FICHA E LECTIO: Domingo VII de Pascua B - Ascensión do Señor

 FICHAS ANTERIORES: FICHA 1 / FICHA 2


LECTIO:

Destino que cumpre os soños

(16.V.2021)

            A festividade da Ascensión abrangue mensaxes e ideas grandes e sublimes. Porque nela, neste Cristo do que se nos di que “ascende” ó ceo, veñen xuntarse dalgunha maneira ceo e terra. Entendidos naturalmente ámbolos dous de maneira simbólica, en tanto que coa terra asociamos o imperfecto mentres que co ceo, pola contra, o que non remata, o totalmente bo.

            Non se trata, con todo, de dúas realidades, o ceo e maila terra, totalmente diferentes ou opostas. Pois, por unha parte, en Deus Pai atópase a síntese e a razón de ser das dúas; porque el, “o Pai omnipotente”, tal como confesamos no Credo, é o “Creador do ceo e máis da terra”. E, por outra parte, no seu Fillo Xesús encarnado, a terra e a humanidade toda están e estarán sempre presentes por toda a eternidade. Porque el, Xesús, é e será sempre un de nós, por máis que sexa tamén e será para sempre o único e benquerido Fillo de Deus.

            Xesús “ascende”, pois, nesta festividade a un novo e definitivo nivel. Amósanos así cal é tamén o noso “camiño”. Xa nos dixera el de si mesmo que non só é a Verdade e a Vida, senón tamén o “Camiño”. Un camiño, polo tanto, que todos estamos chamados a percorrer. Nunha peregrinaxe na que non nos fallarán as forzas do seu Espírito, do Espírito que el nos promete hoxe: “Recibiredes a forza do Espírito Santo, que virá sobre vós”.

            Trátase dunha peregrinaxe, dunha “ascensión”, a de cada un de nós, que non a facemos polo tanto en solitario. Ben sabemos que unha peregrinaxe ou calquera viaxe se fan máis doadamente cando se vai con outros acompañantes que dan azos ou que fornecen axuda cando se precisa. El vai sempre connosco. E non de calquera maneira. Vai sempre diante, facendo o meirande esforzo e abríndonos o camiño.

            En realidade todos formamos unha unidade con el. Segundo o comentario de Paulo, na súa carta de hoxe ós Efesios, os cristiáns formamos con Xesús Cristo un só corpo, sendo el a “cabeza” deste corpo. Deus Pai −dinos Paulo− é quen someteu todo a Xesús e quen “o puxo por riba de todo como cabeza da Igrexa, que é o seu corpo”. Nós somos, polo tanto, membros deste corpo misterioso, que ten como “cabeza” Xesús, dirixindo e estimulando tódolos membros do seu corpo místico, que somos todos nós.

            Mais pensemos aínda. A este Xesús Cristo que ascende ó ceo están unidos os seres humanos todos do tempo pasado, do presente e do porvir, sexan da ideoloxía ou crenza que sexan. Todos están, estamos, chamados e convidados a este esforzo común con el cara a unha meta grandiosa e fermosa, que ninguén no fondo pode deixar de apetecer. Pois quen non quere vivir?, quen non busca a verdade?, quen non quere acertar co camiño que leva á felicidade?

            Pois ben, quen queira que teña tales desexos (e témolos todos dunha ou doutra maneira) debería saber que Xesús está con el, que el está con Xesús. Non podemos converter Xesús en alguén que está só reservado para certas persoas, que fagan certas cousas, realicen certos ritos ou cumpran con determinados preceptos. El está aí para todos, para toda a humanidade. Pois el non é nin máis nin menos que a imaxe fiel e perfecta para todos de Deus Pai.

            Por iso Paulo, na súa carta de hoxe, ó nos falar de que a Igrexa é o corpo de Cristo e sabendo que Cristo é a imaxe viva do Pai de todos, non deixa de dicir sobre a Igrexa (e non só sobre Cristo) que a Igrexa é “a plenitude daquel que o enche todo en tódalas cousas”. Por iso a Igrexa non pode deixar de se entender a si mesma como “católica”, é dicir, como “universal”.

            Isto pode relacionarse tamén co mandado que, a teor do evanxeo de hoxe, lles fai Xesús ós seus apóstolos: “Ide polo  mundo enteiro e anunciade a Boa Nova a toda a creación”. A anunciar tal Boa Nova estamos chamados todos e cada un dos cristiáns na súa vida familiar, comunitaria e social, dando así testemuño da nosa fe e sobre todo do noso amor a todos. Así o entendeu, por exemplo, o fundador dos chamados Misioneiros e Misioneiras Identes, un Instituto Relixioso fundado polo madrileño Fernando Rielo, que finou a comezos deste século XXI (no ano 2004), ó lles pór o nome de “Identes” (non “Videntes”) ós membros do seu Instituto. “Identes” procede deste mandado de Xesús: “Ide polo mundo enteiro e anunciade a Boa Nova a toda a creación...”.

            Decatádevos ademais de que aquí se fala de toda a “creación” e non só da “humanidade”. A Boa Nova de Xesús ten que se estender a toda a natureza: animais, árbores, plantas, paisaxe, etc. Temos que respectar e coidar a grandeza e fermosura desta “creación” de Deus, que tantas veces estragamos debido ós intereses sen límites das industrias ou ó noso individual desleixo. Unha tarefa importante concretamente nesta tan fermosa terra nosa que recibimos de Deus e que tantos de fóra nos envexan. Porque a terra, o mar e o aire son tamén a terra, o mar e o aire de Xesús, que viviu connosco e que seguirá a ser para sempre un de nós. Se a desfiguramos ou estragamos, enturbamos ó tempo en certa medida a imaxe e a mensaxe de Xesús, que se expresou con palabras que se refiren á vida e á natureza que nos arrodea.

            Coa Ascensión de Xesús, que vén sendo o cumio da súa Resurrección, estamos todos chamados tamén a agradecer a grandeza de Deus Pai e dos seus plans sobre nós. Paulo fálanos hoxe de que deberiamos abrir os ollos para intentarmos comprender “o vigor da potencia e da forza” de Deus Pai en relación connosco.

            Como se nos amosa este “vigor”? El explícanolo dicindo que Deus Pai exerceu o seu vigor e a súa forza “resucitando a Cristo de entre os mortos e sentándoo á súa dereita nos ceos, por riba de todo principado e potestade, de toda virtude e dominación, e por riba de todo título de honra recoñecido neste mundo e tamén no vindeiro”.

            Tendo en conta, pois, que toda Eucaristía é agradecemento, hoxe debería selo de xeito especial á vista dos grandes proxectos que Deus en relación connosco.

 

Manuel Cabada Castro



VER TAMÉN:

https://www.gruposdejesus.com/ascension-do-senor-b-marcos-615-20/



Comentarios

Publicacións populares