Ficha e Lectio - Domingo 3 de Pascua B
FICHAS ANTERIORES:
LECTIO:
DOMINGO III DE PASCUA
(Ano B: 15. IV. 18)
A
extraordinaria nova da resurrección de Xesús, que estamos a celebrar e a
lembrar comunitariamente estes días, é loxicamente algo sobre o que a liturxia,
as lecturas e as diversas aclamacións que recitamos volven unha e outra vez.
Os
textos dos evanxeos fálannos de que foron moitos e diversos os modos de se
facer presente o Xesús resucitado ós apóstolos e ós demais discípulos. En todas
esas experiencias pascuais, cargadas de alegría e de esperanza para os seguidores
de Xesús e para cantos cren e crerán nel, dáse algo que vén sendo común
denominador de todas elas. Trátase de experiencias fondas e transformadoras que
conmoven e afectan ós que concreta e particularmente as experimentan, pero que
teñen, máis alá diso, un carácter comunitario e universal. Refírome a que teñen
unha finalidade non só individual e particular, senón xeral. Realízanse en
función de todo o pequeno grupo cristián de entón, de cantos viñemos despois e
dos que veñan ó mundo detrás de nós.
A
resurrección de Xesús é neste sentido unha nova que afecta a toda a humanidade,
porque en Xesús resucitado Deus Pai destinou a humanidade toda a unha vida para
sempre, máis alá da morte. Os cristián estamos así chamados a encher o mundo
enteiro da esperanza de vida que nos vén de Xesús.
Iso
é o que fan os apóstolos e discípulos ó teren a experiencia de Xesús
resucitado. Dese modo actúan as mulleres que foron moi cedo onda o sepulcro do
Señor. Realizan axiña o camiño de volta para lles anunciar ós apóstolos a resurrección
do Señor. Algo semellante fan os diversos apóstolos e discípulos comunicándose
mutuamente as aparicións, as experiencias, do Señor resucitado que van
sucesivamente ocorrendo. Ó longo dos tempos e dos séculos recibimos tamén
outras persoas, a través do anuncio do evanxeo, esta grande e boa nova da
resurrección de Xesús e, consecuentemente, da resurrección que nos espera a
todos.
Por
iso tódolos que fomos destinatarios desta gran nova temos que anunciala, coa
nosa palabra e cos nosos feitos, no noso tempo e aquí onde vivimos, a cantos
hoxe en día ou non saben dela ou non son capaces de crer nela quizais incluso
por ser esta nova da resurrección algo tan incríbel, tan marabilloso. Tiña que
ser algo así esa nova xustamente por proceder de Deus, que é sempre meirande ca
canto poidamos maxinar sobre El.
No
comezo do evanxeo de hoxe fálanos Lucas de que os discípulos de Emaús fixeron
axiña o camiño de volta tras descubriren abraiados que aquel descoñecido que se
lles xuntara a eles no camiño era o propio Xesús. Tiñan que comunicárllelo
canto antes ós demais apóstolos e discípulos. Eles marcharan, abatidos e
desconsolados trala paixón e crucifixión do seu Mestre, cara á súa aldea natal
para continuaren alí coa súa vida normal anterior ó encontro con Xesús. Mais
tras teren experimentado Xesús resucitado no seu camiño cara a Emaús non o
pensan dúas veces. En vez de se deitar para descansar tranquilamente da
camiñada feita, tal como pouco antes llo aconsellaran eles mesmos ó seu
misterioso acompañante (pois era xa noite ou case de noite), o que fan -tal
como se nos conta no texto de Lucas- é “levantarse axiña e volver a Xerusalén”.
Para que? Pois para comunicárllelo, o máis cedo posíbel, ós demais compañeiros.
As experiencias de Xesús non se poden gardar agachadas no propio recuncho
interior de cada quen. Hai que comunicalas para que outros poidan tamén
alegrarse con novas tan inimaxinábeis. Tal como comenta Lucas, “eles contaron,
ós once apóstolos, o que lles pasara polo camiño e como o recoñeceran no partir
o pan”.
Dinos
tamén Lucas que, xustamente cando os discípulos de Emaús facían partícipes ós
seus compañeiros do que lles acontecera no camiño, o mesmo Xesús fíxose
presente a todos eles conxuntamente, quentando así aínda máis os seus corazóns
e fortalecendo a súa aínda feble fe na resurrección. Apórtalles así tranquilidade
e consolo ós seus corazóns angustiados e temerosos ofrecéndolles a súa paz: “A
paz sexa convosco!”. Esvaécenselles así as néboas das súas dúbidas e dos seus
medos. Experimentan así que todo é graza, forte e bondadosa iniciativa de Deus
Pai que se manifesta en Xesús a eles e a nós. Deus é sempre o que dá inicio á
súa obra en nós e o que a sostén e mantén. Nós só temos que estar
incondicionalmente abertos a que el faga de nós e connosco o que queira.
O
Deus de Xesús é sempre aquel que quere estar e conversar connosco. Antes de que
se nos poida ocorrer a nós que tal cousa é posíbel. Por iso é Xesús tamén aquí
o que se auto-convida, o que toma a iniciativa, para que traian algo de comer e
departir así amigabelmente con eles: “Tedes por aí algo que comer?”. A nosa
conversa con el é sempre posterior ou consecuente. Está sostida e posibilitada
pola anterior iniciativa de Deus. Cando un neno, en presenza de seus pais, lle
dá as grazas a un descoñecido amigo da familia que lle ofrece ou entrega un
pequeno regalo, está a recoñecer coa súa palabra “grazas” que foi ese
descoñecido amigo, a graza ou bondade dese descoñecido amigo, a que iniciou tan
fermosa e agarimosa acción con el, con ese cativo que de por si non pode esixir
nada.
Por
iso a nosa dominical eucaristía, que é unha comunitaria lembranza da morte e
resurrección de Xesús, ten tamén a estrutura dun banquete, dun xantar, no que
Xesús non só se fai presente entre nós como quen nos convida á mesa, senón
incluso como aquilo mesmo que comemos e bebemos. Tan fondo é o seu desexo de se
unir intimamente a nós.
En
realidade é ese íntimo encontro do Xesús resucitado connosco o que
verdadeiramente nos resucita, o que nos une ó corpo e á vida de Cristo e nos
converte así xa neste mundo, dalgunha maneira, en resucitados.
ORACIÓN DOS FIEIS
Confortados
e movidos polo Espírito de Deus, dirixímoslle a Deus Pai a nosa oración
pregando: ESCÓITANOS, PAI.
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
Dános,
Pai, fe fonda e agradecida na resurrección do teu Fillo Xesús.
Todos:
ESCÓITANOS, PAI.
Axúdanos,
Pai, a vivirmos con alegría as nosas vidas, confortados coa esperanza da nosa
futura resurrección.
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
Concédenos,
Pai, ímpeto misioneiro para comunicar a todos a boa nova da resurrección de
Xesús e maila nosa.
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
Pedímoscho,
Pai, por Xesús Cristo noso Señor. AMÉN.
Manuel
Cabada Castro
VER MÁIS:
https://www.gruposdejesus.com/domingo-3-pascua-b-lucas-2435-48-2/
FICHA ADAPTADA DE:
Comentarios
Publicar un comentario