Ficha e Lectio - Pentecoste ciclo B
FICHAS ANTERIORES:
LECTIO:
PENTECOSTE
(Ano B: 20 de maio de 2018)
Pentecoste
é o nome de orixe grega da festividade da vinda do Espírito Santo onda nós. Fai
referencia ós “cincuenta” días de despois da Resurrección do Señor. Un número
de días que non se ha entender literalmente senón de maneira simbólica. Día
emocionante, grandioso, este da vinda do Espírito Santo onda nós, para se facer
presente en cada un de nós, homes e mulleres do mundo enteiro de hoxe, mais
tamén de tódalas épocas anteriores e das vindeiras.
A
festa de Pentecoste está en paralelismo e, ó tempo, á maneira de contrapunto coa
festa da Ascensión do Señor que celebrabamos o domingo pasado. Aledabámonos
entón e dabámoslle grazas a Deus Pai polo ascenso glorioso de Xesús ós ceos
despois da súa Resurrección. Coa Ascensión de Xesús estaba para sempre sinalado
o camiño e construída a ponte (falando de xeito comparativo) entre a terra e o
ceo, para acadarmos así vida e felicidade definitivas.
Hoxe,
nesta festa do Espírito Santo, o que ocorre non é unha vez máis un “ascenso”,
unha “Ascensión”, senón, máis ben ó revés, un “descenso”, unha vinda onda nós
do Espírito Santo. Por mediación de Xesús ascendido ós “ceos”, é dicir,
ascendido a esa nova situación gloriosa de Xesús, anticipo do que será a nosa,
baixa o “Espírito” de Deus onda nós. Un “Espírito” que fica xa para sempre onda
nós. O Espírito de Deus veu onda nós, está connosco e estarao sempre. A súa
vinda non ten data de caducidade. Veu para se quedar connosco. De modo que se é
verdade que Xesús ascendeu ós ceos, non hai unha ascensión do Espírito Santo ó
ceo, posterior á súa vinda onda nós. El mantense no interior do corazón de cada
un de nós e nel quere permanecer como en casa propia.
Por
iso non semella estritamente moi cristián esa especie de sentimento de saudade
ou morriña ante a Ascensión de Xesús ós ceos, tal como se expresaba, por
exemplo, Frei Luis de León no seu famoso poema, que, traducido ó galego, comeza
así: “E deixas, Pastor Santo, / a túa
xente no val fondo, escuro, / en soidade e mais pranto, / e vas rompendo o puro
/ ar, que conduce ó teu porto seguro?”. Pois a vinda, o “descenso” do Espírito Santo onda nós liberounos
máis ben de calquera morriña, enchendo plenamente calquera posíbel ou
imaxinábel baleiro do Deus manifestado en Xesús. Porque o Espírito Santo vén
sendo como a presenza de Deus entre nós máis alá do tempo histórico en que
Xesús estivo connosco.
Precisamente
por iso, é dicir, grazas á vinda do Espírito Santo, enviado onda nós polo Pai e
polo Fillo, podía dicir Xesús, a pesar da súa marcha, a pesar da súa
“Ascensión”, que el mesmo “estará sempre connosco ata a fin do mundo”. Se Xesús
é a imaxe, o retrato vivo de Deus Pai, o Espírito Santo é pola súa parte a
presenza viva e actuante de Xesús, ascendido ós ceos, en tódalas persoas de boa
vontade deica a fin dos tempos.
Nos
Feitos dos Apóstolos, o Espírito de Deus énos presentado, na súa vinda onda
nós, como “un ruído dun forte golpe de vento” que o enche todo e como “linguas
de lume” que se pousan sobre cada un dos presentes. Ocorre aquí unha
transformación fonda dos apóstolos, que os fai sentirse a si mesmos “cheos do
Espírito Santo”. De tal maneira que son capaces de dárense a entender por
cantos os escoitan. Dísenos alí que todos os comprendían perfectamente, coma se
falasen na súa propia lingua, sendo así que de feito os que os escoitaban eran
de moi diferentes linguas e nacións.
E
a propósito de linguas e nacións, cando nesta nosa igrexa dos Apóstolos se
celebrou hai agora case cincuenta anos a primeira misa oficial en galego, no
domingo 12 de xaneiro de 1969, podemos dicir que o Espírito Santo traballou
tamén daquela á maneira dun “forte golpe de vento” que destruíu prevencións,
atrancos e inxustizas históricas que impedían que a liturxia e o anuncio do
evanxeo puidesen ser expresados por fin na nosa vella e fermosa lingua.
Pois
ben, tanto nos comezos do espallamento da boa nova de Xesús coma nos tempos de
hoxe e de mañá o que nos fai moita falla a todos é ese “enchérmonos do Espírito
Santo”, tal como ocorreu no primeiro Pentecoste. Ese sentirmos en nós a
presenza viva do Espírito Santo, que nos dá vigor e azos para anunciarmos a
mensaxe de Xesús con liberdade, alegría e agradecemento. Coas palabras, e
mellor aínda cos feitos, porque, no fin de contas, as palabras sen feitos nin
teñen sentido nin capacidade de convicción.
De
que falaban os apóstolos, transformados en si mesmos pola presenza neles do
Espírito Santo? Dinnos os Feitos dos Apóstolos que “das grandezas de Deus”.
Eles sentían en si mesmos o “grande” que era ese Deus que se nos dera a si
mesmo no seu Fillo Xesús e que agora se facía presente coa forza e o poder
transformador do Espírito.
Por
iso é hoxe sobre todo un día no que deberiamos repetir, no interior de cada un
de nós e ó longo da eucaristía, aquela petición que a “Secuencia” formula deste
xeito: “Ven, Espírito divino..., Ven, hóspede desexado... Entra ata o fondo da
alma, divina luz, e enriquécenos... Ven, Espírito Santo, enche o corazón dos
teus fieis...”
Teriamos
que concienciarnos de que este Deus que se nos comunica no Espírito Santo e que
está na mesma orixe da igrexa é un Deus impetuoso, forte, como é forte un vento
impetuoso capaz de derrubar rexos carballos ou castiñeiros. Un Deus libre e que
ama a liberdade. Un Deus que se comunica e que se fai comprender en calquera
lingua e cultura. Un Deus que non se ata a límites, prescricións ou ritos
concretos. Porque a súa grandeza (esa “grandeza” da que lles falaban os
apóstolos ós alí presentes) é unha grandeza divina.
Sobre
esta festa de Pentecoste lin nalgún sitio o seguinte co que concordo: “Na
Igrexa somos moi pouco devotos do Espírito Santo. Sen embargo, só no Espírito
somos os cristiáns capaces das cousas que no noso falar e no noso obrar nos
distinguen como cristiáns. Sen o Espírito nin seriamos adoradores do Pai, nin
seguidores de Xesús, nin servidores dos pobres. Non seriamos nada”.
Pois
ben, para nos converter, tal como deberiamos, en fervorosamente devotos deste
Espírito de Deus, mergullándonos nel e concienciándonos así da súa presenza
agarimosa en nós, pidámoslle cada un de nós a el mesmo que nos mande a súa luz,
utilizando as palabras do comezo da “Secuencia” deste día: “Ven, Espírito divino, manda a túa luz do ceo”.
CREDO
ORACIÓN DOS FIEIS
A Ti, Espírito divino, que
procedes do Pai e do Fillo, dirixímosche neste día de Pentecoste as nosas
oracións dicindo: “Ven, Espírito divino”.
TODOS: “Ven, Espírito divino”.
- Ven, Espírito divino, manda
a túa luz do ceo.
TODOS: “Ven, Espírito
divino”.
- Entra ata o fondo da alma,
divina luz, e enriquécenos.
TODOS: “Ven,
Espírito divino”.
- Ven, Espírito Santo, enche o
corazón dos teus fieis.
TODOS: “Ven,
Espírito divino”.
Pedímoscho,
Espírito divino do Pai e do Fillo, coa confianza e a esperanza que Ti mesmo nos
dás. Amén.
Manuel
Cabada Castro
VER TAMÉN:
Comentarios
Publicar un comentario