Domingo V de Pascua - ciclo B


 Primeira Lectura   Feit 9, 26-31

Contoulles como vira o Señor no camiño

LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS


            Naqueles días, cando chegou Saulo a Xerusalén, procuraba xuntarse cos discípulos, pero todos lle tiñan medo por non creren que fose discípulo de verdade.

            Pero Bernabé colleuno consigo e levouno onda os apóstolos. Saulo contoulles que vira o Señor no camiño, que lle falara e que en Damasco predicara publicamente no nome de Xesús.

            Conviviu con eles en Xerusalén, predicando con ousadía no nome do Señor. Falaba e discutía tamén cos helenistas, pero estes queríano matar. Ao sabelo, os irmáns levárono para Cesarea e fixérono seguir a Tarso.

            Daquela, a Igrexa tiña paz en toda a Xudea, Galilea e mais Samaría. Crecía coma un edificio, progresaba na fidelidade ao Señor e coa asistencia do Espírito Santo ía aumentando en número.


                        Palabra do Señor                                         R.: Grazas a Deus


 


SALMO RESPONSORIAL   Sal 21, 26b-27. 28 e 30. 31-32

R.: (26a) Ti espertas a miña loanza na asemblea!

Ou:Aleluia.


Cumprirei os meus votos napresenza dos que o temen.

Os pobres comerán ata fartarse,

loarán o Señor os que o buscan

e gozarán de vida duradeira.


Lembraranse do Señor e volverán a El

todos os confíns da terra;

axeonllaranse na súapresenza

as familias todas dos pobos.

Prostraranse perante El os que repousan na terra,

axeonllaranse na súapresenza os que baixan ao po.


Eu hei vivir para El,

e hao servir a miña proxenie.

Falarase do Señor á xeración vindeira,

a súa xustiza será revelada ao pobo que ha de nacer:

“Velaí a obra do Señor”.




Segunda Lectura   1 Xn 3, 18-24

Este é o seu mandamento, que creamos e amemos

LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN XOÁN


            Meus filliños, non amemos de palabra e de lingua, senón con feitos e na verdade. Deste xeito, saberemos que vivimos conforme á verdade e sosegaremos o noso corazón diante do tribunal de Deus. Porque, aínda que o noso corazón nos acuse, Deus é máis grande ca o noso corazón e coñece todo.

            Meus amigos, se o corazón non nos acusa, temos confianza para nos achegar a Deus e El dános o que lle pidamos, porque cumprimos cos seus mandamentos e facemos o que a El lle agrada.

            Isto é o que El manda, que creamos no seu Fillo Xesús Cristo e que nos queiramos ben uns aos outros, coma el nos mandou.

            O que cumpre cos seus mandamentos está en comuñón con Deus e Deus en comuñón con el, coñecemos que Deus está en comuñón connosco polo Espírito que nos deu.


                        Palabra do Señor                                         R.: Grazas a Deus




ALELUIA   Xn 15, 4a. 5b

Se non se canta, pódese omitir.


Aleluia, aleluia.

Permanecede en min e eu en vós, di o Señor;

quen permanece en min dá froito abondoso.

Aleluia.


 


Evanxeo   Xn 15, 1-8

Quen permanece en min e eu nel é portador de froito abondoso

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN


            Naquel tempo, díxolles Xesús aos seus discípulos:

            — Eu son a verdadeira vide, e meu Pai é o labrador. O bacelo que en min non leva froito arríncao; e o que leva froito límpao, para que leve aínda máis froito. Vós xa estades limpos, pola palabra que vos teño falado. Permanecede en min e eu en vós.

            Así como o ramo non pode levar froito pola súa conta se non permanece na vide, tampouco vós se non permanecedes en min. Eu son a vide, vós os bacelos.

            Quen permanece en min e eu nelese leva froito abondoso, pois fóra de min non podedes facer nada. Se alguén non permanece en min, é coma os ramos arrincados fóra, que secan; apáñanos, bótanos no lume e arden.

            Se permanecedes en min e as miñas palabras permanecen en vós, pedide o que queirades e hásevos facer.

            Nisto é glorificado meu Pai, en que levedes froito abondoso e vos mostredes coma discípulos meus.


                        Palabra do Señor                                         R.: Loámoste, Cristo


Comentarios

Publicacións populares