FICHA E LECTIO: Domingo V de Pascua B
FICHAS ANTERIORES: FICHA 1 / FICHA 2
LECTIO:
Labrego,
vide e bacelos
(2.V.1921)
Como é lóxico e natural, Xesús empregaba
para dar a coñecer a súa mensaxe moitas comparanzas relacionadas coa vida e co
traballo da xente coa que convivía. Eran comparanzas sinxelas, ben doadas de
comprender.
Menos
mal que aínda hoxe, malia os progresos da técnica, temos a posibilidade de ver
e observar cos nosos propios ollos de onde vén o viño que sae a grolos dunha
botella, etiquetada ou non, que nos poñen á mesa. Hai todo un proceso,
coidadoso e delicado, desde aquel vello e retorto tronco da vide, que se mantén
firme na terra do seu dono, ata podermos degustar o viño saído dela nun alegre
xantar con familiares ou amigos.
O
viño ten que ver e tivo sempre que ver coa alegría de bebelo en compaña
doutros, creando amizade e compañeirismo, construíndo así comunidade e
fraternidade.
Cómpre
non esquecer que tamén a eucaristía que celebramos cada domingo ten que ver con
esa comunidade de vida, de fe e de alegría que queremos ir construíndo pouco a
pouco arredor da mesa do corpo e do sangue do Señor. Na comuñón recibímolo precisamente en forma de pan e de viño.
De
maneira especial nestes domingos de Pascua convídasenos -e concretamente na
liturxia deste domingo- a vivirmos a “santa alegría da Pascua”, da que se nos
di ademais que é preparación para a “alegría eterna” que nos espera a todos.
Ben.
Para entendermos o que nos refire hoxe Xoán sobre a comparanza do reino de Deus
coa vide hai que saber distinguir –e isto é moi doado- entre o labrego dono da viña, a vide mesma plantada xunto con outras
máis na súa leira, e as ramas ou bacelos
da vide dos que penduran os prezados acios acugulados de bagos ou uvas.
Hai
aí unha especie de trindade: labrego,
vide e bacelos ou ramas da vide. Unha trindade que lle serve a Xesús para nos
falar da unión e relación íntima que debemos ter con el e, a través del, co
Pai, con Deus Pai.
O
labrego tradicional coida, mañá e tarde, da súa viña. Está curtido polo sol,
polas chuvias, polos temporais. A súa pel asemella a cortiza do tronco da vide:
recia, morena. Podería dicirse que a vide é filla do labrego. Mais sobre todo o
labrego ama a súa viña. Coida dela con agarimo de pai. No deixa que follas ou
ramallos sobrantes afoguen a súa teima e esperanza de que a vide produza acios
fermosos, agradábeis á vista e ó padal. Cando o labrego a poda, non a quere
asustar nin lle causar dor. É só para que a vide sexa máis ela mesma e máis
parecida ó seu pai, o labrego.
Fermosa
é a comparanza que fai Xesús de seu Pai Deus co labrego que coida amorosamente
da viña!
Como
digo, Xoán quere axudarnos a entender a unión que deberiamos ter nós, os
bacelos (as ramas da vide), coa vide mesma, que é Xesús. Mais tamén a unión que
ten a vide, Xesús, co labrego que é seu Pai. Sen este labrego - Deus Pai nin habería viña nin vides, porque as malas
herbas e os xabarís acabarían con ela.
Agora
ben, se Xesús (que é a vide) non pode existir sen o seu pai-Deus, menos aínda
poderiamos nós existir se non estiveramos unidos á vide. Desta, é dicir, de Xesús
é de onde os bacelos ou as ramas da vide (que somos nós) recibimos a seiva
divina que nos vai divinizando pouco a pouco. De tal maneira que se con
coidadiño nos cortan da vide e nos plantan nun terreo axeitado poderemos chegar
a converternos en novas vides, á semellanza da vide nai ou primeira que é Xesús.
Pois levamos a seiva del connosco.
O
que non é posíbel é crer que poderiamos subsistir por nós mesmos sen relación
ningunha coa vide, que é Xesús. Neste circula, bule e ferve a seiva divina que
vén do Pai-Deus, de quen todo procede. Só del podemos recibir a forza divina
que precisamos para vivirmos con alegría, esperanza e amor. “Fóra de min
–dísenos no evanxeo de hoxe- non podedes facer nada”.
Pero
é que ademais –aínda que disto hoxe non se nos fala directamente- a comparanza da
vide ten que ver coa fraternidade que
deberiamos practicar entre nós. Nos bacelos, nas ramas da vide, é dicir, en nós
mesmos circula unha mesma seiva: a
seiva de Deus que se fai presente na vide, que é Xesús, e que é un don infinito
de Deus Pai e do seu Espírito ó mundo. Esta seiva divina, que circula por
tódolos bacelos da vide, é a que nos converte a todos en verdadeiros irmáns.
Pois participamos dunha mesma vida e dun mesmo agarimo común, o amor que lle
ten Deus Pai ó mundo e que se nos manifestou en Xesús.
Falamos
da unión que precisamos ter con Xesús e con Deus Pai para podermos producir
froitos saborosos de xustiza, de paz e de amor. Mais esta unión non nos fai
uniformes, como tampouco hai nunha mesma vide un bacelo exactamente igual a
outro ou un acio de uvas que sexa totalmente idéntico a outro. O Deus que é un,
mais que é tamén diferente en si mesmo (en canto Pai, Fillo ou Espírito), quere
construír así en nós unidade e diferenza, unión de cada un de nós con el e cos
demais, mais mantendo cada un a súa propia identidade, a súa diferenza respecto
dos demais.
Construír
un mundo así, unido e diferente segundo as diversas culturas, linguas e tradicións,
é unha tarefa á que nos deberiamos dedicar sempre con teima, alegría e
esperanza. Mais sabendo que só acadaremos realizar esa grande obra se nos
mantemos unidos con esa vide, que é Xesús, e por medio del co labrego
traballador e agarimoso por excelencia, que é Deus-Pai.
Manuel
Cabada Castro
VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/5-pascua-b-xoan-151-8/
Comentarios
Publicar un comentario