4º Domingo de Pascua B
LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
En ningún outro hai salvación
Naqueles días, Pedro, cheo do Espírito Santo, díxolles:
‑ Xefes do pobo e anciáns, xa que nos demandades polo favor feito a un enfermo e sobre o xeito como se curou, sabede todos vós e sáibao o pobo de Israel que é no nome de Xesús Cristo de Nazaret, a quen vós crucificastes e Deus resucitou de entre os mortos: por El está este home en pé e san diante de vós.
El é a pedra que refugastes vós, os construtores, e que se converteu en pedra esquinal. En ningún outro hai salvación, porque non hai ningún outro nome baixo do ceo, dado aos homes, no que nos poidamos salvar.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 117, 1 e 8-9. 21-23. 26 e 28cd e 29
R/. (22): A pedra que os canteiros desbotaran,
esa mesma converteuse en esquinal.
Ou: Aleluia.
Loade o Señor porque é bo,
porque é para sempre a súa misericordia.
Máis vale abeirarse no Señor
que fiarse dos homes.
Máis vale abeirarse no Señor
que fiarse dos grandes.
Douche grazas porque me escoitaches,
por teres sido a miña salvación.
A pedra que os canteiros desbotaron,
esa mesma, converteuse en esquinal.
Foi o Señor quen o fixo,
unha marabilla á nosa vista.
Bendito o que vén no nome do Señor:
desde a casa do Señor bendicímosvos.
Ti es o meu Deus, veño darche grazas;
meu Deus, veño enxalzarte.
Loade o Señor, porque é bo,
porque é para sempre a súa misericordia.
Segunda Lectura 1 Xn 3, 1-2
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN XOÁN
Veremos a Deus tal como é
Meus amigos:
Vede o moito que nos quixo o Pai, para nos chamarmos fillos de Deus e sérmolo de verdade.
Por iso o mundo non nos recoñece: porque tampouco non o recoñeceu a El.
Meus amigos, xa somos fillos de Deus, pero aínda non está á vista o que seremos; sabemos que cando Xesús apareza, nós seremos coma el, xa que o veremos tal e como é.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
ALELUIA Xn 10, 14
Se non se canta, pódese omitir.
Aleluia, aleluia.
Eu son o bo pastor, di o Señor;
coñezo as miñas ovellas e elas coñécenme a min.
Aleluia.
Evanxeo Xn 10, 11-18
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
O bo pastor dá a súa vida polas ovellas
Naquel tempo, díxolles Xesús aos fariseos:
- Eu son o Bo Pastor. O Bo Pastor dá a súa vida polas ovellas.
O criado, que non é pastor, de quen non son as ovellas, cando ve vir o lobo, deixa as ovellas e foxe e o lobo rapínaas e dispérsaas; porque el anda ao xornal e as ovellas non lle importan.
Eu son o Bo Pastor: coñezo as miñas e as miñas coñécenme a min. Igual que o Pai me coñece a min e eu coñezo o Pai, e dou a miña vida polas ovellas. Teño ademais outras ovellas que non son deste curro: tamén a esas téñoas que guiar, e escoitarán a miña voz e farase un único rabaño e un único pastor.
Por iso ámame o Pai: porque eu dou a miña vida, para tomala de novo. Ninguén ma quita; non, eu douna voluntariamente. Teño poder para dala e teño poder para tomala de novo. Este mandato recibino do meu Pai.
Palabra do Señor R/ Loámoste, Cristo
Comentarios
Publicar un comentario