Ficha e Lectio - Domingo 4 de Pascua B
FICHAS ANTERIORES:
TOMADO DE
LECTIO:
DOMINGO IV DE PASCUA
(Ano B: 22 abril 2018)
Estamos
en tempo pascual. Tempo litúrxico de alegría, resurrección, felicidade.
Existen
diversas enquisas e comentarios sobre que tipo de persoas semellan sentirse
máis felices na súa propia vida, na súa profesión. Chamoume a atención ler
concretamente, nalgún destes traballos, que en comparanza con outras profesións
ou actividades hai unha boa proporción de sacerdotes que se senten moi felices
na súa actividade. E a explicación que alí se dá é a de que a eles lles fai
felices axudar os demais. Isto viría darlle a razón ó coñecido dito de que é
máis feliz quen dá ca quen recibe.
Que
eu saiba, houbo ata este momento, hai xa varios anos, dous Congresos
Internacionais sobre o tema da Felicidade. No segundo e último ata agora, que
tivo lugar en Madrid, falaron, entre outros, un monxe budista, de orixe
francesa, que é considerado como o “home máis feliz do mundo”. Tamén falou nesa
reunión unha monxa contemplativa católica. As dúas persoas coincidían en que a
felicidade, por moi persoal que sexa, non é un asunto individual, senón
comunitario, social, compartido. Non se pode ser feliz pechándose un en si
mesmo, na súa propia pel coma quen di,
pensando que desa maneira se vería libre un dos perigos que ameazan a felicidade.
Polo contrario, para ser feliz hai que saírse máis ben do propio “eu”, do
propio egoísmo, e dedicarse a facer ben ós demais, a cantos poden precisar da
axuda ou das atencións que un lles podería proporcionar.
A
aludida monxa contemplativa dicía por exemplo: “Calquera que ame e se sente
amado é feliz”.
Pois
ben, todo isto ten que ver con algo que é moi central na experiencia cristiá,
onde tan decisivo é o mandato do “amor”: do amor ó próximo. Por que é e debe
ser tan central isto no cristianismo? Pois porque Xesús foi iso: entrega total
e absoluta ós seus irmáns, homes e mulleres deste mundo, cos que no seu curto
tempo de vida se atopou. Foi desa maneira e non de outra como Deus Pai quixo
revelársenos a si mesmo.
O
texto do evanxeo de hoxe é un verdadeiro canto a este modo de se comportar.
Xesús enténdese a si mesmo como “bo pastor”: “Eu son o bo pastor”. O acento hai
que poñelo aquí nesas dúas letras que forman a palabra “bo”. Porque ser “bo”
pastor significa, segundo o relato de Xoán, non pensar en si mesmo, nos seus
propios intereses ou ganancias, senón nas ovellas das que se é pastor. O bo
pastor arrisca a súa vida, se é necesario, por salvar a vida das súas ovellas.
Non polo interese que elas teñan para el, senón por si mesmas, porque as quere,
porque as coñece polo seu nome, porque sabe cómo é cada unha delas e porque
está moi ó tanto dos coidados que precisan.
Non
é nada estraño neste sentido que o papa Francisco comentase algunha vez que os
evanxelizadores deberían ter “olor a ovella”. “A comunidade evanxelizadora
–dinos el- métese con obras e xestos na vida cotiá dos demais, achica
distancias, abáixase ata a humillación se é necesario e asume a vida humana,
tocando a carne sufrinte de Cristo no pobo. Os evanxelizadores teñen así ‘olor
a ovella’ e estas escoitan a súa voz”. Un “olor a ovella” que para Francisco
vén sendo o mesmo ca “olor a evanxeo”.
Pois
ben, no relato de Xoán –un lindo relato- están moi unidos coñecemento e amor.
Non se pode amar sen coñecer e non se pode coñecer sen amar. Mais Xoán refire
aquí o discurso de Xesús ós fariseos cunha fondura incríbel. Porque o amor que
o bo pastor, é dicir Xesús, ten ás súas ovellas é un amor que ten que ver co
coñecemento e co amor cos que o Pai Deus e o seu Fillo Xesús se coñecen e se
aman mutuamente: “O Pai coñéceme a min e eu coñezo o Pai”. Este amor ten que
ver, polo tanto, coa mesma Trindade de Deus Pai, Deus Fillo e Deus Espírito,
que é o centro mesmo da nosa concepción cristiá de Deus.
Falamos
con frecuencia da gran felicidade que pode haber e hai en moitas familias: onde
pai e nai se queren mutuamente e queren tamén os seus fillos e estes quérenlles
pola súa parte tamén a seus pais. Agora ben, Deus non podería ser modelo e
fonte deste tipo de amor se el fose en si mesmo unha persoa pechada en si mesma
e sen posibilidade de se relacionar con ninguén igual a si mesmo. Por fortuna,
Deus non é así. O Deus que se nos revela por medio de Xesús é un Deus
misteriosamente un e trino: poderiamos dicir que é unha verdadeira familia, a
familia primordial da que procede toda familia humana e todo amor sobre a
terra.
Mais
case o máis grande é aínda o seguinte. Todos nós, toda a humanidade, estamos
chamados a formar parte desta primeira e felicísima familia divina do Pai, do
Fillo e do Espírito Santo. Recórdanolo o mesmo Xoán na Segunda Lectura. Dísenos
alí: “Vede o moito que nos quixo o Pai, para nos chamarmos fillos de Deus e
sérmolo de verdade”. Este “sérmolo de verdade” e desde logo moita cousa. Algo
que en principio semella imposíbel. Mais isto quere dicir que a humanidade
toda, toda a gran familia humana, está chamada a se integrar na familia máis
grande e máis feliz que imaxinar se pode: a familia -digámolo así- trinitaria,
qué é Deus mesmo.
Un
misterio que non nos pode caber na cabeza, mais que debería dirixir toda a nosa
vida e a nosa relación con tódalas persoas coas que nos atopemos neste mundo.
Porque o noso destino é moi grande, inconcibíbel. Xoán non deixa de se referir
ás perspectivas grandiosas deste destino noso, que foi posibilitado para nós
grazas ó Deus que en Xesús se fixo irmán noso: “Meus amigos –segue a insistir
Xoán- xa somos fillos de Deus, mais aínda non está á vista o que seremos;
sabemos que cando Xesús apareza, nós seremos coma el, xa que o veremos tal e
como é”.
O
tempo pascual é, pois, un tempo para “soñar”, para crer que son e que serán
realidade cousas que só semellan pertencer ó mundo dos soños. Mais temos
dereito a soñar, porque a grandeza do Deus no que cremos e o amor que nos ten
son moito meirandes ca tódolos soños nosos, por altos e sublimes que sexan.
Quen
podería soñar que ese Xesús que morre entre dous ladróns se ía converter,
resucitado, na clave de toda a historia humana e do noso destino? Pois a nosa
fe pascual apréndenos e ínstanos a confesar que si, que ese non é un soño,
senón a feliz realidade que Deus mesmo fixo para nós. Podemos por iso dicir e
cantar con alegría: Aleluia!! É dicir: Loado sexa Deus!!
CREDO
ORACIÓN DOS FIEIS
Roguemos a Deus Pai, que vive en unión co Fillo e
o Espírito divinos, que atenda a nosa pregaria comunitaria dicindo: ESCÓITANOS,
PAI.
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
- Apréndenos, Pai, a admirar e agradecer os teus
grandes designios sobre nós.
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
- Dános, Pai, fe fonda na grandeza do misterio da
túa divina relación co Fillo e co Espírito Santo para comprendérmonos así tamén
dalgunha maneira a nós mesmos.
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
- Condúcenos, Pai, ó encontro misericordioso e
próximo con tódalas persoas, tal como fai o bo pastor coas súas ovellas.
Todos:
ESCÓITANOS, PAI.
Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo Noso Señor. AMÉN.
Manuel
Cabada Castro
VER MÁIS:
FICHAS ADAPTADAS DE:
Comentarios
Publicar un comentario