FICHA E LECTIO: Santísima Trindade B
LECTIO:
Mergullados
no misterio trinitario
(30. V.2021)
Teriamos
que converter esta festividade da Santísima Trindade en algo fondamente íntimo,
vivo e sobre todo cordial e comunitario. Desde que nos iniciaron na fe cristiá
sabemos teórica ou abstractamente, si, de Deus como un e trino. Sabemos que é
un en esencia e trino en persoas. Así nolo dixeron e así o aprendemos. Mais
todo semella quedar nun mundo de ideas e conceptos, de especulacións e de
abstraccións, lonxe da nosa fe vivida, sentida e compartida cos demais.
En
realidade, o feito mesmo de que teñamos unha festividade especial dedicada á
concienciármonos da Santísima Trindade, da súa grandeza e das súas marabillas
parece sinalar cando menos o interese da Igrexa en que convertamos a fe na
Trindade de Deus en algo vivo e operativo.
Temos
que partir, en calquera caso, do
presuposto de que Deus, o Deus infinito ou, mellor, superinfinito, é absolutamente incomprensíbel
para nós. E seguirao sendo aínda que se nos teña revelado ou manifestado como
Pai, como Fillo e como Espírito Santo. Esta unidade e diferenza en Deus segue e
seguirá a ser un misterio, por moi grande, fermosa, consoladora que poida ser
esta revelación. Por iso falamos do “misterio”, do gran misterio, da Santísima
Trindade.
Pero
aínda que Deus sexa sempre en si mesmo misterioso, o certo é que algo grande se
nos ten que revelar na Trindade de Deus cando Deus nola quixo manifestar. E
Deus maniféstanos a súa Trindade non con palabras abstractas, senón coa súa
mesma actuación ante nós.
Poderiamos
dicir, de maneira xeral e moi sintética, que Deus se nos presenta no Antigo
Testamento sobre todo como o Deus único, un Deus Pai, que aínda non se nos
manifesta totalmente como é. Mais no novo Testamento, coa manifestación de Deus
no mundo en Xesús, aprendemos a ver concretamente como é a paternidade de Deus.
Xesús maniféstanos o seu Pai, como Pai especialísimo del. Como Pai que o quere
infinitamente. El, Xesús, é o seu “Fillo ben querido”.
Mais
como Xesús é tamén na súa humanidade coma nós, resulta que, ó se nos revelar
Deus como Pai de Xesús, maniféstasenos ó mesmo tempo que el, Xesús (o fillo de
Deus) é o noso irmán maior e que, polo tanto, tamén nós somos fillos de Deus;
pois Deus Pai porfillounos en Xesús, o fillo encarnado de Deus. É o que nos vén
dicir moi claramente o apóstolo Paulo na súa carta de hoxe ós Romanos: “Vós non
recibistes un espírito de escravitude... Recibistes un espírito de fillos
adoptivos, grazas o cal podemos gritar: ‘Abbá’: Pai!... Somos fillos de Deus.
E, se fillos, tamén herdeiros e coherdeiros con Cristo”.
Ata
aquí, como vedes, revélasenos que Deus é polo menos “dúas” persoas, o Pai e
mailo Fillo. Aínda que naturalmente isto das “persoas” divinas non hai que
entendelo en simple continuidade co que somos nós como “persoas” humanas, finitas
e limitadas. En calquera caso, coa paulatina revelación a nós da Trindade de
Deus váisenos dicindo tamén a nós que as persoas humanas estamos chamadas a
ingresarmos misteriosamente nesta Trindade divina.
Agora
ben, a revelación definitiva da Trindade de Deus ocorre coa vinda do que
chamamos Espírito Santo onda nós. Isto celebrámolo no anterior domingo. Por iso
a igrexa coloca sempre liturxicamente a festividade da Santísima Trindade no
domingo seguinte ó de Pentecoste, é dicir, inmediatamente despois da festa da
vinda onda nós do Espírito Santo á maneira dun “vento impetuoso” e
transformador.
Con
esta vinda do Espírito Santo cérrase, para dicilo dalgunha maneira, o “círculo”
da revelación de Deus. Agora resulta que Deus xa non é só dúas persoas, senón
que é “tres” persoas. Deus é un “trío” , un trío que soa tan misteriosamente
ben que non desafina ningún dos tres en tan infinita e incomprensíbel harmonía.
Todo o contrario. En Deus hai tan marabillosa harmonía que, sendo tres persoas,
non por iso son tres deuses, senón un único Deus.
Pero
hai aínda algo máis. Como o Espírito Santo non se marcha xa máis de onda nós, e
alí onde está o Espírito Santo están tamén o Pai e o Fillo, resulta que estamos
así todos, pola presenza en nós do Espírito Santo, unidos á Trindade divina.
A
Trindade de Deus segue a traballar arreo no medio de nós para que nos asemellemos
a ela, sendo así –en cativa semellanza dela- uns e diferentes, variados e
unidos, autónomos e amorosos, libres e entregados. É dicir, trinos e un. O fin
do mundo e da humanidade, ou sexa, o proxecto grandioso de Deus é o de
chegarmos todos a participar desa Trindade divina, que é ó tempo unidade.
Un
meritorio político, empresario e escritor pontevedrés chamado Valentín Paz
Andrade, que viviu durante bastante tempo en Vigo e ó que se lle dedicou hai
algúns anos o día das Letras Galegas, escribiu un libro titulado “Galiza como
tarefa”. Pois ben, se en canto galegos deberiamos traballar a prol desta terra
nosa, en canto bos cristiáns deberiamos ter tamén como consigna algo así como
“A Trindade como tarefa”. É dicir, traballar a prol dun mundo onde exista
liberdade e amor, diferenza e unidade, individualidade e comuñón,
asemellándonos así á Trindade divina que estamos a celebrar.
Os
grandes santos e teólogos dicían e din que sobre Deus, e de maneira especial
sobre o misterio da Santísima Trindade, non podemos senón tatexar. Todos somos
nisto tartamudos ou tatexos, porque o modo de ser de Deus infinitamente nos
supera. Mais a verdade é tamén que as cousas máis fondas e naturais do mundo e
da nosa vida son para nós mesmos misteriosas: a nosa vida, a nosa morte, o
amor, a liberdade e tantas outras cousas. Por que? Porque, á fin e ó cabo, todo
e todos estamos mergullados no misterio de Deus, do Deus misterioso un e trino
que o fixo todo e que está en todo. Dese Deus que se reflicte tamén moi
misteriosamente na mesma vida familiar, que é sempre, en maior ou menor medida,
trina e unha. Pois nela hai tamén pai e esposo, nai e esposa e fillos e irmáns.
Unidade e diferenza, trindade e unidade.
Deámoslle
grazas a Deus porque nos quixo facer partícipes deste mar infindo da súa
divindade.
Manuel Cabada Castro
VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/santisima-trinidade-b-mateu-2816-20/
Comentarios
Publicar un comentario