Ficha e Lectio - Domingo 5 de Pascua B
VER FICHAS ANTERIORES:
TOMADO DE
LECTIO:
DOMINGO V DE PASCUA
(29 de abril 2018)
Como
ben sabedes e é lóxico e natural, Xesús empregaba para dar a coñecer a súa
mensaxe moitas comparanzas relacionadas coa vida e co traballo da xente coa que
convivía. Eran comparanzas sinxelas e ben doadas de comprender.
Menos
mal que aínda hoxe, malia os progresos da técnica, temos a posibilidade de ver
e observar cos nosos propios ollos de onde vén o viño que sae a grolos dunha
botella, etiquetada ou non, que nos poñen á mesa. Hai todo un proceso,
coidadoso e delicado, desde aquel vello e retorcido tronco da vide, que se
mantén firme na terra do seu dono, ata que se pode degustar o viño saído dela
nun alegre xantar con familiares ou amigos.
O
viño ten que ver e tivo sempre que ver coa alegría de bebelo en compaña
doutros, creando amizade e compañeirismo, construíndo así comunidade e
fraternidade.
Cómpre
non esquecer que tamén a eucaristía que celebramos cada domingo ten que ver con
esa comunidade de vida, de fe e de alegría que queremos ir construíndo pouco a
pouco arredor da mesa do corpo e do sangue do Señor. Na comuñón recibímolo a el
precisamente en forma de pan e de viño.
De
maneira especial nestes domingos de Pascua que estamos a celebrar convídasenos
-e concretamente na liturxia deste domingo- a vivirmos a “santa alegría da
Pascua”, da que se nos di ademais que é preparación para a “alegría eterna” que
nos espera a todos.
Ben.
Para entendermos o que nos refire hoxe Xoán sobre a comparanza do reino de Deus
coa vide hai que saber distinguir –e isto é moi doado- entre o labrego dono da viña, a vide mesma plantada xunto con outras
máis na súa leira, e as ramas ou bacelos
da vide dos que penduran os prezados acios acugulados de bagos ou uvas.
Hai
aí unha especie de trindade: labrego,
vide e bacelos ou ramas da vide. Unha trindade que lle serve a Xesús para nos
falar da unión e relación íntima que debemos ter con el e, a través del, co
Pai, con Deus Pai.
O
labrego tradicional coida, mañá e tarde, da súa viña. Está curtido polo sol,
polas chuvias, polos temporais. A súa pel asemella a cortiza do tronco da vide:
recia, morena. Podería dicirse que a vide é filla do labrego. Mais sobre todo o
labrego ama a súa viña. Coida dela con agarimo de pai. No deixa que follas ou
ramallos sobrantes afoguen a teima e a esperanza súa de que a vide poida producir
acios fermosos, agradábeis á vista e ó padal. Cando o labrego a poda, non a
quere asustar nin lle causar dor. É só para que a vide sexa máis ela mesma e
máis parecida ó seu pai, o labrego.
Que
fermosa é a comparanza que fai Xesús de seu Pai Deus co labrego que coida
amorosamente da viña!
Como
digo, Xoán quere axudarnos a entender a unión que deberiamos ter nós, os
bacelos (as ramas da vide), coa vide mesma, que é Xesús. Mais tamén a unión que
ten a vide, Xesús, co labrego que é seu Pai. Sen este labrego-Deus Pai non
habería viña nin vides, porque as malas herbas e os xabarís acabarían con ela.
Agora
ben, se Xesús (que é a vide) non pode existir sen o seu pai-Deus, menos aínda
poderiamos nós existir se non estivésemos unidos a esta vide que é Xesús. De
Xesús é de onde os bacelos ou as ramas da vide (que somos nós) recibimos a
seiva divina que nos vai divinizando pouco a pouco. De tal maneira que se nos
cortan con coidadiño da vide e nos plantan nun terreo axeitado poderemos chegar
a converternos en novas vides á semellanza da vide nai ou primeira que é Xesús;
pois levamos a seiva de Xesús connosco.
O
que non é posíbel é crer que poderiamos subsistir por nós mesmos sen relación
ningunha coa vide, que é Xesús. En Xesús circula, bule e ferve a seiva divina
que vén do Pai-Deus, de quen todo procede. Só del podemos recibir a forza
divina que precisamos para vivirmos con alegría, esperanza e amor. “Fóra de min
–dísenos no evanxeo de hoxe- non podedes facer nada”.
Pero
é que ademais –aínda que disto non se nos fala directamente hoxe- a comparanza
da vide ten que ver coa fraternidade
que deberiamos practicar entre nós. Nos bacelos, nas ramas da vide, é dicir, en
nós mesmos circula unha mesma seiva:
a seiva de Deus que se fai presente na vide que é Xesús e que é un don infinito
de Deus Pai e do seu Espírito ó mundo. Esta seiva divina, que circula por
tódolos bacelos da vide, é a que nos converte a todos en verdadeiros irmáns.
Pois participamos dunha mesma vida e dun mesmo agarimo común, o amor que lle ten
Deus Pai ó mundo e que se nos manifestou en Xesús.
Falamos
da unión que temos que ter con Xesús e con Deus Pai para podermos producir
froitos saborosos de xustiza, de paz e de amor. Mais esta unión non nos torna
uniformes, como tampouco hai nunha mesma vide un bacelo exactamente igual a
outro ou un acio de uvas que sexa totalmente idéntico a outro. O Deus que é un,
mais que é tamén diferente en si mesmo (en canto Pai, Fillo ou Espírito), quere
construír así en nós unidade e diferenza, unión de cada un de nós con el e cos
demais mais mantendo cada un a súa propia identidade, a súa diferenza respecto
dos demais.
Construír
un mundo así, unido e diferente segundo as diversas culturas e as diversas
maneiras de ser, é unha tarefa á que nos deberiamos dedicar sempre con teima,
alegría e esperanza. Mais sabendo que só acadaremos realizar esta grande obra
se nos mantemos unidos con esa vide, que é Xesús, e por medio del co labrego
traballador e agarimoso por excelencia, que é Deus-Pai. Que así sexa!
ORACIÓN DOS FIEIS
Dirixímoslle a Deus Pai a nosa oración comunitaria
dicindo: PEDÍMOSCHO, PAI.
Todos: PEDÍMOSCHO, PAI.
- Deus Pai, labrego agarimoso das nosas vidas,
pregámosche que nos manteñas sempre unidos ó teu fillo Xesús e por medio del unidos
a ti mesmo. PEDÍMOSCHO, PAI.
Todos: PEDÍMOSCHO, PAI.
- Fai, Pai, que a túa graza, seiva das nosas
vidas, estea sempre presente en nós, dando vida e creando entre todos
irmandade.
Todos: PEDÍMOSCHO, PAI.
PEDÍMOSCHO, PAI, POR XESÚS CRISTO NOSO
SEÑOR. Amén.
Manuel
Cabada Castro
LER MÁIS:
FICHA ADAPTADA DE:
Comentarios
Publicar un comentario