Domingo VII de Pascua B - A ASCENSIÓN DO SEÑOR
Nos lugares onde a Ascensión do Señor se celebra o xoves da semana VI do tempo pascual, hoxe empréganse as lecturas do domingo VII de Pascua, núm. 59-61.
Primeira Lectura Feit 1, 1-11
Elevouse á vista deles
LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
O primeiro libro fíxeno, Teófilo, acerca de todo o que Xesús obrou e ensinou desde o comezo, ata o día que foi levado ao ceo, logo de ter dadas instrucións polo Espírito Santo aos apóstolos que escollera.
Aos mesmos que tamén se lles amosara vivo, con moitas probas despois da súa paixón, aparecéuselles durante corenta días e faláballes das cousas referentes ao Reino de Deus.
E, comendo con eles, encomendoulles que non se retirasen de Xerusalén, senón que agardasen a promesa do Pai que me escoitastes a min, porque Xoán bautizou con auga, mais a vós bautizarásevos co Espírito Santo de aquí a poucos días.
Os que estaban reunidos preguntábanlle:
— Señor, é agora cando vas restablecer o Reino de Israel?
El respondeulles:
— Non vos acae a vós coñecer o tempo ou a oportunidade que o Pai fixou co seu propio poder. Pero recibiredes a forza do Espírito Santo, que virá sobre vós e seredes as miñas testemuñas en Xerusalén, en toda a Xudea e Samaría e ata os confíns da terra.
En dicindo isto, elevouse á vista deles e unha nube quitóullelo da súa vista. E estando eles fitando para o ceo mentres el marchaba, presentáronselles dous homes con vestidos brancos, que dixeron:
— Galileos, que facedes ollando para o ceo? Este Xesús que vos foi levado de entre vós ao ceo ha volver do mesmo xeito que o vistes ir.
Palabra do Señor R.: Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 46, 2-3. 6-7. 8-9
R.: (6)Deus sobe entre aclamacións, o Señor, ao son de trompetas.
Ou: Aleluia.
Aplaudide, pobos todos,
aclamade a Deus con cancións.
O Señor é excelso e terrible,
o gran rei de toda a terra.
Deus sobe entre aclamacións,
o Señor, ao son de trompetas.
Cantádelle a Deus, cantádelle;
cantádelle ao noso rei, cantádelle.
Deus é o rei de toda a terra,
cantádelle con xeito.
Deus reina sobre as nacións,
sentado no seu trono sagrado.
Segunda Lectura Ef 1, 17-23
Sentouno á súa dereita no ceo
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS EFESIOS
Irmáns:
O Deus do noso Señor Xesús Cristo, o Pai da gloria, vos conceda espírito de sabedoría e de revelación para o coñecerdes ben. Que manteña iluminados os ollos da vosa alma para que comprendades cal é a esperanza da súa chamada, cal a riqueza da gloria da súa herdanza nos crentes e cal o extraordinario portento do seu poder verbo de nós, os crentes, en consonancia co vigor da súa potencia e da súa forza, que exerceu con Cristo resucitándoo de entre os mortos e sentándoo á súa dereita nos ceos, por riba de todo principado e potestade, de toda virtude e dominación, e por riba de todo título de honra recoñecido neste mundo e tamén no vindeiro.
Someteullo todo baixo os seus pés e púxollo por riba de todo como cabeza á Igrexa, que é o seu corpo, a plenitude daquel que o enche todo en todas as cousas.
Palabra do Señor R.: Grazas a Deus
ALELUIA Mt 28, 19a. 20b
Se non se canta, pódese omitir.
Aleluia, aleluia.
Ide e ensinade a todas as xentes, di o Señor;
eu estou convosco todos os días ata a fin do mundo.
Aleluia.
Evanxeo
CICLO B Mc 16, 15-20
Foi elevado ao ceo e senta á dereita de Deus
Naquel tempo, aparecéuselles Xesús aos Once e díxolles:
— Ide polo mundo enteiro, e anunciade a Boa Nova a toda a creación. Quen crea e reciba o bautismo será salvo e quen non crea ha ser condenado. Os que crean irán acompañados destes sinais: no meu nome han botar os demos fóra e falarán linguas novas; collerán serpes coas mans e, se chegan a beber algún veleno, non lles fará mal ningún; imporanlles as mans aos enfermos e estes curarán.
E o Señor Xesús, despois de lles falar así, foi levado ao ceo e sentou á dereita de Deus.
Eles saíron a predicar por todas as partes, e o Señor cooperaba e confirmaba a Palabra cos sinais que os acompañaban.
Palabra do Señor R.: Loámoste, Cristo
-----------------------------------------
AD LIBITUM para os ano B:
Segunda Lectura
CICLO B Ef 4, 1-13(longa)
Ata acadar a plenitude de idade de Cristo
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS EFESIOS
Irmáns:
Eu, preso polo Señor, pídovos que camiñedes segundo a dignidade da vocación que recibistes, con total humildade, mansedume e paciencia, aturándovos uns a outros con amor, esforzándovos por manter a unidade do espírito no vínculo da paz.
Hai un só corpo e un só Espírito, do mesmo xeito que se vos chamou a unha única esperanza na vosa vocación.
Hai un só Señor, unha soa fe, un só bautismo, e un só Deus e Pai de todos, que está sobre todos, por todos e en todos.
A cada un de nós déusenos a graza segundo a medida do don de Cristo. Por iso di a Escritura: “Subiu ao alto levando cativos, concedeulles os dons aos homes”.
Ese “subiu”que quere dicir senón que tamén baixou ao fondo da terra?, e o que baixou foi o mesmo que subiu á cima do ceo para enchelo todo.
E a uns fíxoos apóstolos; a outros, profetas; a outros, mensaxeiros do Evanxeo e, a outros, pastores e mestres, para fornecer cristiáns cara á tarefa do ministerio, para a edificación do corpo de Cristo, ata que todos academos a unidade na fe e, no coñecemento do Fillo de Deus, a madurez do home perfecto, o desenvolvemento propio da plenitude de Cristo.
Palabra do Señor R.: Grazas a Deus
______________________________________________________________________
Ou máis breve:4, 1-7. 11-13
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS EFESIOS
Irmáns:
Eu, preso polo Señor, pídovos que camiñedes segundo a dignidade da vocación que recibistes, con total humildade, mansedume e paciencia, aturándovos uns a outros con amor, esforzándovos por manter a unidade do espírito no vínculo da paz.
Hai un só corpo e un só Espírito, do mesmo xeito que se vos chamou a unha única esperanza na vosa vocación.
Hai un só Señor, unha soa fe, un só bautismo, e un só Deus e Pai de todos, que está sobre todos, por todos e en todos.
A cada un de nós déusenos a graza segundo a medida do don de Cristo.
E a uns fíxoos apóstolos; a outros, profetas; a outros, mensaxeiros do Evanxeo e, a outros, pastores e mestres, para fornecer cristiáns cara á tarefa do ministerio, para a edificación do corpo de Cristo, ata que todos academos a unidade na fe e, no coñecemento do Fillo de Deus, a madurez do home perfecto, o desenvolvemento propio da plenitude de Cristo.
Palabra do Señor R.: Grazas a Deus
Comentarios
Publicar un comentario