Ficha e lectio - Domingo da Santísima Trindade
FICHAS ANTERIORES:
TOMADO DE
LECTIO:
SANTÍSIMA TRINDADE
(27 maio 2018)
Teriamos
que converter esta festividade da Santísima Trindade en algo fondamente íntimo,
vivo e sobre todo cordial e comunitario. Desde que nos iniciaron na fe cristiá
sabemos teórica ou abstractamente, si, de Deus como un e trino. Sabemos que é
un en esencia e trino en persoas. Así nolo dixeron e así o aprendemos. Mais
todo semella quedar nun mundo de ideas e conceptos, de especulacións e de
abstraccións, lonxe da nosa fe vivida, sentida e compartida cos demais.
En
realidade, o feito mesmo de que teñamos unha festividade especial dedicada á
concienciármonos da Santísima Trindade, da súa grandeza e das súas marabillas
parece sinalar cando menos o interese da Igrexa en que convertamos a fe na
Trindade de Deus en algo vivo e operativo.
Temos
que partir, en calquera caso, do
presuposto de que Deus, o Deus infinito ou, mellor, superinfinito, é absolutamente incomprensíbel
para nós. E seguirao sendo aínda que se nos teña revelado ou manifestado como
Pai, como Fillo e como Espírito Santo. Esta unidade e diferenza en Deus segue e
seguirá a ser un misterio, por moi grande, fermosa, consoladora que poida ser
esta revelación. Por iso falamos do “misterio”, do gran misterio, da Santísima
Trindade.
Pero
aínda que Deus sexa sempre en si mesmo misterioso, o certo é que algo grande se
nos ten que revelar na Trindade de Deus cando Deus nola quixo manifestar. E
Deus maniféstanos a súa Trindade non con palabras abstractas, senón coa súa
mesma actuación ante nós.
Poderiamos
dicir, de maneira xeral e moi sintética, que Deus se nos presenta no Antigo
Testamento sobre todo como o Deus único, un Deus Pai, que aínda non se nos
manifesta totalmente como é. Mais no novo Testamento, coa manifestación de Deus
no mundo en Xesús, aprendemos a ver concretamente como é a paternidade de Deus.
Xesús maniféstanos o seu Pai, como Pai especialísimo del. Como Pai que o quere
infinitamente. El, Xesús, é o seu “Fillo ben querido”.
Mais
como Xesús é tamén na súa humanidade coma nós, resulta que, ó se nos revelar
Deus como Pai de Xesús, maniféstasenos ó mesmo tempo que el, Xesús (o fillo de
Deus) é o noso irmán maior e que, polo tanto, tamén nós somos fillos de Deus;
pois Deus Pai porfillounos a nós en Xesús, o fillo encarnado de Deus. É o que
nos vén dicir moi claramente o apóstolo Paulo na súa carta de hoxe ós Romanos:
“Vós non recibistes un espírito de escravitude... Recibistes un espírito de
fillos adoptivos, grazas o cal podemos gritar: ‘Abbá’: Pai!... Somos fillos de
Deus. E, se fillos, tamén herdeiros e coherdeiros con Cristo”.
Ata
aquí, como vedes, revélasenos que Deus é polo menos “dúas” persoas, o Pai e
mailo Fillo. Aínda que naturalmente isto das “persoas” divinas non hai que
entendelo en simple continuidade co que somos nós como “persoas” humanas, finitas
e limitadas. En calquera caso, coa paulatina revelación a nós da Trindade de
Deus váisenos dicindo tamén a nós que as persoas humanas estamos chamadas a
ingresarmos misteriosamente nesta Trindade divina.
Agora
ben, a revelación definitiva da Trindade de Deus ocorre coa vinda do que
chamamos Espírito Santo onda nós. Isto celebrámolo no anterior domingo. Por iso
a igrexa coloca sempre liturxicamente a festividade da Santísima Trindade no
domingo seguinte ó de Pentecoste, é dicir, inmediatamente despois da festa da
vinda onda nós do Espírito Santo á maneira dun “vento impetuoso” e
transformador.
Con
esta vinda do Espírito Santo cérrase, para dicilo dalgunha maneira, o “círculo”
da revelación de Deus. Agora resulta que Deus xa non son “dous”, dúas persoas,
senón que Deus é “tres”. Deus é un “trío” , un trío que soa tan misteriosamente
ben que non desafina ningún dos tres en tan infinita e misteriosa harmonía.
Todo o contrario. En Deus hai tan marabillosa harmonía que, sendo tres persoas,
non por iso hai tres deuses, senón un único Deus.
Pero
hai aínda algo máis. Como o Espírito Santo non se marcha xa máis de onda nós, e
alí onde está o Espírito Santo están tamén o Pai e o Fillo, resulta que estamos
así todos, pola presenza en nós do Espírito Santo, unidos á Trindade divina.
A
Trindade de Deus segue a traballar arreo no medio de nós para que nos parezamos
a ela, sendo así –a semellanza dela- uns e diferentes, variados e unidos,
autónomos e amorosos, libres e entregados. É dicir, trinos e un. O fin do mundo
e da humanidade, ou sexa, o proxecto grandioso de Deus é o de chegarmos todos a
participar desa Trindade divina, que é ó tempo unidade.
Un
meritorio político, empresario e escritor pontevedrés chamado Valentín Paz
Andrade, que viviu durante bastante tempo aquí en Vigo e ó que se lle dedicou
hai algúns anos o día das Letras Galegas, escribiu un libro titulado “Galiza
como tarefa”. Pois ben, se como galegos deberiamos traballar a prol desta terra
nosa, en canto bos cristiáns deberiamos ter tamén como consigna algo así como
“A Trindade como tarefa”. É dicir, traballar a prol dun mundo onde exista
liberdade e amor, diferenza e unidade, individualidade e comuñón, asemellándonos
así á Trindade divina que estamos a celebrar.
Os
grandes santos e teólogos dicían e din que sobre Deus, e de maneira especial
sobre o misterio da Santísima Trindade, non podemos senón tatexar. Todos somos
nisto tartamudos ou tatexos, porque o modo de ser de Deus supéranos totalmente.
Mais a verdade é tamén que as cousas máis fondas e naturais do mundo e da nosa
vida son para nós mesmos misteriosas: a nosa vida, a nosa morte, o amor, a
liberdade e tantas outras cousas. Por que? Porque, á fin e ó cabo, todo e todos
estamos mergullados no misterio de Deus, do Deus misterioso un e trino que o fixo
todo e que está en todo. Dese Deus que se reflicte tamén moi misteriosamente na
mesma vida familiar, que é sempre, en maior ou menor medida, trina e unha. Pois
nela hai tamén pai e esposo, nai e esposa e fillos e irmáns. Unidade e
diferenza, trindade e unidade.
Deámoslle
grazas a Deus porque nos quixo facer partícipes deste mar infindo da súa
divindade.
CREDO
ORACIÓN DOS FIEIS
Pidámoslle a Deus Pai, por medio do seu Fillo Xesús e coa
axuda do Espírito Santo, que escoite a nosa oración dicindo: ESCÓITANOS, PAI.
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
-Pola
Igrexa, para que saiba presentar e ofrecer ó mundo a imaxe dun Deus que é
comuñón de amor e de entrega.
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
-Para que,
á imaxe da Trindade, medremos as persoas nun ambiente relacional e comunitario,
de diálogo, respecto e entrega.
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
-Para que
saibamos descubrir a presenza do Pai, do Fillo e do Espírito Santo na
comunidade, mantendo sempre nela a unidade e as diferenzas.
Todos: ESCÓITANOS,
PAI.
Pedímoscho,
Pai, por Xesús Cristo Noso Señor. AMÉN.
Manuel Cabada Castro
VER MÁIS:
Comentarios
Publicar un comentario