FICHA E LECTIO - Corpus Christi B
FICHAS ANTERIORES:
LECTIO:
SANTÍSIMO CORPO E SANGUE DE CRISTO
(3 de xuño de 2018)
O
domingo pasado celebrabamos a festa da Santísima Trindade. E tomabamos
conciencia do seu significado como manifestación de Deus a nós do que el mesmo
é: un Deus que, desde sempre, é un e trino, unido e diferente en si mesmo. Un
só Deus en tres persoas, sendo cada unha delas de natureza divina. Diciamos
tamén que ese Deus quere comunicarse a todos e facer de nós, en comuñón con el,
algo semellante ó que el mesmo é: unha soa e incomparábel familia. Unha
familia, na que esteamos todos unidos entre nós e con Deus polo amor,
manténdonos porén todos e cada un de nós autónomos e libres, é dicir,
diferentes.
Ó
celebrarmos hoxe a festa do Corpo e Sangue de Cristo, non podemos esquecer este
contexto xeral grandioso do que Deus é. Como sabemos, a meirande expresión da
relación de Deus connosco é o feito de que el se humanizou en Xesús, o seu
Fillo encarnado, que posúe un corpo igual ó noso.
Pois
ben, con este Xesús visíbel, audíbel e tanxíbel estiveron en contacto directo
os seus apóstolos. Por iso son eles para nós as verdadeiras testemuñas de
Xesús. Mais cantos non tivemos esa experiencia ou vivencia directa de Xesús temos
tamén a posibilidade de relacionármonos dunha maneira especial con Xesús e a
través del e nel co Pai e co Espírito Santo. Esta é a fonda mensaxe da festividade
de hoxe, a do Corpo e Sangue de Cristo. Porque nas nosas Eucaristías entramos
en contacto especialísimo con Deus. E isto ocorre de dúas maneiras
fundamentais:
A
primeira é ó escoitarmos comunitariamente a palabra de Deus. Ben sabemos o ben
que nos fai a todos cando alguén nos dirixe a palabra. E tamén como nos doe
cando alguén que nos coñece pasa ó noso lado sen dicirnos ren. Medramos e
fortalecémonos internamente coa palabra e cos agarimos dos demais. Lembro que
unha vez aquí en Vigo camiñaban algo diante miña pola beirarrúa un matrimonio
que levaba consigo unha nena pequeniña. Pasaron ó lado dun mendigo con moita
barba que estaba sentado na beirarrúa sen lle faceren moito caso, mais a nena
reviraba a cabeciña cara a atrás, cara ó mendigo, e non paraba de saudalo coa
manciña e co seu sorriso. O mendigo reloucaba de alegría ó ver que ela o ollaba
e saudaba con agarimo.
Pois
ben, coa súa palabra amorosa, o Deus que se fixo neno en Xesús para aprendernos
como nos debemos comportar, diríxenos tamén a súa palabra de xeitos moi diversos.
A través da propia conciencia, do bo exemplo que nos dan os demais, tamén e de
maneira especial e directa a través da palabra súa que se nos fai presente na
lectura ou na escoita dos evanxeos. Neste senso, a palabra de Deus é para nós
verdadeira comida. Porque nos dá azos, porque nos ofrece sentido para a vida,
porque nos capacita para podermos vivir con plenitude.
A
segunda maneira de entrarmos en contacto con Deus é por medio da comuñón
eucarística, tras escoitarmos antes as lecturas da Sagrada Escritura. Cando
facemos iso, sabemos que non realizamos un rito baleiro. Pola palabra de Deus,
na que cremos, sabemos que na comuñón do “corpo de Cristo” recibimos un forte
impulso vital, dador de vida. Xesús definiuse a si mesmo moitas veces como
“Vida”: “En son o camiño, a verdade e A VIDA”. “Eu son o pan VIVO”. “Se alguén come deste pan, VIVIRÁ para
sempre”. “O pan que eu darei é ... para a VIDA do mundo”. “Quen come a miña
carne e bebe o meu sangue, TEN VIDA ETERNA E EU RESUCITAREINO no derradeiro
día”. “Quen come este pan VIVIRÁ para sempre”.
Por
iso esta festividade ten que ser para nós unha nova ocasión de agradecermos a
Deus pola súa xenerosidade infinita, fornecedora de vida. Pois cremos nun Deus
que se deixa comer por nós para podermos participar así da súa forza e da súa
vida.
En
calquera caso, Deus quere que vivan todos, quere que participen da vida cantos
se senten ameazados por necesidades materiais ou espirituais. Por iso esta celebración
eucarística ha ser sempre non só íntima ou devota, senón tamén e sobre todo
comunitaria e social. De xeito que así como Deus nos ofrece e nos dá a súa vida
a cada un de nós, así deamos tamén nós polo menos algo da nosa vida, do que
somos ou temos, ós demais. Con ese comportamento en realidade non perdemos
nada, senón que gañamos e medramos moito na propia vida.
O
evanxeo da festividade de hoxe refire os acontecementos da derradeira Cea do
Señor, cando Xesús lles di ós Apóstolos: “Isto é o meu corpo”, “Isto é o meu
sangue”. Tedes aquí na igrexa diante vosa en imaxes o fermoso conxunto
escultórico da “derradeira Cea”. Hai xa algo máis de corenta anos que se
colocou aquí, no ano 1976, este retablo de pedra, oito anos despois da
inauguración da igrexa. Chamamos a esta igrexa a “igrexa dos Apóstolos” por
esta imaxe dos Apóstolos. Está ben, mais o escultor que realizou a obra, Xoán
Piñeiro, falaba sempre desta creación artística súa como “A Cea” ou “A
Derradeira Cea”. As imaxes esculpiunas en pedras de granito que se trouxeron
dun monte da Pedrosa (Mañufe): houbo que baixalas de alí e levalas ó estudo que
tiña el en Goián. Despois trasladáronse ata aquí e colocáronse no paramento de
pedra do presbiterio. Ó final a xente quedou entusiasmada e eufórica coa obra
ben feita. Hai entendidos que pensan incluso que esta é a grande obra de Xoán
Piñeiro.
O
Pai Xaime Seixas estaba aquí cando se colocou esta imaxe de pedra, que a el lle
gustaba moito polo seu recendo a evanxeo e porque presentaba Xesús como amigo e
compañeiro de pescadores e de pecadores. Hai xa algúns anos un xornalista
escribía o seguinte en relación coa inauguración deste retablo de pedra:
“Lembro,
coma se fose hoxe, cunha emoción que aínda é capaz de humedecer os ollos, unha
das homilías daquel entrañábel ser, o Pai Seixas, cando a obra de Piñeiro
acababa de ser colocada na igrexa e a defensa que fixo dela, porque ós ollos
dalgúns eclesiásticos e segrares xerara reparos [...] En pedras e en madeiras
ía deixando Piñeiro a pegada da súa capacidade creadora, e ó seu nome de pía
engadíronlle o alcume de ‘fai santos’. E apóstolos e santos fixo sobre a pedra,
tomando como modelos xentes das mariñeiras terras do Morrazo, algo que confesou
e escandalizou a máis dun, esquecéndose estes de que pescadores de almas, para
un Reino que non é deste mundo, quería que fosen os participantes na Cea”.
A
festividade do “Corpo e do Sangue de Cristo” é, pois, a grande e viva lembranza
sobre ata onde pode chegar o amor de Deus na súa entrega agarimosa a todos nós
co fin de nos comunicar a súa vida. Por iso esta festividade está unida tamén
tradicionalmente ó día da Caridade e a colecta de hoxe é polo mesmo, como
sabedes, por esa intención. Queiramos os demais como Deus nos quere a nós.
ORACIÓN DOS FIEIS:
Dirixímoslle
a Deus Pai a nosa oración, dicindo: ESCÓITANOS, PAI.
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
-
Pola Igrexa, para que reparta o pan e a palabra de Cristo, de xeito que chegue
a cantos teñen fame e sede de xustiza, de paz, de Deus.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
-
Polos máis pobres e excluídos para que atopen na sociedade e na Igrexa canles e
recursos para superaren a súa situación.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
-
Por todos nós, para que ó alimentarnos do corpo e de sangue de Cristo fagamos
eucarística a nosa vida no servizo ós demais.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
PEDÍMOSCHO,
PAI, POR XESÚS CRISTO NOSO SEÑOR. AMÉN.
Manuel Cabada Castro
VER MÁIS:
Comentarios
Publicar un comentario