para ser comunicadores atentos da verdade da fe, e que adquirisen xa unha experiencia previa de catequese (cf. Conc. Ecum. Vat. II, Decr. Christus Dominus, 14; CIC c. 231 §1; CCEO c. 409 §1). Requírese que sexan fieis colaboradores dos sacerdotes e os diáconos, dispostos a exercer o ministerio onde sexa necesario, e animados por un verdadeiro entusiasmo apostólico.

 

En consecuencia, despois de ponderar cada aspecto, en virtude da autoridade apostólica

 

institúo

 

o ministerio laical de Catequista

 

A Congregación para o Culto Divino e a Disciplina dos Sacramentos encargarase en breve de publicar o Rito de Institución do ministerio laical de Catequista.

 

9. Convido, pois, ás Conferencias Episcopais a facer efectivo o ministerio de Catequista, establecendo o necesario itinerario de formación e os criterios normativos para acceder a el, atopando as formas máis coherentes para o servizo que eles estarán chamados a realizar en conformidade co expresado nesta Carta apostólica.

 

10. Os Sínodos das Igrexas Orientais ou as Asembleas das Xerarcas poderán acoller o aquí establecido para as súas respectivas Igrexas sui iuris, en base ao propio dereito particular.

 

11. Os Pastores non deixen de facer propia a exhortación dos Pais conciliares cando lembraban: «Saben que non foron instituídos por Cristo para asumir por si sós toda a misión salvífica da Igrexa no mundo, senón que a súa eminente función consiste en apacentar aos fieis e recoñecer os seus servizos e carismas de tal sorte que todos, ao seu modo, cooperen unanimemente na obra común» (Lumen gentium, 30). Que o discernimento dos dons que o Espírito Santo nunca deixa de conceder á súa Igrexa sexa para eles o apoio necesario a fin de facer efectivo o ministerio de Catequista para o crecemento da propia comunidade.

 

O establecido con esta Carta apostólica en forma de “Motu Proprio”, ordeno que teña vixencia de maneira firme e estable, no entanto calquera disposición contraria, aínda que sexa digna de particular mención, e que sexa promulgada mediante a súa publicación en L’Osservatore Romano, entrando en vigor o mesmo día, e sucesivamente publíquese no comentario oficial da Acta Apostolicae Sedis.

 

Dado en Roma, xunto a San Xoán de Letrán, o día 10 de maio do ano 2021, Memoria litúrxica de san Xoán de Ávila, presbítero e doutor da Igrexa, noveno do meu pontificado.





 

Comentarios

Publicacións populares