2º DOMINGO DE PASCUA - CICLO B
LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
Primeira Lectura Feit 4, 32-35
Un só corazón e unha soa alma
A
comunidade dos crentes tiña un só corazón e unha soa alma, e ninguén
consideraba coma seu o que posuía, senón que todas as cousas eran comúns.
Os
apóstolos, con gran poder, daban testemuño da resurrección do Señor Xesús, e
todos eles eran ben considerados.
Non
había entre eles ningún necesitado, porque todos os que tiñan bens ou casas
vendíanos, levaban os cartos e depositábanos aos pés dos apóstolos, que
repartían a cadaquén segundo precisaba.
Palabra
do Señor R/.
Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 117, 2-4. 16ab-18. 22-24
R/. (1): Loade o Señor, porque é bo,
porque é para sempre a súa misericordia.
Ou:
Aleluia.
Que o diga a casa de Israel:
é para sempre a súa misericordia.
Que o diga a casa de Aharón:
é para sempre a súa misericordia.
Que o digan os que temen o Señor:
é para sempre a súa misericordia.
A destra do Señor é excelsa,
a destra do Señor fixo proezas.
Non hei morrer, vou vivir,
e pregoar os feitos do Señor.
Castigoume o Señor, castigoume,
mais non me entregou á morte.
A pedra que os canteiros desbotaron,
esa mesma, converteuse en esquinal.
Foi o Señor quen o fixo,
unha marabilla á nosa vista.
Este é o día no que o Señor actuou:
alegrémonos nel e relouquemos.
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN XOÁN
Segunda Lectura 1 Xn 5, 1-6
Canto nace de Deus vence o mundo
Irmáns
benqueridos:
Todos
cantos cren que Xesús é o Mesías, naceron de Deus; e quen ama o que xera, ama
tamén a quen aquel xerou. Sabemos que amamos os fillos de Deus, se amamos a
Deus e cumprimos cos seus mandamentos.
Porque
o amor a Deus consiste en cumprir cos seus mandamentos. Os mandamentos de Deus
non son pesados, porque nacer de Deus permítenos vencer o mundo. E esta é a
vitoria que derrota o mundo: a nosa fe.
Porque,
quen é o que derrota o mundo, senón o que cre que Xesús é o Fillo de Deus?
O
que veu con auga e sangue, foi el, Xesús Cristo; non veu con auga só, senón con
auga e con sangue.
E
o Espírito é quen dá testemuño, xa que o Espírito é a Verdade.
Palabra
do Señor R/.
Grazas a Deus
ALELUIA Xn 20, 29
Se non se canta, pódese omitir.
Aleluia, aleluia.
Porque me viches, Tomé, tes fe, di o Señor;
ditosos os que creron sen veren.
Aleluia.
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Evanxeo Xn 20, 19-31Pasados oito días, veu Xesús
Naquel
día, o primeiro da semana, ao serán, estando pechadas as portas onde estaban os
discípulos, por medo dos xudeus, chegou Xesús e, poñéndose no medio, díxolles:
‑
Paz convosco.
Dito
isto, mostroulles as mans e mais o costado. Os discípulos alegráronse, vendo o
Señor. El díxolles outra vez:
‑
Paz convosco: coma o Pai me mandou a min, tamén eu vos mando a vós.
E
dito isto alentou sobre eles, e díxolles:
‑
Recibide o Espírito Santo: a quen lles perdoedes os pecados, quedaranlles
perdoados; a quen llelos reteñades, quedaranlles retidos.
Pero
Tomé, un dos Doce, o chamado Xemelgo, non estaba con eles cando chegou Xesús.
Dicíanlle
entón os outros discípulos:
‑
Vimos o Señor.
Pero
el contestoulles:
‑
Como non vexa nas súas mans as furas dos cravos e non meta nelas o meu dedo;
como non meta a miña man no seu costado, non crerei.
Oito
días despois estaban outra vez dentro os discípulos, e Tomé con eles. Chegou
Xesús, estando pechadas as portas, e poñéndose no medio, dixo:
‑
Paz convosco.
Despois
díxolle a Tomé:
‑
Trae aquí o teu dedo e mira as miñas mans; trae a túa man e métea no meu costado.
Non sexas incrédulo, senón home de fe.
Tomé
respondeulle:
‑
Meu Señor e meu Deus!
Xesús
díxolle:
‑
Tes fe porque me viches? Benia os que creron sen veren!
Moitos
outros signos fixo Xesús diante dos seus discípulos, que non se escribiron
neste libro. Estes escribíronse para que creades que Xesús é o Mesías, o Fillo
de Deus e, crendo, teñades vida nel.
Palabra
do Señor R/.
Loámoste, Cristo
Comentarios
Publicar un comentario